O clásico “O Crebanoces”, este sábado na Casa da Cultura

0

“O Crebanoces” é todo un clásico das festas do Nadal, xa sexa como conto ou como ballet ao que lle puxo música Tchaikovsky en 1892, case oitenta anos despois de que Theodor Amadeus Hoffmann escribise a historia orixinal. A versión que poderemos ver este sábado 28 a partir das 18.30h. na Casa da Cultura de San Sadurniño xunta ambas obras nunha soa e, ademais, botando man de monicreques. O autor da adaptación é o actor Santi Prego, aínda que da manipulación das bonecas se encargará a actriz Larraitz Urruzola. A obra é para público familiar con entrada gratuíta para rapazada menor de 16 anos, mentres que para as persoas maiores desa idade o billete terá un prezo de 5€.

Na noite de Nadal, o padriño Drosselmeier regálalle á pequena Clara un crebanoces con forma de boneco. De tanto partir noces, o boneco acaba rompendo, e Clara colle un enorme disgusto. Para consolala, o seu padriño cóntalle a historia do boneco, xa que o Crebanoces é en realidade un valente personaxe que loitou co seu exército de xoguetes contra a raíña dos ratos.

O Crebanoces é un espectáculo para títeres inspirado no conto de Hoffmann, e no que se emprega a música que creou Tchaikovsky. De feito, na obra de monicreques soará a suite completa ao tempo que Larraitz Urruzola conta a historia e manexa os personaxes. Ela é quen leva o peso interpretativo dunha obra que ten en Santi Prego un auténtico factótum escénico, xa que asina como autor e encargouse da adaptación, do deseño de son e do deseño da iluminación.

A Prego non o veremos na obra, pero si proximamente na serie de TVE “Néboa” que rodou parte das súas escenas en Naraío. O actor é un vello coñecido do teatro e do audiovisual galego que acaba de dar o salto ao cine internacional encarnando a Franco na película de Alejandro Amenábar “Mentres dure a guerra”.

A súa versión do “Crebanoces” representarase na Casa da Cultura este sábado, Día dos Santos Inocentes, dirixida a un público infantil e familiar. As nenas e nenos menores de 16 anos entrarán gratis, mentres que as persoas maiores desa idade que acompañen a cativería deberán aboar 5€ como prezo único.

Share.