Dous obradoiros e dúas charlas compoñen o apartado formativo do Chanfaina Lab

0

A cuarta edición do encontro audiovisual Chanfaina Lab que se desenvolverá esta fin de semana en San Sadurniño inclúe entre as súas propostas dous interesantes obradoiros impartidos por profesionais da imaxe e a comunicación. Os dous terán lugar na Casa da Xuventude ao longo do venres, primeiro día do evento. Pola mañá -10.00h.- será a xornalista transmedia e investigadora María Yáñez quen nos conte os segredos para facer un meme que funcione ben nas redes, mentres que á tarde -16.30h.- as dúas metades de Esferobite, Juan Lesta e Belén Montero, mostrarán como montar un vídeo usando unicamente unha táblet ou un móbil. O prazo de inscrición nestes obradoiros leva aberto varios días e xa se cubriron case todas as prazas. Algunha aínda queda e pode reservarse chamando ao 616 332 919 ou enviándolle un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal. Nas actividades paralelas ás rodaxes do Chanfaina Lab tamén cómpre contar as charlas de Carlos Viana sobre cinema rural portugués do sábado ás 20.00h. e a clase maxistral de Óliver Laxe o domingo ás 17.00h., xusto antes de dar por finalizado o encontro.

María Yáñez é a responsable do Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación (o LAIC) impulsado recentemente pola Concellaría de Culturas da Coruña. Pero antes diso foi guionista para distintos programas da TVG, directora durante unha etapa do xornal dixital Vieiros, cofundadora da empresa A Navalla Suíza -responsable, entre outros proxectos, da desaparecida Flocos.tv e da web Fálame de San Sadurniño-, colaboradora dunha chea de medios de comunicación de dentro e fóra de Galicia e todo o que se lle poida pedir a unha muller que busca abranguer todo o relacionado coa comunicación do noso tempo ou, máis ca iso, coa exploración  e a combinación dos distintos soportes e linguaxes.

Yáñez anda en todo o que cheire a dixital e experimental, dúas premisas que se dán no Chanfaina Lab que este ano a convidou para falar da construción de memes. O termo está definido desde hai corenta anos con distintas acepcións aínda que, se cadra, a que máis vén ao caso é a dunha unidade de coñecemento ou un contido multimedia que se transfire a través da Internet, principalmente a través das redes sociais, cunha pretensión humorística, irónica ou crítica. Habitualmente están formados por unha imaxe e un texto, ou por unha pequena animación ou vídeo que poden levar ou non son.

“A pouco que andemos polas redes sociais vémonos rodeados dunha nova linguaxe visual cuxa transmisión ten moito que ver cos patróns da cultura oral anterior á cultura de masas. Creatividade anónima e espontánea, ao servizo do humor e da sátira, consistente en recortar, reutilizar e resignificar imaxes da cultura popular, é o que compón o folclore dos nosos días, e unha das linguaxes audiovisuais que o pobo está a inventar para comunicarse nas redes”, explica María Yáñez.

No obradoiro que impartirá o venres a partir das 10.00h. na Casa da Xuventude -titulado  “Folclore dixital: o uso cultural dos memes, os microvídeos e os gifs animados” – poderemos coñecer a fondo a orixe e a gramática de memes  e aprenderemos tamén algunhas bases prácticas para producir as nosas propias pezas e crear memes que poidan funcionar a nivel local.

Un exemplo do uso do meme en San Sadurniño témolo na promoción do Festival do Río Castro deste ano, onde O Castelo botou man deste recurso comunicativo cun bo resultado, xa que o vídeo colleitou cerca de 6.000 reproducións en escasas horas.

Montaxe con dispositivos móbiles pola tarde
Na sesión da tarde -16.30h., tamén na Casa da Xuventude-  Juan Lesta e Belén Montero ofrecerán un curso acelerado de edición de vídeo usando dispositivos móbiles. E é que hoxe ata o teléfono máis cutre ten unha potencia que lle dá cen voltas ao mellor ordenador de hai unha década. Cámaras de alta definición -e incluso 4K-, procesadores ultrarrápidos, pantallas hiperluminosas e cristalinas, e centos de aplicacións converten o móbil non só nun fantástico elemento de captura de imaxe, senón tamén nun estudio de edición e posprodución co que elaborar vídeos de calidade fantástica para publicalos de inmediato nas redes, para compartilos con familia e amizades ou para velos na casa.

Para este obradoiro será necesario -igual que é recomendable para o de María- dispor dun móbil intelixente ou unha táblet compatible con Premiere Clip, é dicir, que teña sistema operativo iOs 8.1 ou Android 4.4 e espazo e memoria suficientes para poder traballar con vídeo.

Juan Lesta e Belén Montero son expertos en imaxe e en formación relacionada coa posprodución dixital. Participaron no primeiro Chanfaina Lab coa sorprendente “Balada Cover”. Os dous fundaron Esferobite, da que levan saído documentais, videoclips -como o do tema “Hombres”, de Fangoria- e cursos que, coma este, se centran no uso da tecnoloxía visual que temos ao noso alcance. De feito, Lesta-Montero impartiron recentemente o Noroeste Videocamp como acción que vencellou a música e o audiovisual no Festival Noroeste Estrella Galicia, no marco do programa Coruña Dixital.

Aínda hai prazas…pero tampouco moitas
A organización do IV Chanfaina Lab ofreceu 15 prazas en cada un destes dous obradoiros. Unha oferta que vai camiño de quedar escasa, posto que no de “Folclore dixital: o uso cultural dos memes, os microvídeos e os gifs animados” xa case está cuberto o cupo, igual que no curso de “Monta-móbil” da tarde. Por iso, quen queira participar debe bulir a apuntarse chamando ao 616 332 919 ou enviándolle un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal.

Estas propostas formativas marcarán o arranque do encontro audiovisual, que empezará a recibir participantes na tarde do venres. O programa deste primeiro día inclúe unha recepción e visita guiada polo centro de San Sadurniño ás 18.00h. e a celebración da Eira de Cineastas na Casa da Cultura ás 20.00h., na que poderemos ver algunhas das pezas dos realizadores e realizadoras convidadas nesta edición.

O sábado a xornada estará centrada na gravación de pezas polo territorio e ás 20.00h. teremos o pase dunha selección de curtametraxes portuguesas producidas en contextos rurais coma o de San Sadurniño. A proxección presentaraa o realizador luso Carlos Viana e a entrada é libre.

Por último, o domingo -segundo día de filmacións- poderemos asistir á  clase maxistral ofrecida por Óliver Laxe ás 17.00h. na Casa da Cultura, denominada “Cine rural. O cinema da soberana sumisión”. Laxe -gañador do Gran Premio da Semana da Crítica en Cannes co filme “Mimosas”- achegaranos unha mirada á creación audiovisual do rural galego e doutras partes do mundo desde a súa experiencia como realizador á marxe dos circuítos comerciais e das narrativas convencionais.

20 cineastas de dentro e fóra de San Sadurniño
O Chanfaina Lab é unha experiencia de creación audiovisual colectiva que tenta poñer en valor o territorio de San Sadurniño a través dos ollos da creación audiovisual galega. A idea é sinxela: quen participan teñen que gravar na fin de semana unha película dunha duración de entre tres e cinco minutos, con absoluta liberdade sobre o tema e tratamento visual. A ollada contemporánea sobre a paisaxe rural, a emigración, o devir do tempo, as diferenzas paisaxísticas e sociolóxicas entre as sete parroquias que compoñen o concello, transforman San Sadurniño nun universo por descubrir e moi axeitado para debullar propostas visuais innovadoras.

Entre os creadores e creadoras que participan coa súa cámara nesta edición figuran naturais ou da veciñanza de San Sadurniño, como os axitadores socioculturais de Silvalonga Patricia Lamas e Miguel Sanjurjo, o veterano de Igrexafeita Abel Vega, o “adoptado” na Lobeira Fran Bermúdez, os mozos Bieito Beceiro, Sebastián Rodríguez e Pablo Martínez, as xa famosas labregas de “Teño unha horta en San Sadurniño” -Consuelo Picos, Cruz Piñón, Lucía Pita, Carmen Couce e Carmen Bouza-, así como cineastas ferrolás como Lara e Noa Castro e a novísima Carmen Leira.

Canda elas e eles tamén participan relevantes cineastas ou interesados polo cinema galego procedentes de distintos puntos do país: o monfortino Alberte Lobelle, a parlamentaria  Ana Pontón -quen xa participara na segunda edición do Chanfaina-, o investigador e programador Ángel Rueda, a cineasta pontevedresa Anxos Fazáns, a realizadora de Mazaricos Carmen Rey, a xornalista e documentalista Cristina de la Torre, a directora da Costa da Morte Olaia Sendón, o premiado o ano pasado en Cannes Oliver Laxe, e o cineasta experimental Vicente Vázquez. Neste ano o Chanfaina Lab conta ademais coa presenza de Portugal da man do director, programador e dinamizador Carlos Viana quen, ademais de ofrecer a súa charla sobre o cinema rural do país irmán, tamén creará unha peza durante a fin de semana.

Share.