O Cidade de Narón e o Santiago Futsal preparan a temporada cun partido no municipal

0

O pavillón municipal de San Sadurniño acollerá este sábado a partir das 20.00h. o encontro amigable entre o Cidade de Narón FS e o Santiago Futsal co que ambos equipos empezan a engraxar as súas respectivas maquinarias de cara ao arranque ligueiro. O partido coincide coa celebración da Feira Rural, polo que se prevé unha boa entrada.

A escuadra que actuará como local encóntrase perfilando nestes momentos a conformación do quinteto titular, tras tomar contacto co balón por primeira vez o pasado 14 de agosto. O equipo conta con 12 efectivos que se medirán a partir do 15 de setembro no Grupo 1 da 2ªB. A primeira cita téñena ese día na cancha do Ourense.

O partido deste sábado será a estrea da pretemporada para o Cidade de Narón. Diante terán a un histórico da Liga Nacional de Fútbol Sala: o Santiago Futsal. O equipo de 2ª División xa xogou un encontro contra o Prone Lugo FS hai escasos días deixando unha boa impresión e un resultado favorable de 0 goles a 5.

O enfrontamento amigable deste sábado forma parte da rolda preparatoria que xogará o equipo santiagués nas próximas semanas. De feito, do 30 de agosto ao 1 de setembro acudirá ao torneo de verán Burela Bonita e pecharán o calendario xogando o día 8 de setembro contra O Parrulo Ferrol FS, pertencente á Primeira División. O Santiago Futsal comeza temporada o día 16 recibindo en Santa Isabel ao Bisontes Castellón FS.

O partido de San Sadurniño comezará ás 20.00h. deste sábado no pavillón municipal de San Sadurniño con entradas a 2€.

Share.