O Concello contratará temporalmente outra persoa desempregada, desta vez con cargo ao APROL Rural da Xunta

0

Ademais de beneficiarse do PEL da Deputación da Coruña, a través do que se convocaron 5 contratos temporais para persoas desempregadas, o Concello de San Sadurniño tamén se acolleu ás axudas do APROL Rural da Xunta de Galicia, que permitirán ofrecer outro contrato máis de 9 meses de duración a xornada completa para desenvolver distintas tarefas relacionadas coa limpeza de vías municipais e a roza de maleza. O procedemento de selección será o mesmo que o utilizado para o PEL, é dicir, solicitaráselle ao Servizo de Emprego Público Estatal que envíe un listado de aspirantes que cumpran os requisitos e despois o Concello contactará con elas e eles para que, de teren interese, presenten a documentación e participen no concurso-oposición que se levará a cabo con posterioridade. Por este motivo, desde o Concello insístese en que todas as persoas que queiran optar ao proceso (formar parte do listado que mande finalmente o SPEG) deben ter ao día a tarxeta de demanda de emprego e estar buscando traballo coincidente co posto que se oferta.

Ademais de ser persoa desempregada inscrita no SPEG como demandante non ocupada e dispoñible para traballar, tamén haberá que cumprir outros requisitos descritos nas bases, como por exemplo ter máis de 16 anos, non padecer enfermidades ou defectos físicos que impidan o desenvolvemento das funcións do posto e, importante, non ter traballado durante 9 ou máis meses en 2020 con cargo a programas municipais de emprego ou doutras entidades que estivesen financiados pola Consellaría de Emprego e Igualdade.

O procedemento de selección a partir do listado que envíe o Servizo Público de Emprego de Galicia farase mediante unha fase de concurso-oposición. No concurso valoraranse con ata 4 puntos as circunstancias persoais. Así, contará ser muller -en virtude da maior dificultade que teñen as profesionais femininas para acceder ao mercado laboral- e, en especial, se se acredita a condición de vítima de violencia de xénero.

Tamén se valorará o feito de ser unha persoa menor de 30 anos demandante do primeiro emprego ou sen cualificación profesional. Outras situacións que tamén se valorarán serían a de ter unha discapacidade, ser desempregado/a de longa duración, ter máis de 45 anos -tamén pola dificultade obxectiva que existe para atopar traballo despois desa idade-, formar parte dalgún colectivo dos considerados “desfavorecidos ou en risco de exclusión social”, sobre todo se se percibe a RISGA.

Nesta fase de concurso tamén será valorable o non dispor de ningún tipo de renda non contributiva nin tampouco de subsidios de desemprego ou o feito de que a persoa desempregada teña ao seu cargo familiares -cónxuxe, parella de feito, fillos e fillas menores de 26 anos ou maiores desa idade se teñen discapacidade-, persoas maiores incapacitadas ou menores en acollemento.

A segunda fase do proceso selectivo, a de oposición, outorgará ata un máximo de 6 puntos facendo unha única proba -que pode ser oral ou escrita- sobre coñecementos do posto que se ocuparía (procedementos e maquinaria precisa para a roza e limpeza de vías), ao respecto do grao de coñecemento do territorio (parroquias, lugares, principais vías de comunicación) e, por último, aqueles que se teñan sobre medidas de seguridade básicas para o uso de maquinaria e ferramentas.

Quen obteña a máxima puntuación accederá a un contrato por obra/servizo de interese social coa categoría de Oficial forestal, durante 9 meses a xornada completa cun salario bruto mensual de 1.290 euros (pagas extras prorrateadas). Este contrato financiarase con cargo a unha achega de 13.750 euros provenientes do programa de subvencións para o fomento do emprego no medio rural (APROL Rural) convocado pola Consellaría de Emprego e Igualdade.

Acceso ás bases

Share.