O Concello dedica 16.500 euros a labores de mantemento no CPI San Sadurniño

0

Este mes de xullo e tamén parte do de agosto será de intenso traballo no colexio público de San Sadurniño. Alí están desenvolvéndose xa varias actuacións de mantemento co obxectivo de que en setembro, cando a rapazada e o profesorado regresen ás aulas, o encontren todo nas mellores condicións posibles. De primeiras notarán que os corredores dos dous andares superiores teñen pintura nova. Tamén verán nos recreos que se lle deu un lavado de cara ao patio cuberto e que se repararon ou substituíron elementos exteriores danados polo trote diario. Porén, canda estas tamén hai outras melloras menos evidentes e quizais máis importantes, como por exemplo o paso a LED da iluminación de emerxencia nas instalacións de Secundaria ou o saneamento da súa fachada norte para evitar a entrada de humidades. En todos estes labores de conservación -a maior parte deles solicitados pola dirección do centro- o Concello investirá algo máis de 16.500 euros.

Empecemos pola pintura, entre outras cousas porque é o traballo que está en marcha nestes momentos repasando os corredores do primeiro e do segundo andar do edificio máis antigo, que acolle Infantil e Primaria. Os rodillos funcionan arestora renovando o aspecto das paredes e o teito antes de cambiar ao patio cuberto, onde se lle dará unha nova man a todo o recinto. Alí tamén está previsto facer reparacións nos aseos, entre elas o arranxo das portas ou o cambio do falso teito.

En canto aos espazos exteriores, o Concello ten anotada a reposición ou amaño do mobiliario que presente desperfectos, como por exemplo bancos, canastas, porteirías e outro equipamento que soporta durante o curso a intensa actividade da rapazada.

Por outro lado, no aparcadoiro reservado ao profesorado e empresas provedoras, o plan de mantemento estival contempla o tapado de baches cunha mestura de asfalto e o repintado das prazas.

Desde o centro de ensino solicitábase unha reparación integral da explanada que o Concello optou por deixar para máis adiante, destinando os recursos que ten agora dispoñibles a outra intevención, se cadra, máis urxente. E é que un dos traballos de maior importancia e importe que se van facer nas próximas semanas  consistirá en asegurar un correcto illamento da fachada norte do edificio de Secundaria para evitar as filtracións de humidade que lle afectan ao interior do inmoble.

Só a este apartado destinaranse 7.526 euros dos algo máis de 16.500 en que están cuantificados inicialmente todos os labores de conservación e mellora que xa están en marcha nas instalacións do centro de ensino.

Outras cuestións que tamén entrarían no programa de mantemento serían a instalación de iluminación de emerxencia LED no edificio de Secundaria e unha intervención nos aseos de Infantil para eliminar os problemas de cheiros.

O Concello encargoulle parte dos traballos a pequenas empresas, mentres que outros serán executados polo propio conserxe do centro facendo equipo co persoal temporal contratado dentro do PEL provincial, de maneira que os custes se verán sensiblemente reducidos en relación con todo o que está previsto facer.

Melloras da accesibilidade
Alén destes traballos de mantemento que se veñen desenvolvendo todos os anos aproveitando as vacacións de verán, o Concello tamén ten preparado un proxecto de maior envergadura referido á mellora da accesibilidade no pavillón municipal que tamén beneficiará directamente ao alumnado do CPI, sobre todo á entrada e á saída da escola.

A obra servirá, a grandes trazos, para trasladar a porta principal á fachada sur do pavillón -que dá á nova rúa entre o Centro de Saúde e Marqués de Figueroa-, o que facilitará a entrada do público e a súa posterior distribución polas bancadas. Porén, o proxecto deseñado pola arquitecta municipal tamén recolle a construción dunha pérgola duns 35 metros de lonxitude que cubra conxuntamente tanto ese acceso como a entrada ao patio cuberto do CPI. Deste modo garantirase que en días de chuvia a rapazada do centro de ensino non teña que agardar polo transporte á intemperie. Ambos espazos comunicaranse mediante unha rampa continua e co desnivel máximo que indica a normativa de accesibilidade.

O investimento total está cuantificado en 76.668 euros, sufragados integramente con fondos municipais provenientes dos remanentes de tesouraría cos que pechou o exercicio de 2020. O Concello agarda licitar o contrato dentro duns días.

Share.