O Chanfaina ‘Lab pon para o 3 de febreiro a estrea das curtas da súa cuarta edición

0

O encontro audiovisual Chanfaina ‘Lab ten a punto de saír do forno as pezas gravadas o pasado mes de setembro. Unha vintena de realizadoras e realizadores pasaron en San Sadurniño unha fin de semana captando a través dos seus obxectivos a esencia do territorio en forma de historias humanas, retratos da paisaxe e experimentación visual posta ao servizo dun espazo e dun tempo moi concretos, o San Sadurniño de 2017. As pezas resultantes desta iniciativa que vai pola súa cuarta edición poderán verse na Casa da Cultura o sábado 3 de febreiro nunha estrea á que acudirán tanto cineastas como persoas e entidades que lles prestaron axuda para a produción das curtas. 

A estrea promete ser un mosaico de puntos de vista sobre San Sadurniño tanto polos temas elixidos como polo xeito de tratalos. Incluso polo feito de que o encontro audiovisual xunha nun mesmo proxecto de creación persoas con máis ou menos formación na técnica narrativa, persoas que contan o que lles parece sen seguir ningún canon e persoas que son de aquí e que, polo tanto, contan cun valioso coñecemento sobre o que pode dar de si o territorio.

Nesa mestura amadora/profesional, xente de aquí/xente de acolá, atopamos unha chea de nomes: os axitadores socioculturais de Concienciarte Patricia Lamas e Miguel Sanjurjo, o cineasta naïf de Igrexafeita Abel Vega, as mozas de Teño unha horta en San Sadurniño -Consuelo, Cruz, Carmen, Maruxa e Lucita-, as responsables da  canle The Sungirls -Mónica Cribeiro, Graciela Galdo e Olga Vigo-, o mocete Pablo Martínez, o afincado na Lobeira Fran Bermúdez e o dúo formado por Bieito Beceiro e Sebas Rodríguez.

De fóra volven as irmás Lara e Noa Castro xunto coa tamén ferrolá Carmen Leira. Veñen tamén o monfortino Alberte Lobelle, a parlamentaria  Ana Pontón -quen xa participara na segunda edición do Chanfaina-, o investigador e programador Ángel Rueda, a cineasta pontevedresa Anxos Fazáns, a realizadora de Mazaricos Carmen Rey, a xornalista e documentalista Cristina de la Torre, a directora da Costa da Morte Olaia Sendón, o premiado en Cannes Óliver Laxe, e o fotógrafo Gabriel Tizón. Neste ano o Chanfaina Lab conta ademais coa presenza de Portugal da man do director, programador e dinamizador Carlos Viana quen, ademais de achegarnos en setembro ao cinema rural do país irmán, tamén creou unha peza durante a fin de semana das gravacións.

A gala do cine de San Sadurniño arrancará o sábado 3 de febreiro na Casa da Cultura a iso das 18.00h. coas presentacións das pezas e a entrega ás realizadoras e realizadores das figuriñas feitas con plana pola firma local de artesanía As Lolas da Cascarilla. Deseguido haberá un primeiro bloque de proxeccións que finalizará cun pequeno descanso entre as 20.00h. e as 20.15h. Posteriormente reanudarase o pase das pezas restantes, que prevé rematar cerca das 22.00h. A entrada é gratuíta.

A cuarta edición da Chanfaina ‘Lab está organizada polo Concello de San Sadurniño con colaboración económica da Deputación da Coruña. Trala estrea, as curtas irán subíndose á canle de youtube do evento a razón dunha por semana. Ademais, as realizadoras e realizadores tamén poderán mover as pezas en festivais e certames, levando o nome e unha parte da esencia de San Sadurniño polo resto do estado e mesmo do mundo.

 

Share.