O Concello celebra este sábado o pleno ordinario de xaneiro

0

Un total de 11 puntos compoñen a orde do día do primeiro pleno de 2019 que terá lugar no salón de sesións este sábado a partir das 11.30h. A diferenza do resto de encontros, que se celebran os primeiros sábados dos meses impares,  desde 2016 o correspondente a xaneiro retrásase unha semana seguindo o acordo adoptado no pleno de organización do presente mandato corporativo. As cuestións que se van tratar nesta primeira cita son as habituais da aprobación de actas, a dación en conta das resolucións da Alcaldía, un apartado para mocións urxentes e outro para rogos e preguntas, aos que se lles suman nesta ocasión outros cinco asuntos: a aprobación da conta xeral de 2017, o apoio ao persoal sanitario que protesta polas condicións de atención nos PACs galegos, a valoración plenaria do 3º Plan de Igualdade de San Sadurniño 2019-2020, a adhesión municipal ao programa Xantar na Casa da Xunta de Galicia e unha moción do BNG a prol da aplicación de fórmulas de reparto “obxectivo” nas subvencións da Xunta.

A conta coa que pechou o exercicio de 2017 coincide cos datos da liquidación, que xa foron dados a coñecer no pleno de finais de agosto.  O informe da Intervención muncipal  apuntaba  daquela a un resultado positivo por importe de 371.376,25 euros, un total de 841.619,95 euros en fondos líquidos e uns remanentes de tesouraría para gastos xerais de 1.053.271,76 euros. Un balance que lle permitiu ao consistorio  incorporar preto de 140.000 euros ao orzamento de 2018 para facer novos investimentos na rede viaria, na mellora de equipamentos, na conservación do patrimonio e en actuacións de aforro enerxético, que en boa parte xa están executados.

Noutra orde de cousas, e previa ratificación da súa urxencia, o pleno tamén abordará unha proposta da alcaldía en apoio ao conflito das traballadoras e traballadores dos puntos de atención continuada do servizo galego de saúde, que veñen mantendo nos últimos meses distintas accións de protesta reivindicando maior dotación de persoal para a atención primaria, así como a mellora das condicións en que desempeñan o seu traballo.

Tamén pola vía urxente será tratada a aprobación do terceiro Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes do Concello de San Sadurniño para o bienio 2019-2020. O documento continúa as liñas estratéxicas dos dous plans de acción anteriores e propón, a partir dunha diagnose actualizada, novas vías de traballo de cara a continuar avanzando tanto nunha igualdade de xénero real como na igualdade de oportunidades para toda a poboación.

No ámbito social, a corporación municipal tamén tratará a adhesión do Concello ao programa Xantar na Casa promovido polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. O programa  facilítalles ás persoas maiores que non poden valerse por si e ás que se atopan nunha situación de especial vulnerabilidade un menú de comidas completas -xantar e sobremesa- para os sete días da semana. O prezo total do menú  -primeiro prato, segundo prato e sobremesa- ascende a 6,27€, dos que o consorcio cobre o 50%, do outro 25% fanse cargo os concellos adheridos e o 25% restante é asumido polos usuarios e usuarias do servizo, que só pagan 1,57 € diarios ou, dito doutro xeito, 47,1 euros polo xantar de todo o mes.

O Concello iniciou en outubro unha campaña informativa e de preinscrición dirixida principalmente a persoas usuarias do SAF, aínda que Xantar na Casa tamén estará aberto a persoas que cumpran os requisitos sen necesidade de estar recibindo asistencia do servizo de axuda no fogar. Hai máis información sobre o programa no departamento de Servizos sociais -981 490 027 extensión 1-, onde se elaborarán os informes previos que despois deberán ser aprobados pola Xunta de Galicia.

A última das cuestións que tratará o pleno antes de adentrarse nos apartados de mocións urxentes, rogos e preguntas, será unha proposta do Grupo Municipal do BNG relativa á aplicación de fórmulas de reparto “obxectivo” das liñas de subvención convocadas pola Xunta de Galicia.

 

Share.