O Concello contratará dúas persoas para a limpeza de pistas e maleza dentro do programa APROL Rural

0

O programa de fomento do emprego no medio rural impulsado pola Xunta de Galicia -APROL Rural- a primeiros de ano permitiralle ao Concello de San Sadurniño levar adiante a contratación de dúas persoas co perfil de especialistas forestais que se encargarán, principalmente, da limpeza de pistas e a roza de maleza en espazos públicos. Os contratos terán unha duración de 9 meses a tempo completo e a convocatoria do proceso selectivo farase mediante a petición ao Servizo Público de Emprego de Galicia dunha relación de aspirantes que cumpran cos requisitos, entre os que posteriormente se farán as correspondentes probas e valoración de méritos. Neste sentido, calquera persoa de San Sadurniño que se encontre en situación de desemprego e que queira optar á contratación deberá ter ao día o seu currículum nas bases de datos do SPEG para que este servizo inclúa o seu nome na relación de aspirantes.

A concesión da axuda do APROL Rural foille comunicada ao Concello hai escasos días e, a partir dese momento, os servizos técnicos municipais iniciaron a redacción das bases polas que se rexerá a contratación do persoal. Son dous postos especializados en traballos forestais que contarán cun contrato de carácter temporal por un período de 9 meses a tempo completo.

Os requisitos establecidos nas bases son dous: dunha banda ser demandantes de emprego con inscrición no SPEG -de aí a importancia de ter actualizados os datos- e non ter ocupación nin no momento da selección nin no da formalización do contrato. Por outra banda, as bases tamén especifican que non poderán ser contratadas persoas que xa traballaran en 2017 durante nove ou máis meses nalgún programa de emprego financiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria en materia de políticas activas de emprego, xa sexa para concellos ou para entidades sen ánimo de lucro.

A partir de aí as bases tamén estipulan que o procedemento de selección arrancará, en primeiro lugar, cunha introdución da oferta no Servizo Público de Emprego de Galicia para que envíe un listado de persoas candidatas que despois se elixirán mediante unha valoración de méritos -fase de concurso- e unha proba.

No tocante á valoración de méritos outorgaranse ata 4 puntos aspectos como ser muller -especialmente se se se acredita unha condición de vítima de violencia de xénero-, ter menos de 30 anos, ser desempregado ou desempregada de longa duración, posuír algunha discapacidade, ser persoas desempregadas maiores de 45 anos, formar parte dalgún colectivo desfavorecido ou en risco de exclusión social -sobre todo persoas que perciban a RISGA-, ter familiares a cargo e, por último, non cobrar subsidio de desemprego nin outras rendas non contributivas.

No apartado de oposición poderán obterse ata 6 puntos. Nese caso realizarase unha proba escrita sobre o posto que se vai cubrir -maquinaria, seguridade, etc.- e sobre coñecementos do territorio local. A relación dos  catro temas que entrarán no exame aparece tamén recollida nas bases, que poden descargarse ao pé desta nova.

Bases polas que se rexerá a contratación e anexos (.pdf)
Resolución do 15/06/2018 (.pdf) co listado de persoas participantes no proceso e asignación provisional de puntuacións por méritos, así como a convocatoria para realizar a proba escrita o martes 19 de xuño ás 11.00h. no Salón de Plenos.

 

 

 

Share.