O Concello adxudica en 36.500€ a substitución do alumeado da AC-862

0

A empresa pontevedresa SETGA resultou adxudicataria do contrato menor convocado polo Concello para o cambio a tecnoloxía led do tramo de alumeado público que cruza o núcleo urbano de San Sadurniño. A firma achegou unha oferta de 36.500 euros que, malia non ser a máis barata -só 489 euros por debaixo do prezo de licitación- nin tampouco a máis cara, si foi considerada no apartado técnico como a máis vantaxosa, tal e como sinala o informe de avaliación das 6 propostas recibidas emitido pola FAEPAC, a Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña. O obxecto do contrato é a substitución das vellas lámpadas de descarga por dispositivos led desde a estación de servizo de Cornide ata pasado o lugar do Outeiro, á beira da estrada de Ortigueira. Estímase que o cambio permitirá rebaixar case nun 43% o consumo eléctrico deste alumeado.

O investimento necesario provén do Fondo de compensación ambiental. Unha bolsa económica xestionada pola Xunta que se nutre do canon que pagan as empresas con aeroxeradores no territorio galego. O Fondo distribúe os cartos atendendo ao número de andaravías que hai asentadas en cada municipio. E faino de dúas maneiras: cunha parte fixa -denominada non competitiva- e outra que varía dependendo da puntuación que obteñan os proxectos presentados polos concellos.

San Sadurniño decidiu destinar a contía fixa -36.988,98 euros- a renovar o alumeado que bordea a estrada AC-862 ao seu paso polo centro urbano do concello, mentres que os case 6.000 euros da parte competitiva axudarán a sufragar o custe da recollida de voluminosos compartida con Moeche.

O cambio dos farois públicos  arrancará preto do límite con Narón e estenderase ata a saída do casco urbano, no lugar do Outeiro, substituíndo as lámpadas de descarga instaladas hai case trinta anos pola moderna teconoloxía LED que, se ben é máis cara nun primeiro momento, á larga ofrece mellor resultado por varias razóns: por durabilidade -o LED ten unha maior vida útil-, por capacidade lumínica -a intensidade da luz non se degrada co paso do tempo- e, principalmente, por aforro eléctrico.

O proxecto técnico redactado polo Concello apunta a que dos preto de 82 Kwh de consumo actuais se pasará a uns 46,8 Kwh, o que supón unha redución do gasto enerxético nun 42%. Ademais, cómpre lembrar que a rebaixa tamén terá unha incidencia porcentual aínda maior na factura eléctrica, xa que o actual sistema de tarificación  grava máis a potencia contratada que a realmente consumida. En termos ambientais o estudo tamén sinala que o novo alumeado público evitará o equivalente a emitir case 12 toneladas de CO2 á atmosfera.

Os fustes dos farois manteranse, só cambiarán as lámpadas e o sistema de control do sistema. De feito o novo alumeado terá a mesma distribución que o actual -ao longo da AC-862 e en conexións con vías adxacentes- e o que se redistribuirá será a potencia instalada en cada zona, asegurando un bo nivel medio de luz e unha distribución máis uniforme. Así colocaranse 40 lámpadas de 140w, outras 35 de 100 e 12 de 50w.

Para levar adiante o traballo o Concello convocou a varias empresas para que presentasen as súas ofertas. En total foron 6 as que achegaron propostas técnicas e económicas: PROYMEL, PERMUY -que recentemente resultou adxudicataria do contrato de mantemento eléctico municipal-, SISLOVE, ACEBRE, ALUVISA e SETGA. Agás a primeira, que ofertou un prezo de 33.526 euros, todas as demais presentaron ofertas económicas relativamente similares que ían desde os 36.488 euros de PERMUY ata os 36.955 de ALUVISA.

No apartado técnico houbo coincidencia total en canto á garantía dos dispositivos -10 anos en todos os casos- e tamén houbo puntuacións parellas nas melloras ofertadas. O contrato resolveuse en favor de SETGA, que obtivo a maior puntuación na parte referida ao estudo lumínico da instalación, ás características técnicas das luminarias propostas, á protección contra sobretensións e ao grao de cumprimento do Regulamento Electrotécnico de Baixa Tensión. A empresa pontevedresa está especializada en deseño e fabricación de alumeados e dispositivos de eficiencia enerxética. Conta no seu haber con instalacións en Galicia, no resto do Estado e incluso noutras partes do mundo, como Suecia, os Países Baixos, Qatar ou Dubái

 

Share.