O Concello dedicará preto de 200.000 euros á conservación de pistas

0

O Concello ten aberto o proceso de contratación dun macroproxecto de mellora da rede viaria municipal a través do que se prevén reparar cerca dunha trintena de pistas repartidas por todo o territorio. En anteriores exercicios  este tipo de obras licitábanse en varias actuacións financiadas principalmente polo POS provincial. Porén, nesta ocasión o importe total -199.478 euros- será sufragado integramente con fondos municipais provenientes dunha parte do superávit de 2016 e, ademais, o paquete de reparacións contratarase dunha soa vez mediante un procedemento negociado xa en marcha no que participan 8 empresas.

O proxecto técnico recolle un total de 27 camiños e pistas municipais nas que, dependendo dos problemas que presentan, se levarán a cabo reasfaltados completos ou ben reparacións nos tramos máis danados.  En calqera caso o mapa das intervencións previstas chega ás sete parroquias e atende en boa medida a peticións formuladas nas asembleas do orzamento participativo.

Así, en Bardaos amañarase a pista ntre A Torre e Gudín. En Santa Mariña do Monte repararanse o camiño do Colado, a pista entre A Esperanza e A Pereira, a vía que vai das Calvelas a Vilachá e a que une As Calvelas e A Lobeira pasando por Corripa, ademais do camiño que leva á capela da Esperanza.

En Naraío arranxarase a pista que baixa da Fontela até pasar a ponte de Pereiras, daráselle un repaso ás da Ferraría, A Barcia, os Foxos e a Vila e tamén se amañarán as voltas da estrada que discorre pola fraga entre O Furado e a Fraguela. No cordal do Monte repararase a pista da Abelleira -o tramo entre as vivendas-, prepararase a do  Lugar do Monte e, preto desta, tamén a que vai de Quintiá ao cruzamento da Grúa.

En Igrexafeita as obras abranguerán a pista de Remicieiro, a do Vilar, a da Fraguela e un pequeno tramo na Penadameda. Por outra banda, en Ferreira, acondicionarase a pista que vai de Lapas de Arriba a Santiso e a que vai desde este último lugar até As Filgueiras. Nesta parroquia tamén está previsto amañar a estrada que vai desde o Pico ata o límite con Moeche.

No caso de Lamas hai definidas tres actuacións: o amaño de dous tramos de pista no Cal de Abaixo e no Cal de Arriba e, ademais, o adecentamento do acceso ao local social do Camiño Arriba. Por último, en San Sadurniño repasarase a pista da Fonte do Gando e o camiño da Penela.

O orzamento do proxecto completo aproxímase aos 200.000 euros. O Concello iniciou hai días o proceso de contratación convidando a 8 empresas da zona para que presentasen as súas ofertas económicas. O procedemento quedará resolto nos próximos días e a intención municipal é adxudicar os traballos de maneira que poidan comezar a executarse na primavera.

 

Share.