O Concello abre o proceso para elaborar unha lista de contratación na praza de traballo social

0

O Boletín Oficial da Provincia deste mércores 26 de decembro publica as bases polas que se rexerá o proceso de confección dunha lista para a selección de persoal funcionario interino que, de ser necesario, poida cubrir a praza da actual traballadora social en caso de vacacións, excedencias ou outros supostos previstos na normativa. As instancias para participar no proceso poden presentarse ata o día 15 de xaneiro e a relación definitiva sairá dun concurso oposición onde se avaliarán tanto a experiencia e a formación acreditadas como os coñecementos teóricos e prácticos do posto.

Ademais dos requisitos básicos que se esixen en calquera oposición -nacionalidade, idade, capacidade funcional para o traballo e ausencia de sancións ou inhabilitacións-, neste caso é necesario dispor to título de Grao ou Diplomatura en Traballo social ou equivalente.

A solicitude hai que presentala no Concello ou a través de calquera outra das vías permitidas polo procedemento administrativo común das administracións públicas. Segundo o publicado no BOP hai 20 días naturais contados a partir do día seguinte á data do anuncio, polo que o prazo remata o día 15 de xaneiro de 2019. Hai que presentar a instancia correspondente -segundo o modelo anexo ás bases-, copia simple do documento de identificación, copia simple do documento que acredite a titulación, toda a documentación acreditativa dos méritos e, de ser o caso, copia simple do certificado do Celga 4 ou equivalente, co que despois non será necesario facer a proba de lingua galega.  Canda a solicitude tamén hai que achegar o xustificante do pagamento dos 26,18€ en concepto de dereitos de exame, que se han ingresar na conta do Concello ES74-2080-0208-0131-1000-0059.

Unha vez finalizado o prazo de recepción de solicitudes, o Concello publicará o listado provisional de persoas admitidas dando un tempo para presentar calquera alegación. Cando a lista de aspirantes sexa definitiva informarase tamén do lugar, data e hora en que se desenvolverá o primeiro exercicio do proceso  selectivo, que estará dividido en dúas partes. A que primeiro se valorará será a de concurso, que outorgará ata 40 puntos por experiencia profesional e por cursos de formación recibidos e acreditados.

A oposición constará de tres exercicios e un tope máximo de 60 puntos: un exame teórico de 50 preguntas, unha proba para a resolución dun ou varios supostos prácticos e, o terceiro -que non puntuará pero si será obrigatorio aprobar-, consistente na tradución dun texto do castelán ao galego e outro do galego ao castelán que non será necesario facer se se presentou a certificación sobre o coñecemento da nosa lingua esixido nas bases.

O remate de todo o proceso publicarase unha lista ordenada cos nomes e as puntuacións acadadas e, chegado o momento, seguirase a mesma orde para facer os chamamentos, que se cursarán por escrito aínda que en casos urxentes tamén se poderán efectuar por teléfono.

A persoa que acceda ao contrato deberá achegar a certificación médica sobre a súa capacidade funcional para facer o traballo, a declaración xurada de non estar nunha situación de incompatibilidade para ser persoal nas Administracións públicas -nin de ter sido separada do servizo público ou inhabilitada- e tamén o certificado de cumprimento dos requisitos para desempeñar unha profesión que implica o contacto habitual con menores.  O incumprimento de calquera destas condicións ou non tomar posesión no prazo sinalado significará o paso ao último posto da lista, salvo que se poida acreditar un suposto de forza maior. Entre estes supostos estaría, por exemplo, o de ter contrato nese momento no sector público ou privado.

A lista non funcionará de forma rotatoria, senón que as persoas que cumpran os requisitos manterán sempre a mesma prioridade nos chamamentos. É dicir, se por exemplo a persoa nº 3 da lista accede a un contrato por atoparse as dúas primeiras nalgún dos supostos xustificados, no momento en que esta cese volverá á terceira posición e para o seguinte posible contrato volvería chamarse á que estivese encabezando o listado, que terá vixencia até o día 31 de decembro de 2020 a menos que se convoque un novo proceso selectivo antes desa data.

A praza cubriríase en rexime de interinaxe no caso de que houbese que recorrer á substitución da titular. As características son as seguintes: Grupo A, Subgrupo A2, Escala de administración especial, Subescala técnica.

Información descargable
Bases publicadas no BOP do 26/12/2018
Anexo de solicitude para participar no proceso en formato .odt, en formato .doc e en formato .pdf

Share.