O Concello acomete obras de mantemento no ximnasio municipal aproveitando o parón do Nadal

0

O ximnasio municipal permanecerá pechado ata o venres por mor das vacacións do técnico deportivo que o atende. Unha paréntese que o Concello está aproveitando para darlle un lavado de cara facendo pequenos labores de mantemento, entre eles o repintado das paredes. Uns traballos que esta mañá tamén se estenderon ao pavillón municipal, onde na fin de semana do 7 e 8 de xaneiro se disputará a Copa Príncipe de volei co Aldebarán-Intasa como anfitrión e firme candidato a revalidar o título obtido a principios deste ano.

O clube local, organizador xunto coa Federación Galega de voleibol, parte como favorito para alzarse coa torneo copeiro da Superliga 2 tras rematar o ano como líder da categoría no Grupo A, seguido polo Universidad de Valladolid. As outras dúas formacións que se citarán en San Sadurniño serán as dúas primeiras do Grupo B, o Sant Pere i Sant Pau e CV Leganés.

O torneo comezará o sábado 7 ás 17.30h. co enfrontamento entre o Sant Pere i Sant Pau e o Universidad de Valladolid. Para as 20.00h. está previsto o encontro entre o equipo local e o CV Leganés. Os gañadores de cada partido xogarán a final o domingo a partir das 12.00h.

O Aldebarán-Intasa xunto co CV Vigo Voleibol (2010), son os únicos equipos galegos que contan cunha Copa Príncipe nas súas vitrinas. Agora a escuadra de Blanco tentará ir máis alá para revalidar o título, unha fazaña que ata o momento non acadou ningún outro equipo na historia do galardón.

Os seus rivais son debutantes no torneo, pero conxuntos de gran nivel deportivo, o que dará emoción e espectacularidade á cita que os seguidores deste deporte teñen en San Sadurniño tralas festas do Nadal.

Segundo informa a FGV, a Televisión de Galicia adicará a tarde do sábado ao volei retransmitindo o partido do Aldebarán e tamén a final da Copa Galicia feminina. O domingo está previsto que a televisión pública emita a final ao vivo a través da web e en diferido na TVG2 a partir das 14.00h.

Preparativos
Durante estes días o Concello está repasando as instalacións do pavillón para que todo estea a punto para a grande cita co volei e, ao mesmo tempo, aproveita o parón do Nadal para reacondicionar o ximnasio municipal. Alí saneáronse as paredes e déuselles unha nova capa de pintura, ademais de facerlle o mantemento ao equipamento deportivo do que dispón o servizo.

O ximnasio encóntrase pechado durante estes días e volverá abrir as súas portas a semana que vén. Cómpre sinalar, ademais, que desde o venres 30 ata o martes 10 de xaneiro o pavillón non poderá ser empregado para adestramentos nin outras actividades, debido a que estará reservado para os preparativos da Copa Príncipe e a posterior retirada do material traído pola federación para acondicionar o recinto.

Share.