O Concello dedicará 18.000 euros do Fondo Ambiental a instalar iluminación led en todo Cornide

0

San Sadurniño ten asignados para este 2023 un total de 34.073,60 euros do Fondo de Compensación Ambiental, que se distribúe entre todos aqueles municipios galegos que posúen parques eólicos dependendo do número de muíños que teñan instalados. Estas partidas deben investirse en actuacións relacionadas coa sostenibilidade ambiental e por iso o Concello deseñou un proxecto por valor de 18.149,76 euros que se ocupará de pasar a led todos os farois do Camiño da Bidueda e do resto no núcleo de Cornide. Son case medio cento de puntos de luz que, tralo cambio, aforrarán un 60% en electricidade, ademais de ofrecer unha iluminación máis uniforme e menos contaminante desde o punto de vista lumínico e de emisións de CO² equivalente á atmosfera. Por outra banda, a intervención será o complemento perfecto do aglomerado que se vai levar a cabo na zona con cargo ao POS provincial e completará a renovación das luces públicas de toda a zona centro de San Sadurniño.

O proxecto deseñado pola FAEPAC -a fundación provincial que asesora aos municipios e á veciñanza en materia de aforro enerxético- define as características técnicas dunha instalación que, salvo os cables e os postes, será totalmente nova.

O cambio principal será o dos farois, substituíndo as antigas lámpadas de descarga -48 en total- máis gastadoras e de luz máis pobre por outras máis modernas con tecnoloxía led, que ofrecen unha iluminación máis estable e de maior calidade desde o momento xusto do acendido, sen contar que a súa duración teórica supera as 50.000 horas de funcionamento ininterrompido (10 veces máis que as actuais).

As vantaxes principais son un menor consumo eléctrico, unha luz máis uniforme e natural (adeus á luz laranxa ou verdosa) e unha redución considerable da emisión lumínica á atmosfera. Aspectos que figuran cuantificados no proxecto técnico: con practicamente as mesmas horas anuais de traballo, que pasarían de 4.263 a 4.200, a enerxía anual consumida baixaría de 27.829 kWh a tan só 10.962 kWh, é dicir, un aforro  porcentual do 60,61% en termos de consumo, mentres que en termos económicos a difra pasaría de 7.692,12€ a algo máis de 4.200 euros (un aforro porcentual do 54,68%).

O investimento total está cuantificado en 18.149,76 euros, IVE incluído, no que se recollen todos os materiais e os custes de man de obra. Os outros case 16.000 euros dos que disporía o Concello ata cubrir os 34.073€ da achega do Fondo de Compensación Ambiental dedicaranse ao desenvolvemento dunha campaña informativa en todo o municipio sobre a correcta separación en orixe dos resíduos domésticos.

Alén da mellora que suporá en canto a iluminación e en canto a aforro enerxético e económico, a reforma da rede -que irá acompañada do reacondicionamento e unificación de cadros de mando- tamén contribuirá a reforzar o aspecto xeral da zona, onde se prevé aglomerar o eixo principal que vertebra o núcleo de Cornide, comprendido entre o cruzamento coa AC-862 e a última vivenda do Camiño da Bidueda. A reposición do firme financiarase con cargo ao POS+ 2023 da Deputación da Coruña e está orzamentada en 61.472,85 euros.

“Entre a reparación do Camiño da Bidueda e a renovación dos puntos de luz hai previsto un investimento cercano aos 80.000 euros en Cornide, que é a zona máis poboada de San Sadurniño despois do centro urbano. Ademais, o proxecto da iluminación tamén virá completar o programa plurianual de renovación de todas as farolas que iniciamos ao longo da estrada de Ortigueira e que despois continuamos por Marqués de Figueroa, o Outeiro e o Inxerto”, comenta Secundino García engadindo que dos arredores do núcleo urbano principal “só quedaría pendente a zona de Piñeiros e a Portela, que se executarían en proxectos posteriores”.

Demanda de novos criterios para o cálculo do canon eólico 
O rexedor explicou que as achegas do Fondo de Compensación Ambiental proceden á súa vez “do canon que lle pagan á Xunta as empresas que explotan parques eólicos” e que o seu reparto se fai “segundo o número de muíños que haxa instalados en cada concello”.

Neste sentido, Secundino García Casal avoga por un cambio de criterio no cálculo do canon e no seu traslado ao Fondo de Compensación Ambiental que, a o seu xuízo, debería atender ás potencias instaladas e non tanto á cantidade de aeroxeradores, aínda que o impacto visual e ambiental estean na orixe deste gravame ás eólicas. “O canon e a distribución do Fondo Ambiental coido que deberían tomar como principal referencia a potencia instalada,  xa que os beneficios dun parque están na produción, non en cantos muíños haxa. Ademais, tanto nos novos proxectos eólicos como nas modificacións de parques existentes a tendencia é usar máquinas cada vez máis grandes e que produzan máis”.

O alcalde de San Sadurniño pon como exemplo da súa postura o parque de Novo (San Sadurniño, Narón e Valdoviño). Como se recordará, Naturgy solicitou o ano pasado unha repotenciación consistente no desmantelamento dos 25 muíños actuais para poñer despois seis de maior tamaño, mantendo invariable a súa potencia instalada total de 18,75 MW pero cunhas perspectivas de chegar a producir 50 GWh/ano.

lei de 2009 que regula o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, acorde coa tecnoloxía dispoñible naquela época, establece distintos tramos do canon: 0€ para parques que teñan entre 1 a 3 aeroxeradores; 2.300 euros por aeroxerador se hai de 4 a 7 máquinas; 4.100 euros por unidade se o parque ten entre 8 e 15 muíños; e 5.900 euros por máquina se o parque sobrepasa os 15 aeroxeradores.

Nun caso tipo como o do parque de Novo,  con 25 muíños, o pago anual á Xunta ascende a 147.000 € (5.900 euros x 25 máquinas). Trala súa modificación, este parque quedaría encadrado no segundo tramo do canon pagando tan só 13.800€ (2.300€ x 6 máquinas), aínda incrementando considerablemente a súa capacidade de xeración anual.

“O cálculo do canon eólico hai que revisalo e actualizalo, porque del dependen moitos investimentos que se fan desde os concellos. Ese é outro dos debates arredor da eólica que debe darse en Galicia, e con urxencia, ademais de seguir reclamando transparencia ante o despregamento masivo que se pretende facer por terra e por mar e esixindo  contraprestacións acaídas para os concellos e para as veciñas e veciños afectados por ese despregamento, a todas luces depredador”, asegura Secundino García.

Share.