O Concello celebra este serán o pleno ordinario de novembro

0

O pasado 25 de novembro tocaría celebrar o último pleno de carácter ordinario do ano. Unha cita que, porén, tivo que suspenderse pola ausencia da secretaria accidental. Trala súa reincorporación, os tres grupos acordaron recuperar a sesión hoxe á tarde -19:30h-, cunha orde do día que inclúe para a toma de acordos só tres cuestións: as actas dos dous plenos anteriores, o nomeamento da representación do Concello no consello escolar e unha modificación puntual da RPT.

Cabe agardar que a maior parte do debate se dea no tramo final da sesión, no punto 5º, correspondente ao apartado de rogos e preguntas que só se inclúe nos plenos ordinarios, como é o caso do de hoxe aínda que fóra de data.

Nel, os grupos da oposición poden inquirir ao alcalde ou outros membros do Goberno sobre calquera aspecto relacionado coa xestión municipal ou formular rogos, que segundo os artigos 34 e  35 do Regulamento orgánico de funcionamento do Concello de San Sadurniño poden presentarse previamente por escrito para a súa lectura na sesión ou ben oralmente e en ningún caso darán lugar a debate.   De feito, o regulamento marca que a exposición das preguntas se fará por un prazo máximo de dous minutos, o mesmo tempo que deberá ocupar a resposta. A maiores cabe a posibilidade de dar unha segunda quenda de intervención para quen pregunte e para quen teña que responder (outros dous minutos para cadaquén)  algo que non é preceptivo se se trata dun rogo.

Porén, antes de chegar a este apartado, o pleno deberá abordar e votar outros tres. O primeiro é o habitual da verificación e aprobación das actas de sesións anteriores.

O segundo será o nomeamento de representante do Concello no consello escolar do CPI San Sadurniño.

O terceiro -o de maior corpus e trascendencia- centrarase no debate e aprobación, se procede, da modificación puntual da Relación de Postos de Traballo do Concello, o documento que define a estrutura do persoal municipal e as súas funcións.  Na sesión achegarase a proposta acordada no seo da Mesa xeral negociadora celebrada o pasado 10 de novembro, consistente na actualización de funcións dos postos administrativos da Área de administración, a modificación das funcións do posto de oficial de maquinaria -vacante neste momento- e a incorporación da descrición dos postos de Auxiliar de administración de Servizos Sociais e de peonaxe.  Tamén se inclúe a  modificación da ficha de funcións e de valoración do posto de Secretaría-Intervención.

O pleno municipal comezará ás 19:30h. e poderá seguirse ao vivo a través da páxina en Facebook do Concello. Ademais, pouco despois do seu remate estará dispoñible o audio íntegro na canle municipal en iVoox.

 

 

 

Share.