O Concello amaña a pasarela de Cornide

0

O carpinteiro contratado a través do Plan de Emprego Local da Deputación da Coruña traballa estes días reparando a pasarela de madeira que discorre entre a estrada de Ortigueira e o mesón O Muíño do Pepe, xusto antes da ponte sobre o Xuvia. O traballo consiste na substitución das táboas e dos longueiros que lles serven de soporte. Esta é a segunda intervención de importancia que o Concello leva a cabo na estrutura, mentres segue reclamando que sexa a Xunta de Galicia, titular da AC-862, quen asuma os labores de conservación.

As reparacións que están a piques de rematarse renovaron por completo uns 35 metros de pasarela na que o único que se conservou foi a varanda, aínda en bo estado, e os pilotes que sosteñen toda a estrutura, tamén en boas condicións. Polo demais -táboas transversais, longueiros e reforzos-, todo novo e tratado para asegurar que sexa duradeiro.

Xa o ano pasado por estas datas levouse a cabo o nivelado e a substitución de elementos na outra metade da pasarela -uns 40 metros de estrutura- co obxectivo de ofrecerlle total seguridade ás persoas que pasan pola zona todos os días, na súa maioría usuarias do paseo fluvial.

Tanto aqueles labores de 2021 como os destes días foron asumidos polo Concello, a pesar de que   “quen tiña que facelos é a Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade, porque a pasarela é a beiravía dunha estrada autonómica”, volve insistir, outro ano máis, Secundino García.

O alcalde recorda que  xa se informou á AXI en varias ocasións sobre as deficiencias detectadas na plataforma de madeiraasí como da necesidade de darlle máis larganza á senda sobre a ponte. Tal e como denuncia o Concello, a escasa separación entre a bionda da estrada AC-862 e a varanda de protección da ponte “impide que poida pasar unha cadeira de rodas, e unha persoa con mobilidade reducida tamén o tería difícil se se cruzase con outra”, explica Secundino García.

O rexedor lamenta que para esta demanda municipal aínda non houbese resposta , “e iso que estamos recordándollo á Xunta de cada pouco, igual que lle demandamos que se encargue do mantemento da pasarela”.

Share.