O Concello convoca tres postos de traballo temporais con cargo ao PIL da Deputación da Coruña

0

O Concello de San Sadurniño acolleuse ao Programa de Integración Laboral  impulsado pola Deputación da Coruña para apoiar aos municipios menores de 20.000 habitantes na contratación de persoal temporal que se encargue de facer pequenas obras e servizos. A liña -encadrada dentro do Plan de Emprego Local 2016/2019- suporá unha achega de 25.000 euros, que se destinarán a sufragar a contratación temporal de tres persoas desempregadas: unha a xornada completa durante 6 meses para conducir o camión e outra maquinaria municipal, outra cunha xornada de 6 horas durante 5 meses para facer tarefas de albanelería e, por último, un peón ou peoa de obras tamén con contrato a 6 horas diarias e 5 meses de duración. A convocatoria para cubrir estes postos publicouse no BOP deste mércores 13 de xuño e as persoas que queiran acceder ao proceso selectivo deberán presentar as instancias e outra documentación, como moi tarde, o xoves 20 de xuño.

O obxecto do plan provincial é facilitarlles aos municipios o reforzo das súas propias brigadas de obras ou servizos sen que supoña custo algún para as arcas municipais, posto que a subvención asignada cobre tanto os salarios como os custes de seguridade social. Porén, a finalidade do PIL tamén é promover a integración laboral de persoas que, por diversas circunstancias, teñen dificultade para acceder a un posto de traballo ou que afrontan unha situación das denominadas de “exclusión laboral”, como poden ser ter máis de 45 anos, levar máis de 2 anos como demandante de emprego, ser muller, ter unha discapacidade igual ou superior ao 33%, non ter fogar ou vivir nun onde ninguén teña traballo, etc. Ademais, no caso do posto de condutor ou condutora do camión e doutra maquinaria municipal, tamén se deberá estar en posesión do carné de conducir C.

Todas elas son requisitos específicos para optar á convocatoria que aparecen reflectidos nas bases publicadas polo Concello, que se xuntan outras esixencias xenéricas. A primeira é  ter máis de 16 anos e nacionalidade española, dalgún estado da UE ou ser unha persoa estranxeira residente en España. A segunda é que sobre a persoa aspirante non pese ningunha causa de inhabilitación para desempeñar empregos ou cargos públicos. A terceira é que non padeza enfermidades ou defectos físicos ou psíquicos que impidan o desempeño do traballo e, como requisito final, tamén se pide que as persoas que queiran optar a calquera dos tres postos ofertados deben estar inscritas como demandantes non ocupadas no Servizo Público de Emprego de Galicia.

Os perfís que se buscan son o dunha persoa que guíe o camión de obras e da recollida do lixo, así como os tractores e outra maquinaria, durante 6 meses e cun contrato a tempo completo. O salario bruto mensual será de 1.400,76 euros. O segundo posto que se cubrirá con carácter temporal  -5 meses a 6 horas diarias-será o de unha persoa para facer pequenos traballos de albanelería, principalmente no mantemento e mellora nas vías municipais e na rede de abastecemento. O salario bruto está estipulado en 1.100,59€. Coa mesma duración, 5 meses e xornada parcial de 6 horas, tamén se contratará unha persoa que faga labores de peonaxe na recollida do lixo, na limpeza viaria e na atención á rede de abastecemento de auga. Neste caso o soldo bruto ascende a 1.044, 88 euros.

O proceso selectivo farase mediante concurso-oposición. Quen queira optar aos postos ofertados  deberá achegar a documentación acreditativa de que cumpre tanto os requisitos xerais como os específicos, así como aquela que permita valorarlles os méritos na fase de concurso, como por exemplo a formación ou a experiencia laboral. Por méritos poderán obterse ata un máximo de 4 puntos.

A fase de oposición -que conta ata 6 puntos- constará dun exame tipo test con 20 preguntas sobre materias relacionadas con cada posto ofertado, ademais dunha proba  de competencia lingüística en galego que non puntuará -só se obterá a cualificación de apta/non apta- e que, en calquera caso, só deberán facer aquelas persoas que non acrediten coñecementos básicos mediante o CELGA 1 ou equivalente.

O temario incluído nas bases establece contidos comúns para cada oferta relativos ao coñecemento do territorio -parroquias e lugares de San Sadurniño e principais vías de comunicación- e, despois, apartados centrados no traballo correspondente a cada unha delas, como son as características de camións e tractores e a seguridade no uso de maquinaria; o coñecemento de ferramentas propias da albanelería e da seguridade en obras, e os apeiros utilizados por un peón ou peoa de obras, xunto coas medidas de seguridade básicas que se deberán observar no traballo.

O tribunal de selección estará composto por persoal municipal e, trala publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia, as persoas interesadas en concorrer a esta convocatoria de emprego temporal deberán presentar a correspondente solicitude e a documentación esixida no prazo de 5 días hábiles. Dito doutro xeito, o prazo para presentarse á oferta remata o xoves 20 de xuño.

Información descargable:
Anuncio do Boletín Oficial da Provincia
Bases do procedemento completas
Anexos coa folla de solicitude e o temario

 

 

Share.