O Concello abre o prazo para solicitar espazo na Feira Rural

0

A leira da Cortiña, ao pé do paseo fluvial do Xubia, volverá encherse de actividade o sábado 25 de agosto con motivo da X Feira Rural de San Sadurniño. Un evento centrado na posta en valor do sector primario e das posibilidades de desenvolvemento sustentable do ámbito rural que xa ten definido practicamente nun 99% o seu programa. Nel recóllense exposicións, obradoiros, visitas guiadas, o tradicional concurso de froita autóctona e tamén o mercado, aberto a produtos alimentarios, planta, artesanía e artigos de segunda man. A área de Desenvolvemento local acaba de abrir o prazo de solicitude de espazo, que poderá reservarse até o día 22 de agosto presentando cuberta a correspondente folla no Rexistro do Concello, na Casa da Cultura, por correo postal ou por correo electrónico dirixido a agustin.perez@sansadurnino.gal.

A organización da feira fixou en 4 metros liñais o máximo que se poderá reservar debaixo da carpa principal da feira, que acollerá a venda de produtos alimentarios frescos e elaborados, mentres que nos sendeiros do arboreto o tope serán 20 metros. Para cubrir parte dos custos da cita están establecidos os seguintes prezos por posto:

  • Postos exteriores de ata 5 metros de fronte: 3 euros
  • Postos exteriores de máis de 5 metros e menos de 10 metros de fronte: 10 euros
  • Postos exteriores de máis de 10 metros e menos de 20: 25 euros
  • Postos en carpa (máximo 4 metros e só alimentación): 6 euros

As entidades sen ánimo de lucro de calquera tipo que queiran acudir á feira están exentas destes prezos públicos, aínda que deberán respectar igualmente o tamaño de exposición dependendo de onde se sitúen. Ademais, xunto coa solicitude deberán achegar unha copia dos estatutos para acreditar a súa condición de non ter finalidade lucrativa.

Os importes haberá que satisfacelos por transferencia bancaria na conta do Concello -o número figura na ficha de inscrición- ou ben presencialmente na oficina de Cultura. En calquera caso os resgardos do pagamento haberá que presentalos o propio día da feira antes de montar o posto.

A décima edición da Feira Rural comezará pouco despois das 10 da mañá do sábado 25 de agosto no arboreto galego da Cortiña, e durante todo o día ofrecerá os produtos típicos dos mercados mensuais -alimentación, planta, artesanía e segunda man- aos que se lle unen obradoiros para a rapazada, visitas guiadas á horta de conservación Carlos Fornos e ao apiario didáctico, exhibicións, catas, o sorteo de lotes de produtos, paseos en kaiak, exposicións relacionadas co sector primario.

Outro dos atractivos da feira será a mostra e o concurso de froita autóctona organizado en colaboración coa AGFA do Eume para premiar os mellores lotes recollidos na comarca. Este ano a variedade fructícola verase ampliada, ademais, con expositores chegados doutras zonas do Estado, como Euskadi, Valladolid ou Zaragoza.

Entre as actividades paralelas tamén cómpre reseñar unha xincana a cabalo e a actuación das pandereteiras Lina e Lola, ademais da celebración da 7ª Copa de agility canino Concello de San Sadurniño. A feira contará con amplas zonas de aparcamento e con lugar para xantar churrasco ou polbo a prezos populares.

IV Sons na Cortiña
A Feira Rural de San Sadurniño clausurarase sobre as 20.00h., pero a actividade no recinto continuará ao día seguinte, domingo 26, coa celebración do 4º Sons na Cortiña, un festival de música e lecer ao pé do Xubia dirixido a público familiar.

O Sons -que conta co patrocinio da Deputación da Coruña- ofertará desde o mediodía actividades para todas as idades -circo, malabares, un obradoiro de percusión, zona de xogos de equilibrio, etc.-, ademais de incorporar no cartel as actuacións de De Ninghures, Peter Punk, A Gramola Gominola e Pablo Balseiro e Os Cascarillas, quen pecharán a xornada pasadas as 23.00h.

O Sons na Cortiña aproveita a infraestrutura loxística da feira do día anterior, polo que tamén disporá dunha grande área de aparcamento nas proximidades e unha carpa habilitada por se chovese para quen decida ir de merendada ao festival. Proximamente informaremos con máis detalle de toda a programación da Feira Rural e do Sons a través das redes sociais.

Folla de solicitude de espazo na X Feira Rural e normativa en .pdf 
Folla de solicitude de espazo en .doc

Share.