O Concello completa os traballos de mellora da Escola Infantil Municipal

0

O Concello levou a cabo nos últimos días varias actuacións na EIM A Rolada co obxectivo de mellorar as instalacións, sobre todo na zona do comedor do centro. Para iso investíronse 7.300 euros -cofinanciados na súa maior parte pola Consellaría de Política social- cos que se remodelou a cociña, ampliouse a despensa, dotouse o acceso dunha capa antideslizante, mercáronse xogos e, como actuación máis rechamante, tamén se pintou un grande mural, obra dos “duendes” Carlos García e Marina Goti.

O mural dos dous artistas locais ocupa completamente tres paredes da aula de usos múltiples do recinto, dedicada a espazo lectivo e de xogo, pero tamén a comedor nas horas do almorzo e do xantar. A imaxe reflicte precisamente esta condición de sala polivalente do centro, onde unha rolada de pitiñas e pitiños -e tamén un rato- aparecen brincando entre formas xeométricas coma as que usan os propios nenos e nenas para construíren casiñas e outras formas saídas da súa imaxinación.

Ademais de decorar este espazo, García e Goti tamén trasladaron a súa arte á sala de berces, aínda que alí o motivo -como non podía ser doutro xeito- foi o dun único poliño ou poliña durmindo nunha nube rodeada por estrelas e por un arco da vella.

A parte pictórica da remodelación é, se cadra, a que máis salta á vista e constitúe por si un elemento educativo máis, axudando a espertar a percepción e a cognición das criaturas cos debuxos e a viveza das súas cores.

Pero o cambio estético non foi o único que se produciu no centro. De feito, o proxecto preparado polo Concello para acadar financiamento da Xunta tamén incluiu obras e equipamento complementario para facer máis doado o traballo das mestras e tamén para ganar en espazo.

Así, durante as obras aproveitouse parte do oco das escaleiras de evacuación do Centro Municipal de Empresas para construír unha pequena despensa, que quedou situada xusto ao carón da cociña, onde tamén se substituíron algúns elementos e electrodomésticos, buscando maior potencia, durabilidade e eficiencia enerxética.

Por outra banda, no apartado educativo, a dotación económica tamén serviu para mercar un módulo de xogos de potenciación da psicomotricidade, un moble para a aula de bebés, tres cabaliños, un ordenador portátil e unha radio con reprodutor de CD.

No proxecto tamén entrou a cobertura do chan da galería de acceso ao centro cunha pintura especial antideslizante que, ademais, é máis doada de limpar que o cemento e vai a xogo coa capa acolchada que se instalou o ano pasado  nunha parte da área de recepción dos nenos e nenas.

Todas estas actuacións encadráronse na  da orde de 23 de maio da Consellería de Política social para a realización de investimentos na mellora de infraestruturas e na adquisición de equipamento das escolas infantís de 0 a 3 anos.

O investimento total ascende a 7.300 euros, 6.450 procedentes do FEDER e 850 sufragados polo Concello. O ano pasado San Sadurniño xa obtivera uns 22.000 euros de axuda pola mesma vía, que daquela foron parar, entre outras cousas, á climatización do centro, á adquisición dunha pizarra dixital interactiva e ao acondicionamento da galería de entrada.

Share.