O Concello avanza na preparación do IV Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes

0

Un Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes é un documento que reflicte todas aquelas actuacións que se deben levar a cabo para conseguir iso, unha igualdade plena e real de dereitos que corrixa as desvantaxes ás que historicamente deberon e aínda deben enfrontarse as mulleres no seu día a día. Mellor dito, un PIOMH é un compromiso que todos e todas as participantes -Administracións, entidades, particulares, etc.- asumen para que o cambio social se produza e, de ser posible, máis cedo que tarde. Estes plans plásmanse no papel partindo dunha diagnose inicial da que resulta logo a definición duns obxectivos para cumprir nuns prazos determinados -4 anos-, posto que transformar unha realidade arrastrada durante séculos é algo que se debe afrontar de maneira planificada e dándo pasos concretos. San Sadurniño encóntrase neste intre preparando o seu IV Plan de Igualdade, de cuxa parte técnica se está ocupando a consultora Femlegal. Nas últimas semanas mantivéronse varios encontros previos co tecido social, político e técnico para planificar o traballo participativo -reforzado nestes días con enquisas en liña- e, ademais, tamén se avaliou o grao de cumprimento do anterior PIOMH, no que tivo certa incidencia a crise sanitaria. 

O documento de avaliación do III Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes do Concello de San Sadurniño pode descargarse desde esta ligazón. A grandes trazos, segundo a consultora, o cumprimento das accións propostas alcanzou aproximadamente o 50% de todo canto se definiu inicialmente no documento, a pesar de que  2020 e 2021 viñeron marcados polas restricións da pandemia.

Da análise dos indicadores despréndese que os programas máis afectados do PIOMH foron os relativos á sensibilización, debido á imposibilidade ou a dificultade para levar a cabo xuntanzas presenciais.

Porén, noutros apartados, como por exemplo en conciliación, educación en igualdade, accións preventivas da violencia de xénero -educativas, detección e seguimento de casos- ou cuestións como a alfabetización dixital que levou a cabo a Aula CeMIT, o Concello de San Sadurniño foi capaz de manter a constante “a pesar do que nos tocou vivir”, sinalaban desde Femlegal na xuntanza mantida hai uns días con varias entidades municipais.

Sabendo o que se avanzou e o que falta por avanzar, agora toca definir as liñas de acción do seguinte plan. Igual que no deseño dos tres anteriores, no que será o IV PIOMH tamén fará falla a máxima implicación social. Neste sentido, Femlegal reuniuse co persoal técnico e político do Concello; con responsables do CPI, do Centro de Día e da EIM A Rolada; co persoal do SAF e doutros departamentos municipais; coas persoas que participan no proxecto O Lavadoiro como aliados e facilitadoras e tamén con asociacións veciñais, culturais e clubes deportivos.

Con todos estes colectivos repasáronse os haberes e os debes do anterior plan e, ademais, trasladóuselles información de como está programada a redacción do novo. O traballo estase desenvolvendo en varias fases. A primeira foi a de toma de contacto co territorio -recollendo datos estatísticos e reuníndose coas entidades-, seguida da que se está levando a cabo neste momento en que se activaron enquisas en liña para seguir recopilando información e recoller inquedanzas de todo o tecido social.

As enquisas estarán activas até o 10 de xullo -tamén se poden entregar en papel no Concello- coa previsión de que cara a finais deste mes de xullo poida haber xa unha estrutura básica do IV PIOMH á que se lle dará forma á volta das vacacións, ao longo de setembro, e que o primeiro borrador do documento poida debaterse con todas as partes implicadas na súa elaboración durante o mes de outubro. O cronograma marca o 25-N, Día Internacional da erradicación das violencias contra da Muller, como data simbólica arredor da que se presentaría o IV PIOMH do Concello de San Sadurniño 2022-2026.

Desde a área de Igualdade prégase a máxima participación e implicación social na elaboración do novo Plan de Igualdade de Oportunidades, sobre todo na fase de recollida de propostas na que estamos neste intre. Para iso poden cubrirse as dúas enquisas dispoñibles (deixamos as ligazóns algo máis abaixo).

Para consultar calquera dúbida ou ampliar información sobre o PIOMH pode contactarse coa técnica municipal de Igualdade -veronica.rodriguez@sansadurnino.gal ou no 981 490 027 ext.1-, cuxas funcións contan con financiamento da Deputación da Coruña a través da convocatoria FOAI/2022 da Deputación da Coruña, dirixida ao financiación de persoal técnico ou axentes de igualdade para o ano 2022.

Enquisa xeral para a veciñanza
Enquisa para asociacións, clubes e outros colectivos

igualdade

Share.