O Concello de San Sadurniño inicia este luns unha nova rolda de asembleas do Orzamento participativo

0

Encaramos o final do ano e, como vén ocorrendo desde hai unha década, a área de Participación de San Sadurniño retoma o calendario de xuntanzas parroquiais coas que recoller propostas de cara ao orzamento municipal de 2019, que o executivo local pretende levar a pleno a finais de decembro. As asembleas son un foro para achegar ideas sobre investimentos, maneiras de mellorar servizos ou xeitos de cubrir necesidades veciñais, atendendo sempre á súa viabilidade técnica ou económica e ao requisito de que beneficien ao maior número posible de persoas. A primeira delas terá lugar no local social de Naraío este luns a partir das 20.00h.

O habitual é que cadaquén propoña investimentos para o seu contorno inmediato, como asfaltados, sinalizacións, rozas, construción de sendas peonís, etc. Porén, as asembleas tamén están concibidas como un punto de encontro de onde poidan xurdir ideas beneficiosas para o conxunto do territorio -medidas de aforro, programas de optimización de recursos, novos servizos, etc.- e non exclusivamente para unha zona concreta.

Ademais, nestes encontros o Grupo de goberno tamén aproveita para informar sobre a marcha de distintos proxectos e mesmo adianta algúns que se teñen previsto levar a cabo, co obxectivo de manter a veciñanza ao tanto do que se está facendo e pedir a súa opinión sobre as cousas que se queren facer máis adiante.

As asembleas que comezan no serán deste luns en Naraío terán lugar nos locais sociais ás 20.00h. agás a de San Sadurniño, que se retrasará por mor da celebración dun pleno extraordinario. Nese caso a xuntanza está posta para mañá martes ás 20.30h. na Casa da Xuventude. As seguintes serán en Lamas o mércores 28, en Igrexafeita o xoves 29, en Ferreira o venres 30, no Camiño Arriba o luns 3 de decembro, en Bardaos o 4 e, a última, o mércores 5 de decembro no local de Santa Mariña do Monte.

Quen se achegue ás asembleas -abertas á veciñanza ou a quen teña relación con San Sadurniño- poderá presentar as súas propostas de viva voz ou ben entregalas escritas na folla normalizada que se fixo chegar aos domicilios a través do boletín informativo Novas. A ficha está dispoñible para descarga desde esta ligazón e tamén pode entregarse no rexistro, mandala por correo postal -Lugar do Casal 16, 15560 San Sadurniño- ou enviala ao correo electrónico correo@sansadurnino.gal.

Os resultados dos debates e das propostas que se dean nas xuntanzas recolleranse e ordenaranse para ser tratados en decembro na Mesa de participación veciñal, onde estarán presentes os grupos políticos e as persoas designadas en cada parroquia para defenderen as propostas elixidas en cada zona. A partir de aí o Concello avaliará a posibilidade de levalas a cabo, fará unha cuantificación técnica das que sexan viables e incorporaraas ao documento do orzamento do ano que vén, que podería ir a pleno cara a finais do mes.

Aquelas que queden fóra polo seu elevado importe malia seren interesantes non necesariamente deixarán de executarse, senón que pasarán formar parte dun listado de previsións que poderían levarse a cabo mediante modificacións orzamentarias no futuro, gracias a achegas doutras administracións ou a través da xeración de novas partidas con remanentes económicos propios.

Share.