O Concello colaborará coa veciñanza de Igrexafeita na busca dunha solución aos problemas da auga

0

Igrexafeita acolleu este luns a primeira xuntanza dos orzamentos participativos deste ano que estivo centrada na súa primeira parte en falar da auga dos pozos de barrena na zona da Torre e do Camiño Grande e máis concretamente dos problemas que hai para dar con acuíferos de boa calidade. Segundo parece, o  alto contido en minerais impide o consumo da auga subterránea -disque ten un sabor ferruxinoso- e outros usos domésticos, xa que á larga dana  lavadoras, lavalouzas, bombas, quentadores eléctricos e outros aparellos polos que circula.   O Concello expúxolles aos veciños a súa intención de levar adiante un proxecto de investigación sobre a calidade da auga  que se desenvolverá en colaboración cunha investigadora da UDC. O estudo busca definir a composición da auga que circula polos acuíferos subterráneos da zona e, a partir dos resultados, propor solucións.

En anteriores asembleas participativas, a veciñanza de Igrexafeita demandara a colaboración municipal para atoparlle unha solución a un problema que só se dá na auga procedente de pozos de barrena e na zona comprendida entre A Torre e a Fontetaberna. Un cordal xeolóxico que, tal e como explicou o técnico de Desenvolvemento local, Ignacio Fernández, conta no subsolo con vetas minerais aleatorias nas que dar con auga de boa calidade “é unha auténtica ruleta”.

Neste sentido o ofrecemento municipal consiste en analizar a auga dos pozos -nalgunha casa fixeron ata cinco sen éxito- durante 12 meses e, unha vez se teñan os resultados e unha diagnose do problema, propor medidas correctoras, que poderían pasar pola colocación de filtros especiais ou pola busca dun manancial na zona do Outeiro ou das Penas do Rei Mouro que poida surtir un depósito desde o que abastecer por gravedade ás vivendas da zona.

Orzamento participativo
Este foi o primeiro asunto tratado na asemblea de Igrexafeita á que asistiron dez veciños e veciñas xunto cunha representación da A.VV. Adiante e do equipo de goberno. Outras peticións formuladas foron as do mantemento das pistas do Castro e a do Furado -en Naraío- e o acondicionamento de varias cunetas, especialmente as que evacuan as escorrentías procedente das Penas do Rei Mouro. Secundino García informou que o Concello ten previsto levar adiante un plan de limpeza de gabias compartido con Moeche que se desenvolverá durante 6 meses e co que se tentará cubrir o maior número posible de pistas e camiños do territorio.

O alcalde tamén anunciou que o equipo de goberno agarda presentar o documento dos orzamentos municipais antes do remate do ano e que este se moverá en cifras “moi similares ás do ano pasado”. García aclarou que a proposta orzamentaria debe agardar a que se aproben os orzamentos estatais e autonómicos para saber a contía das transferencias desas administracións. Os orzamentos locais tamén deberán recoller, ademais, a execución de investimentos xurdidos nas propias asembleas veciñais que se celebran estes días e que serán priorizados na mesa de participación prevista para o día 11 ás 20.00h. na Casa da Xuventude. O rexedor explicou tamén que antes do remate do ano deberán aprobarse os proxectos do POS provincial e que a intención do goberno é acomodar nel as infraestruturas definidas pola mesa.

O último punto da xuntanza de Igrexafeita centrouse en dar conta do estado de tramitación do PXOM. O alcalde sinalou que o documento inicial recibiu máis de 400 alegacións que agarda “sexan aceptadas na súa maioría” e que nestes momentos o Concello está á espera dos informes de Augas de Galicia e de Patrimonio. O executivo local manexa  “o primeiro trimestre de 2017” como prazo aproximado para completar o proceso de resolución das alegacións antes de remitirlle de novo o documento á Xunta para a súa aprobación definitiva.

As asembleas do orzamento participativo continúan este mércores en Santa Mariña do Monte, o xoves en Ferreira e o venres no Camiño Arriba. A partir de luns da semana que vén tocaralles a Bardaos, Lamas, Naraío e San Sadurniño. Todas as xuntanzas desenvolveranse á mesma hora, as oito da tarde.

Share.