O Concello contratará tres persoas paradas dentro do Plan de Emprego Local da Deputación

0

San Sadurniño acolleuse ao  Plan de Emprego Local convocado pola Deputación da Coruña para favorecer o emprego e a integración laboral naqueles municipios da provincia cunha poboación inferior aos 20.000 habitantes. Ao noso Concello correspondéronlle 28.000 euros cos que se prevé contratar durante cinco meses e medio a un condutor ou condutora da maquinaria municipal a xornada completa e a outras dúas persoas para reforzar a brigada de Servizos, neste caso cunha xornada de 6 horas diarias. As bases establecen que o proceso selectivo para cubrir eses postos se faga partindo dun listado de demandantes de emprego enviado polo Servizo Público de Emprego de Galicia. O Concello xa solicitou hoxe mesmo esa relación de persoas aspirantes a cada un dos postos, que serán chamadas nos próximos días para participar na selección mediante concurso-oposición.

Igual que na convocatoria do ano pasado, para formar parte do listado de aspirantes é necesario estar de alta no SPEG como demandante de emprego en traballos coincidentes cos ofertados polo Concello, posto que o servizo público só remite os perfís de aquelas persoas que cumpren con ese requisito principal.

Os postos de carácter temporal que se cubrirán dentro do PEL son os seguintes:

  • Un condutor ou condutora de camión (necesario o carné C), durante 5,5 meses a tempo completo para guiar na maquinaria municipal, incluída a agrícola, para facer rozas na rede viaria ou atender a recollida do lixo.
  • Unha persoa para facer traballos de albanelaría a tempo parcial -6h./día- durante 5,5 meses, co cometido de realizar pequenas obras de mantemento.
  • Un peón ou peoa a tempo parcial -tamén a 6 horas diarias durante cinco meses e medio- que apoie o traballo da área de servizos.

Ademais de ter inscrición no SPEG como demandantes non ocupadas, tamén se marcan outras condicións que han de cumprirse, se non todas, alomenos algunha delas, como por exemplo  ter máis de 45 anos, levar en situación de desemprego dous ou máis anos, ter unha discapacidade recoñecida igual ou superior ao 33%, ser muller, vivir nun fogar onde ninguén teña traballo, ser familia monoparental, non ter fogar, ter dificultade para atopar traballo por razón do idioma ou circunstancias socioculturais, ser vítima de violencia de xénero ou encontrarse nunha situación de drogodependencia.

O Concello publicou hoxe as bases aprobadas hai uns días polas que se rexerá o proceso selectivo, consistente nunha fase de concurso para valorar os méritos e as circunstancias sociais  e outra de oposición, que se efectuará cunha entrevista telefónica centrada no coñecemento do territorio, das ferramentas e do traballo que se deba desenvolver en cada posto.

As contratacións sufragaranse con cargo ao Plan de Emprego Local da Deputación da Coruña, que reservou para San Sadurniño unha achega total de 28.000 euros. O ente provincial ten intención de lanzar proximamente unha segunda convocatoria co mesmo contido, de cara a axudar a paliar os efectos da crise sanitaria sobre o emprego nos colectivos máis vulnerables. Ademais, o Concello tamén ten solicitado o programa APROL Rural da Xunta de Galicia que permitiría contratar dúas persoas máis para facer labores relacionados coas faixas forestais. Este último programa autonómico solicitouse xa no mes de xaneiro e, de momento, a Xunta aínda non resolveu a adxudicación dos fondos para poder levalo a cabo.

Bases para a contratación de persoal temporal ao abeiro do Programa de Integración Laboral 2020

 

Share.