O “Circo galaico” abre o sábado a programación do Nadal

0

Chega a San Sadurniño un circo moi especial. É o Circo galaico de monicreques que nos trae a compañía Títeres Alakrán e, coma calquera circo, ofrecerá marabillosos números de habilidade, de humor e de música. Trátase dun espectáculo ben entretido apto para toda a familia, aínda que quen gozará especialmente con el será a rapazada máis pequena. As entradas son gratuítas para menores de 18 anos, mentres que as de persoas adultas irán ao prezo de 5€. Poden reservarse chamando ao 616 332 919 ou a través do correo agustin.perez@sansadurnino.gal. A representación está programada para este sábado a partir das 18.30h. na Casa da Cultura e con ela comezará a programación cultural e deportiva do Nadal, que rematará o 5 de xaneiro coa tradicional visita dos Reis Magos.

Títeres Alakrán fai do circo o fío condutor dun espectáculo infantil que actualiza a arte do teatro de monicreques. Pola pequena pista da Casa da Cultura pasarán, entre outros, Xaquín, o xabaril forzudo; Corvus, o corvo equilibrista; Pedriño, o raposo que fai malabares con ovos; Rolín, o pallaso que agocha un segredo na cabeza… e, non podía faltar, a principal artista do elenco: a cabuxa Rivelina.

A peza está recomendada para público familiar e, especialmente, para a xente máis miúda da casa, auténtica protagonista da programación municipal durante as próximas semanas.

Malia que a oferta cultural está pensada maiormente para as nenas e nenos, o Concello tamén reserva oferta para outros públicos, como por exemplo o pase do filme “Sicixia” o venres 21 a partir das 19.30h. na Casa da Cultura con entrada gratuíta. O filme -dirixido por Ignacio Vilar e protagonizado por Marta Lado e Monti Castiñeiras- retrata o patrimonio da Costa da Morte cunha historia entre a ficción e a realidade que, entre outros valores, fomenta a igualdade de xénero. Fai falla reservar previamente convite no 616 332 919 ou en agustin.perez@sansadurnino.gal.

Ese mesmo día tamén teremos música no mesmo espazo. Ás 16.30h. a rapazada que está aprendendo música co profesor Ilia Keilin ofrecerá unha pequena mostra das súas evolucións interpretando varias pezas clásicas. A Casa da Cultura seguramente se encherá de familiares do alumnado, aínda que a cita tamén está aberta a todas aquelas persoas amantes da música de cámara. Os niveis iniciais tocarán sinxelas melodías para vibráfono, mentres que o alumnado con máis coñecementos instrumentais lerá partituras para piano, violín e outros instrumentos que o mestre imparte semanalmente na Casa da Xuventude.

O sábado da lotaría -o 22 de decembro–  é tamén o día elixido pola área de Cultura para organizar a tradicional festa para a cativería con idades comprendidas entre os 3 e os 11 anos. A programación estará marcada polos xogos cooperativos, a música, o baile e os obradoiros, que encherán o tempo dos nenos e nenas antes da chegada do Apalpador á Casa da Cultura. O mítico carboeiro baixará das montañas cos petos cheos de castañas e algún que outro agasallo para as nenas e nenos. Para participar nesta actividade, que é gratuíta, fai falla inscrición previa pasando pola oficina do técnico de Cultura, onde haberá que entregar cuberta esta ficha.

Nadal Deportivo
Para despois da Noiteboa e o Nadal, o Concello organiza tres días de actividade deportiva e xogo. É o programa denominado “Nadal deportivo en familia”, que propón encher o tempo libre das mañás iniciándose en distintos xogos e actividades que, por primeira vez, se dirixen a toda a familia e non a unha banda de idade concreta.

Desenvolverase o mércores 26, o xoves 27 e o venres 28 entre as 10.00h. e as 13.45h. Cada un dos días haberá tres entretementos distintos de hora e cuarto de duración cada un, con posibilidade de participar en todos ou só nalgún deles. O mércores haberá volei, xogos tradicionais e bicicleta. O xoves tocarálle ao fútbol, a ximnasia rítmica e o zumba. O venres a oferta comporana o baile moderno, o baile tradicional e a patinaxe.

Esta iniciativa é gratuíta e as inscricións haberá que facelas na Casa da Cultura o venres 21 como moi tarde. Quen se apunte a bicicleta e patinaxe deberá traer o material necesario. As actividades repartiranse entre o pavillón municipal e o ximnasio do CPI. Na organización colaboran o CF San Sadurniño, o Aldebarán, o club MTB Biela e Chaveta e tamén Brío.

Os Reis Magos tamén paran en San Sadurniño o 5 de xaneiro
O remate das datas do Nadal márcao a chegada dos Reis Magos de Oriente. Por máis que haxa “papanueles” e apalpadores, poucas figuras espertan tanta ilusión infantil como Melchor, Gaspar e Baltasar e a súa corte de paxes, capaces de percorrer nunha soa noite todos os fogares para colmalos de agasallos.

Nas horas previas a esa noite en que se obra o milagro loxístico, os Reis pararán en San Sadurniño para escoitar peticións e recoller cartas de última hora. Está previsto que entren no ximnasio do CPI sobre as 18.30 ou 19.00h., pero antes xa haberá troula no recinto con animación de La GuaGua: un castelo inchable, camas elásticas, obradoiros de manualidades e, por suposto, as súas exitosas coreografías pensadas para que canten e baile a rapazada e mesmo as mamás e papás.

En relación coa programación do Nadal, cómpre lembrar tamén que durante as próximas semanas poderemos ver na galería do Concello a exposición “O ollo da aguia”, con fotografías a vista de dron captadas por Raúl Lomba. Ademais, a partir desta fin de semana, os principais espazos do centro urbano contarán cunha iluminación decorativa que ambiente as datas festivas.

Share.