O Concello apela á responsabilidade veciñal para previr incendios forestais

0

Estamos xa no verán. Un verán que, segundo parece, vai vir cálido e seco. O mesmo que a primavera. E que o inverno. Aínda estando na época na que estamos, as temperaturas dos últimos días sobrepasaron as medias habituais nun mes de xuño. Se lle sumamos á situación climática o feito de que vivimos nun territorio de case 100 km² onde o 65% da superficie é monte decatarémonos de que, efectivamente, temos unha riqueza forestal inmensa, pero tamén unha grande polvoreira que nestas condicións pode queimarse en calquera momento. En abril tivemos un aviso, cun incendio que arrasou 36 hectáreas e que mesmo se achegou ás casas. Non estamos libres de que volva pasar e, ademais, os recentes sucesos de Portugal son un desgrazado toque de atención que nos debería facer reflexionar sobre o monte que temos e o que deberiamos ter. Pero, mentres reflexionamos, hai normativa en vigor que é de obrigado cumprimento, referida ás distancias que deben gardar as plantacións con respecto ás casas e con respecto ás infraestruturas públicas. Deámoslle un repaso ao máis importante.

A día de hoxe, 21 de xuño, a Consellería do Medio Rural ten prohibidas as queimas de restos agrícolas e forestais ata novo aviso de acordo co IRDI, o índice de risco diario de incendios forestais, que se confecciona tomando datos da previsión meteorolóxica pero tamén do estado das masas vexetais en cada zona de Galicia e mesmo das infraestruturas existentes para manter á raia calquera lume que se produza.

A normativa autonómica sobre prevención de incendios obriga a manter o monte limpo e a gardar as distancias con respecto ás vivendas, unha responsabilidade que lle atinxe ás persoas propietarias de parcelas plantadas ou, de ser o caso, ás arrendatarias ou usufructuarias das mesmas.

Así, no caso dunha casa aillada, a lei di que en 10 metros arredor dunha vivenda non pode haber maleza nin árbores. Desde os 10 ata os 30 metros  tampouco pode haber maleza, nin piñeiros, nin eucalipto nin acacias e outras especies pirófitas, aínda que se permiten árbores frondosas coma os castiñeiros ou os carballos sempre que estean ben separadas entre si. Por último, entre os 30 aos 50 metros non pode existir maleza e as árbores, sexan do tipo que sexan, deben estar ben separadas entre elas.

Arredor das aldeas e núcleos, a normativa di que desde o límite perimetral ata os 30 metros non pode haber plantados piñeiros, ecualiptos ou acacias, nin tampouco haber maleza. Dos 30 aos 50 metros tamén se esixe que as árbores estean ben separadas entre elas e o chan libre de maleza. Nas novas edificacións de uso residencial, comercial, industrial ou servizos, instalacións agrogandeiras ou forestais manterase unha faixa de seguridade de 50 metros en inguais condicións que para as casas ailladas.

Sobre as distancias de plantación cómpre lembrar que a Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia é tamén moi clara con respecto aos metros que se deben arredar os montes das pistas.

Cómpre sinalar que a Xunta está requirindo o cumprimento da normativa tanto no referido ás distancias como no tocante ás plantacións forestais feitas sen autorización previa en solo rústico de especial protección agropecuaria.

As distancias mínimas que se deben gardar son as seguintes e debemos ter en conta que no caso das infraestruturas públicas como son as estradas e pistas a medición debe facerse desde o remate do dominio público, é dicir, tomando como referencia o borde exterior da cuneta.

a) Con parcelas forestais

2 metros

b) Con terreos situados en solo rústico de especial protección agropecuaria

10 metros

c) Con zonas dedicadas a labradío, cultivo, prados ou pastos non clasificados de especial protección agropecuaria

4 metros cando se empreguen as especies frondosas definidas no anexo 1 da lei, e 10 metros no resto de especies

d) Desde o límite do dominio público das vías (autoestradas, autovías, corredores, vías rápidas e estradas convencionais) ou do ferrocarril

4 metros cando se empreguen as especies frondosas definidas no anexo 1 da lei (carballos, castiñeiros, bidueiros, etc.) e 10 metros no resto de especies,como son eucaliptos e piñeiros

e) Con pistas forestais principais

2 metros cando se empreguen as especies frondosas do anexo 1; no resto de especies, 4 metros en xeral, e 6 metros nos concellos declarados como zona de alto risco

f) Desde a proxección do condutor máis externo, considerando a súa desviación máxima producida polo vento segundo a normativa aplicable a cada caso, da infraestrutura eléctrica

5 metros para todas as especies

g) Con canles fluviais de máis de 2 metros de largo

5 metros cando se empreguen as especies de frondosas do anexo 1, e 15 metros no resto de especies, contados desde o dominio público. Non será aplicable en actuacións de recuperación ambiental

h) Con edificacións, vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, parques e instalacións industriais situadas a menos de 400 metros do monte e fóra de solo urbano e de núcleo rural

i) Con solo urbano, solo de núcleo rural e solo urbanizable delimitado

15 metros cando se empreguen as especies de frondosas do anexo 1, e 30 metros no resto de especies

j) Con cámpings, gasolineiras e industrias ou instalacións preexistentes en que se desenvolvan actividades perigosas consonte o establecido na Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, ou na súa normativa de desenvolvemento

25 metros para especies de frondosas do anexo 1, e 50 metros para o resto de especies

 

Foguetes e churrascadas
Por último, debemos ter en conta tamén que durante a época oficial de máximo risco de incendios -do 1 de xullo ao 30 de setembro- está prohibido facer lume ao aire libre en toda Galicia. Iso si, en San Sadurniño -que non está considerado territorio de alto risco- poden facerse churrascadas nas áreas recreativas municipais sempre e cando se empreguen as lareiras de pedra e que o IRDI para ese día na nosa zona non sexa de nivel extremo.

Tamén está permitido -en termos xerais- botar foguetes polas festas patronais, pero é necesario facer unha comunicación previa ao Concello para que este lla traslade ao Distrito forestal. Tamén é imprescindible  que o “fuegho” o bote persoal autorizado e que existan as medidas de seguridade e prevención axeitadas.

As autorizacións refírense exclusivamente á época de alto risco e a zonas consideradas como forestais ou de influencia forestal. Con todo, se o IRDI sinala risco extremo non se poderá conceder a autorización e, se xa estivese dada, quedará revogada.

Share.