O Chanfaina Lab volverá en febreiro

0

A xornada deste caloroso domingo puxo a proba a resistencia dos equipos que durante a fin de semana percorreron o territorio para gravaren as súas historias sobre San Sadurniño, especialmente a daqueles -a maioría- que tiñan localizacións en exteriores. Nun ambiente abafante que mesmo ameazou coa tronada, as creadoras e creadores apuraron os últimos momentos do Chanfaina Lab co obxectivo de levar material suficiente co que traballar nos próximos meses, co horizonte da estrea conxunta nunha data aínda por concretar a primeiros de febreiro de 2019. Teñen tempo abondo para poñer orde nos “brutos” -todo o gravado-, escoitar entrevistas e audios, escolmar o que mellor cumpra coas súas necesidades narrativas e, finalmente, montar as  pezas. De novo haberá moito experimental, moita paisaxe, diversidade de formatos e miradas postas ao servizo dese mosaico visual e conceptual que alumbra cada ano o encontro audiovisual organizado polo Concello de San Sadurniño con patrocinio da Deputación da Coruña e da AGADIC.

Da variedade deste Chanfaina Lab volve dar conta a tamén variada ferramenta que se utilizou nos dous últimos días. O burelán Adrián Canoura chegou ao encontro audiovisual cunha pequena cámara de vídeo en cinta que, nos tempos do 4K, pode considerarse “vintage” polo seu aspecto e pola textura da imaxe que produce. Na mesma definición tamén podería encaixar o material de Helena Girón e Samuel Delgado, quen tiraron polo formato cine para efectuar longas secuencias “time-lapse” que hoxe se poden gravar incluso cun teléfono móbil, aínda que non sexa o mesmo nin pola textura nin pola calidade. O resto dos realizadores e realizadoras elixiron maioritariamente o vídeo DSLR, é dicir, o gravado con cámaras fotográficas réflex, que ofrecen unha estética aparentemente cinematográfica cuns custes moi axustados.

Porén, a menos que se busque que o soporte de gravación lle traslade significado ao produto final, o realmente importante de calquera audiovisual é que cumpra coa súa función de mostrar unha idea de forma comprensible para quen  mira. E para iso é importante planificar e ter claro o que se conta. Nesta cuestión tamén houbo moita diversidade á hora de enfrontar o Chanfaina Lab.

A directora Lucía Estévez, sen ir máis lonxe, chegou a San Sadurniño cun guión milimetrado en papel, acompañada de Melania Cruz -actriz na laureada “Dhogs”- e de Tito Asorey, creador e actor a quen puidemos ver recentemente na serie “Fariña” interpretando ao avogado pouco escrupuloso da trouppe de Terito.

Tamén milimetrada foi a historia de Andrés Goteira en canto ao concepto, dándolle liberdade absoluta ás súas actrices -Erundina e maila Nena, veciñas do concello- para vestir os papeis definidos previamente polo director con axuda do produtor Suso López. De par deles e a tan só uns metros filmaron parte da súa peza Kevin Lorenzo e Javier Seoane, que promete ser tan delirante, hilarante e crítica coma calquera dos episodios da webserie Antolepsia, dirixida por Seoane.

Na liña documental, o italiano-xa galego Simone Saibene adentrouse no mundo funerario con toda a cultura e cerimonial que o rodea. Co material filmado, agora quédalle a parte máis difícil: decidir se orienta produto como un documental ao uso, con voz en off e testemuños, ou se opta por un formato sen narrador omnisciente no que o protagonismo da imaxe se apuntale unicamente co son ambiente e os comentarios da protagonista principal, Puri Lamas, herdeira en Igrexafeita dun oficio que xa exerceron a súa nai e o seu pai.

Falando do conceptual cómpre reseñar o protagonismo que terá a auga en varias das pezas que veremos en febreiro. A profesora Margarita Ledo indagou na relación dos lugares de culto cos acuíferos -traballou en Santa Mariña tomando como referente a Capela da Esperanza-, algo que xa nos suxerira o profesor Rafael Quintía cando acudiu a San Sadurniño para a inauguración da estatua da deusa galaica Navia -trasunto de Santa Mariña-, situada preto do Pozo dos Donceis. Auga tamén a veremos e escoitaremos nas pezas de Helena Girón, na de Mar Catarina e Rubén Domínguez e, case con toda seguridade, na do realizador Cibrán Tenreiro.

Porén, o Chanfaina Lab tamén se adentra nas paisaxes, físicas e humanas. O director Aser Álvarez empatizou coa familia Anca-Arnoso, que xestiona unha explotación gandeira nas estribacións do Forgoselo con todo o que isto significa de apego á terra, de comuñón co rural e de loita diaria para a crianza de dous nenos nun entorno tan fermoso como difícil. Á gandeiría recorreu, ademais, Bieito Beceiro. O mozo de Bardaos acudiu ao seu entorno  inmediato para filmar gando, co que seguramente comporá unha peza experimental e onírica coma a que elaborou o ano pasado. Por esa opción é posible que tire tamén a novísima Natalia Fernández. Discípula coma Beceiro do profesor Manolo González e xa alumna de Comunicación Audiovisual, Fernández pateou o territorio aprehendendo aquí e acolá texturas e ambientes que lle han servir para aderezar unha chanfaina poética e, quizais, introspectiva.

Falta por saber que camiño collerán outros equipos de gravación locais, que durante a fin de semana se centraron máis en botarlle un cabo aos que viñan de fóra e en asistiren aos obradoiros sobre son e iluminación impartidos, respectivamente, por Carlos Suárez e Alberte Branco. Falamos das mozas de Teño unha horta en San Sadurniño, de Pablo Martínez -axudado polos seus amigos Iago e Catalina-, de Abel Vega, das rapazas de The Sungirls, de Sebastián Rodríguez, de Irene Beceiro e de Fran Bermúdez, ausente nesta edición por razóns laborais. Ao ser de aquí téñeno máis doado. Coñecen o territorio e poden filmar cando queiran con tal de ter a peza lista para a estrea.

Outro que tamén se considera xa “da casa” é o fotoxornalisa e activista Gabriel Tizón, integrado en distintos momentos en cada equipo de gravación para retratar instantes que formarán parte do resume final co que adoitan pecharse as proxeccións do Chanfaina. A el e ao resto verémolos de novo en febreiro. #Staytuned.

Share.