O Concello abre o prazo de preinscricións en Memoria activa e Espazos das familias

0

O programa de estimulación cognitiva para persoas maiores retomará en outubro a súa actividade, coa que se pretende promover o exercicio da mente e os hábitos saudables. Haberá seis sesións en cada parroquia, sempre e cando haxa un mínimo de 8 persoas inscritas para cada grupo. Por iso é importante apuntarse xa chamando ao 981 490 027 ou pasando polo Concello. O prazo finaliza o día 28 de setembro. Por outra banda, a área de Benestar tamén ten aberta a inscrición para o programa Espazos das familias, que volverá cada quince días a partir do mes de outubro. Nese caso as inscricións poden facerse chamando ao Concello ou contactando directamente coa Educadora familiar no 673 903 922.

Os obradoiros de memoria activa para persoas maiores son algo parecido a unhas clases particulares, só que nun ambiente moi relaxado no que se fomentan a parola e a realización de exercicios sinxelos, tales como crucigramas, contas, debuxos, problemas matemáticos doados… pero tamén exercicios de coordinación psicomotriz que non supoñen demasiado esforzo e que son ben útiles para exercitar a cabeza e previr as perdas de memoria.

Ademais, algunhas das cousas que se fan nos obradoiros tamén poden ser indicadoras da aparición dalgunha demencia ou outro tipo de problema relacionado coa cognición e a autonomía, de maneira que se poidan tratar de inmediato para minorar os seus efectos futuros.

O programa desenvolverase ata decembro con sesións semanais en cada parroquia dunha hora e cuarto de duración. Así, a proposta que ten deseñada o Concello  é a de ir os martes  de 15.45 a 17.00h. á antiga escola unitaria de Vilarxá, das 17.15 ás 18.30h. ao local social de Lamas e de 18.45 a 20.00h. a Bardaos.

Os mércores os obradoiros impartiríanse cos mesmos horarios en Santa Mariña, Naraío e Igrexafeita, mentres que San Sadurniño e Ferreira quedarían para os xoves.  En calquera caso, esta é só unha planificación inicial que podería variar de acordo cos grupos que se formen e a necesidade de optimizar o servizo para non deixar horas baleiras dentro deses días.

En outubro tamén volven os Espazos das familias
Espazos das familias é un programa socioeducativo que, en esencia, recolle o testemuño do desaparecido Preescolar na casa. Trátase dunha serie de xuntanzas onde as familias e as súas crianzas de entre 0 e 3 anos comparten tempo e xogos nun ambiente de aprendizaxe mutua dirixida por persoal especializado. O obxectivo principal é facilitar un espazo no que profundizar no desenvolvemento das nenas e nenos nunha etapa fundamental da vida onde se marcan moitos dos trazos da súa personalidade futura.

Os obradoiros terán lugar na Casa da Cultura desde outubro ata maio en sesións cada quince días. O período de inscrición está aberto desde o 3 ata o 21 de setembro e para formalizala débese contactar coa Educadora familiar pasando polo Concello ou chamando aos teléfonos 981 490 027 (ext. 1) ou 673 903 922. 

Share.