O Concello axúdache a tramitar a declaración da túa plantación de pataca

0

Co tempo que temos tan agradable xa hai quen anda preparándose para volver plantar patacas despois de catro anos de prohibición por causa da couza guatemalteca. Porén débese ter moi presente que San Sadurniño está cualificado como territorio “tampón” dentro do plan de contención da praga. Isto quere dicir que podemos poñer pataca na terra, si, pero tamén que temos a obriga de comunicarlle á Consellaría do Medio Rural o sitio en que imos facer a plantación, a superficie total sementada e incluso a variedade elixida. Esa comunicación pode facerse a través da Sede Electrónica da Xunta, acudindo á oficina agraria comarcal de Ferrol (na Praza de España) ou, máis cómodo, pasar polo Concello para cubrir e rexistrar no momento o formulario oficial. A declaración hai que facela despois de plantar, non antes, e quen non saiba como cubrir e presentar o papel, que non se preocupe, no Concello hanlle axudar.

Ser zona tampón implica que todas as persoas que planten pataca deberán comunicarlle a Medio Rural inmediatamente despois da sementeira -e sempre antes do 1 de abril- todas as parcelas que teñan cultivadas, aínda que sexa só un simple rego. Na comunicación hai que indicar os datos persoais e, sobre todo, a localización exacta das plantacións cos datos SIXPAC do polígono, parcela, recinto, superficie total, superficie sementada e a variedade que se poña no terreo.

formulario que se deberá cubrir pode descargarse desde esta ligazón e despois haberá que presentalo, preferentemente, a través da Sede Electrónica da Xunta. Tamén se pode imprimir e rexistrar presencialmente no Concello para mandarllo directamente a Medio Rural.

O trámite é ben doado para persoas que estean afeitas a andar con papeleos relacionados cos montes ou coas terras. Pero tamén hai quen non se manexa ben co ordenador nin tampouco cos formularios en papel. Nos últimos días foron varias as persoas que se achegaron ao Concello para preguntar que tiñan que facer para poder plantar patacas e, por esta razón, na oficina do Rexistro Municipal xa están ao tanto para facilitarlles as cousas.

O primeiro -e obvio- é plantar as patacas e recordar a variedade ou variedades que se botaron. Despois abondará con achegarse ao Concello e cubrir o papel que se encontra no mostrador do Rexistro (o mesmo que hai na ligazón anterior), anotando todos os datos esixidos: nome, enderezo, etc, etc.

A parte máis complicada pode ser a de cumprimentar os datos da leira coa referencia dos mapas SIXPAC. Se se sabe, perfecto. Se non se sabe non hai que preocuparse, chegará con indicarlle á persoa que nos atenda a situación da finca e xa ela se encargará de entrar no aplicativo e obter a información da xeolocalización e a superficie para incluíla no formulario. Finalmente asinaremos o documento e darémoslle entrada no Rexistro, de maneira que a comunicación quedará tramitada.

A obriga de comunicación tamén deberán cumprila as empresas do municipio que vendan pataca de semente (acceso ao formulario) ademais de levar un rexistro de información das persoas que a merquen. No local destinado a almacén terán que instalar trampas de feromona específica para a captura da Tecia solanivora povolny.

Na nosa zona están declarados como libres da praga  os concellos de Cabanas, A Capela, Fene, Ferrol, Neda, Ortigueira, As Pontes e As Somozas. Por outra banda, é zona tampón a totalidade da superficie dos concellos de Cedeira, Cerdido, Mañón, Moeche, Narón, San Sadurniño e Valdoviño. Tamén teñen esta condición as parroquias de Cariño, Feás, Landoi e Sismundi, no concello de Cariño. En toda a volta só a  parroquia da Pedra -pertencente tamén a Cariño- continúa coa cualificación de zona infestada na que non se poderá plantar.

Share.