O Concello colabora coa EF Irmandiños cunha achega de 6.000 euros

0

Secundino García, e o vicepresidente da Escola de Fútbol Irmandiños, Darío González, asinaron o venres o convenio de colaboración entre as dúas entidades co obxectivo de continuar promocionando a  base deste deporte tanto no noso concello como noutros da zona. De feito, a EF Irmandiños naceu en 2021 para reunir nun proxecto común a rapazada de San Sadurniño, As Somozas, Moeche e Cerdido, co compromiso dos catro municipios de contribuír economicamente ao seu sostemento. Neste sentido, o Concello comprometeu para a anualidade 2022 un total de 6.000 euros.

O acordo suscrito establece que a colaboración se dirixe ao financiamento dos gastos correspondentes ao fomento do deporte e a participación da escola nas competicións federadas. Aínda que non se especifican, entre eles estarían os custes de licenzas, contratos de adestradores/as, etc.

O importe consignado polo Concello de San Sadurniño -6.000 euros- farase efectivo no momento en que a entidade achegue a xustificación dos gastos efectuados así como a memoria das actividades realizadas e os resultados obtidos. As facturas e outra documentación xustificativa teñen que presentarse antes do 31 de decembro. Todo apunta a que non será necesario esgotar ese prazo e que previsiblemente a escola faga os trámites nestes días, de modo que o consistorio tamén poderá ingresarlles antes a cantidade comprometida.

No convenio nominativo sinálase, ademais, que a Escola de Fútbol Irmandiños deberá reflectir na súa comunicación o apoio municipal -incluída a participación no proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal-, empregar o galego e promover a igualdade e a inclusión. A este respecto indícase a participación da entidade nas campañas desenvolvidas por parte do Concello en materia de promoción da igualdade e da prevención de violencia de xénero.

Neste momento a EF Irmandiños ten equipos en prebenxamín, benxamín, alevíns A e B e infantís, coa participación de 82 nenos. A entidade agarda que o ano que vén se poida crear equipo cadete cos infantís deste ano e tamén aspira a ter formacións femininas.

Os adestramentos concéntranse no campo municipal dos Currás, en San Sadurniño, mentres que os encontros ligueiros en cada categoría repártense polos catro estadios do ámbito territorial da escola.

Ademais das achegas municipais e patrocinios, a escola tamén se sostén coas cotas das familias (15 euros/mes e 10€ a partir do segundo membro). As que queiran sumarse ao proxecto poden contactar coa escola no correo efirmandinos@gmail.com ou no teléfono 667 553 229.

Share.