O chanfaineiro Álvaro Gago consegue con “Matria” o gran premio do xurado en Sundance

0

Algo se está movendo no audiovisual galego. E non o dicimos nós, dino o público e mailos xurados dalgúns dos festivais máis prestixiosos do mundo. Primeiro foi Óliver Laxe en Cannes, onde resultaron premiados os seus filmes “Todos vós sodes capitáns” e “Mimosas”, e agora é a quenda de Álvaro Gago, quen acaba de conseguir coa súa curta “Matria” o gran premio do xurado no festival de Sundance, o máis reputado da creación independente internacional. O certame fundado polo actor Robert Redford nesa pequena vila do estado de Utah elixiu a peza de Gago entre as 69 seleccionadas dun total  de 8.740 recibidas. Non é o primeiro galardón para esta historia de mulleres afoutas da ría da Arousa que xa obtivera o premio á mellor curta na Seminci de Valladolid. O vencello de Álvaro Gago con San Sadurniño é dobre: participou na segunda edición do Chanfaina ‘Lab cunha sorprendente curta gravada no parque eólico do Forgoselo e, máis recentemente, cedeu unha copia de “Matria” para que se proxectase, case en primicia, no marco das actividades organizadas pola área de Igualdade no marco do 25 de novembro, Día Internacional da eliminación da violencia contra da muller.

Aínda que naceu en Vigo (1986) onde se graduou en Comunicación Audiovisual, Álvaro Gago sempre foi quen de buscar a vida fóra do país. Trasladouse a Chicago, onde estudou teatro durante un ano na North Park University. No 2011, matriculouse no MA Filmmaking ofrecido pola London Film School e, como parte deste mestrado audiovisual, edita o documental “Skin” e a curtametraxe de ficción “Lipstick”. Ambos filmes acadaron varios premios en festivais internacionais de Europa e América do Sur. A súa curtametraxe “Curricán” -gravada na Illa de Arousa- levou múltiples galardóns ao longo do 2015, entre eles o do Festival de Cans, o Curtocircuíto ou o Primavera de Vigo, ademais de ser proxectado no Festival de Málaga.

Sen perder de vista Galicia, Gago asentouse en Londres como editor de filmes e documentais ao tempo que continuou -e continúa- formándose como cineasta. Froito desta actividade formativa saiu “Bombolles”, desenvolvido nun obradoiro impartido polo director Abbas Kiarostami en Barcelona. Unha peza que logrou o premio do público no festival Fenêtre sur L’Europe. Neste momento Gago encóntrase inmerso na edición de “Trote”, a primeira longa do tamén chanfaineiro Xacio Baño, e tamén no desenvolvemento da súa próxima curta “Vigo, 18 de decembro”.

E, entremedias de “Bombolles” e do traballo no que anda agora, viu a luz “Matria”. Unha peza que conta a historia de Ramona. Unha muller de mediana idade interpretada pola actriz amadora Francisca Iglesias que vive co seu marido -con quen apenas fala- e que traballa nunha fábrica de conservas gobernada por unha encargada tirana. A vía de escape de Ramona é a relación que a une coa súa filla e a súa neta. Álvaro Gago definía a cinta hai tan só uns días como “unha película sobre unha heroína defectuosa, unha traxedia continua grabada con lume no cotián e na rutina”.

A curta é unha mirada en feminino que, ademais, quere “derribar o mito do matriarcado en Galicia, iso de que as nosas mulleres están no poder, que vivimos nunha sociedade matriarcal. Non é así en absoluto, e temos que falar en serio sobre iso.” O director agarda que recoñecementos como o de Sundance “axuden a iniciar unha conversa sobre este tema”.

O seu paso polo Chanfaina ‘Lab
Álvaro Gago participou na segunda edición do Chanfaina ‘Lab gravando unha curta que discorre no parque eólico do Forgoselo entre os diálogos dunha nena e o seu pai. Deles despréndese unha mensaxe de respecto pola natureza e sobre a necesidade por preservar o que temos. Unha mensaxe condensada nos catro minutos que dura “Os aventados (ventos do Forgoselo)”.

A peza está dispoñible na canle dedicada en Fálame de San Sadurniño ao encontro audiovisual que, por certo, estreará o sábado 3 de febreiro -Casa da Cultura, 18.00h.- as curtas da súa cuarta edición.

Share.