O Concello celebrará este venres dous plenos extraordinarios seguidos

0

Para as 13.00h. deste venres 10 de agosto está convocado un pleno extraordinario cun único punto na orde do día centrado na delegación de competencias na alcaldía de cara a iniciar o procedemento de contratación das obras de renovación da Avenida Marqués de Figueroa, cuantificadas en máis de 258.000 euros. Trátase dun asunto de trámite que, en teoría, non debería demorar demasiado unha sesión que ese mesmo día irá seguida doutra tamén extraordinaria fixada para as 13.30h. Neste caso trátase dun pleno solicitado polos dous grupos da oposición -PP e PSOE- para que o equipo de goberno explique -presumiblemente, xa que na petición non se especifica- a situación xudicial da reclamación presentada pola extinta Cooperativa de Explotación en Común de San Sadurniño contra a anulación do convenio urbanístico suscrito co Concello, así como a “explicación e aclaración” do proceso de regularización catastral emprendido polo Ministerio de Facenda, coñecido comunmente como “catastrazo”.

A razón de separar todos estes asuntos en dous plenos é procedimental. E é que o pleno solicitado pola oposición só inclúe as cuestións que PP e PSOE plasmaron na súa petición, de maneira que o outro tema -o da delegación na alcaldía da tramitación do expediente de contratación das obras na principal arteria do centro urbano- se tratará nunha sesión á parte, previa ratificación da súa urxencia.

Tal e como explica o informe da Secretaría-Intervención, o importe do proxecto en Marqués de Figueroa ascende a 258.524,29 euros, que se financiarán con cargo ao POS+ 2018. Esta cantidade  supera o 10% dos recursos ordinarios do orzamento municipal e, polo tanto, “o órgano competente para a súa contratación é o pleno”.

Neste sentido, e para “acadar a maior axilidade na tramitación”, o acordo que se propón é delegar as competencias na alcaldía para a tramitación deste procedemento de licitación en concreto, que seguirá todos os pasos e a normativa relativa a contratación pública e do que se lle deberá dar cumprida conta ao pleno.

A segunda sesión -fixada para as 13.30h.- abordará os asuntos expostos pola oposición na súa petición dunha sesión extraordinaria rexistrada o pasado 26 de xullo. No primeiro epígrafe asinado polos tres membros do grupo municipal do PP e a representante do PSOE solicítase a “explicación e aclaración con detalle dos motivos polos cales o xulgado Contencioso-Administrativo nº1 de Ferrol ditou sentenza contra o Concello de San Sadurniño”, sen achegar máis detalles nin concretar na literatura o procedemento ao que se refire a oposición, aínda que todo apunta -segundo anunciaran PP e PSOE hai un mes por boca da concelleira popular María Belén Trigo- a que se trate da demanda interposta pola representación da desaparecida Cooperativa de Explotación en Común de San Sadurniño contra a anulación do convenio urbanístico suscrito co Concello.

Deste tema xa se falou no pleno ordinario de xullo, onde o rexedor explicou que a propia sentenza do contencioso ampara ao Concello na súa decisión de anular o convenio, aínda que a xuíza tamén considera que parte dos terreos non ocupados non poden ser restituídos ao seu estado orixinal e establece unha indemnización superior ao medio millón de euros máis xuros coa que o Concello non está de acordo. A postura municipal sostén que a valoración das parcelas é moi superior á real e que, ademais, as terras non ocupadas -principalmente a lindeira co Centro de Día- si poden ser devoltas. A sentenza, que non é firme, está recorrida nestes momentos perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

O segundo asunto solicitado polo PP e o PSOE resúmese co encabezamento “explicación e aclaración” do tema ‘catastrazo’, nome polo que se coñecen comunmente os procesos de regularización de bens inmobles que non constan nas bases de datos da Dirección Xeral do Catastro. A este respecto, San Sadurniño foi incluído en decembro de 2016 xunto con outros 78 municipios galegos na última grande regularización emprendida por este organismo dependente do Ministerio de Facenda.

Desde mediados de xuño o Catastro cursou no noso territorio máis de 700 notificacións indicándolle á veciñanza afectada a obriga de pagarlle ao Estado 60€ polo traballo da regularización, ademais de 4 anos de atrasos en concepto de contribución por non ter ao día os datos dos inmobles, agás que se demostre que son instalacións agropecuarias e que así se lle faga saber ao organismo estatal. Diante desta situación, o Concello habilitou unha oficina de asesoramento gratuíto para que os veciños e veciñas notificadas puidesen informarse e, de ser o caso, cursar as correspondentes alegacións.

Os dous plenos convocados para este venres son públicos, aínda que, ao ser extraordinarios, non contarán cos apartados de mocións, rogos e preguntas -nin tampouco quenda de intervencións ao remate da sesión- como si ocorre nos plenos de carácter ordinario. O audio estará dispoñible pouco despois da finalización das dúas convocatorias.

 

Share.