O Chanfaina Lab mostraranos este sábado o seu menú

0

A maior parte dos realizadores e realizadoras que participaron na pasada edición do encontro audiovisual Chanfaina Lab andiveron estes días a tope ultimando a trintena de montaxes que poderemos ver na grande maratón cinematográfica deste sábado 15 de febreiro na Casa da Cultura. Son 33 persoas de dentro e fóra de San Sadurniño que nos achegarán miradas propias sobre o territorio desde a óptica da historia, a ficción, o documental, o humor, a etnografía, etc., que conforman un menú de curtametraxes ben variado e apetecible. O acto comezará ás 18.00h. con entrada gratuíta e estará dividido en tres partes. Ademais, este ano o Chanfaina contará co actor Miguel de Lira como condutor do evento.

O pase das curtas arrancará coa habitual presentación de todas e cada unha das producións por parte das suas directoras e directores . De cara a non estirar de máis o acto, desde a organización pídeselles brevidade e que só dean unhas pinceladas do que quixeron contar con elas, de maneira que esa presentación sexa tamén unha maneira de poñer en situación ao público sobre o que vai presenciar na pantalla grande da Casa da Cultura.

O intre inicial -guiado por Miguel de Lira-  é o momento no que se lle entrega a cada participante a “Lola Chanfaineira” como humilde agasallo de agradecemento e recordo da experiencia vivida durante unha fin de semana en San Sadurniño.

Proxectaranse 30 pezas de distintas duracións, razón pola que se decidiu dividir a sesión cinematográfica en tres partes e tentando seguir no programa un fío temático que lle dea unidade a todo o pase. Así, primeira metade das curtametraxes poderemos vela entre as 18.30 e as 19.45h., logo farase un descanso dun cuarto de hora e entre as 20.00 e as 21.15h. proxectarase a segunda remesa de pratos preparados para o Chanfaina Lab. A última parte comezará ás 21.30h. e finalizará pasadas as 22.30h.

Tal e como comenta Carmen Suárez, unha das encargadas da organización, “este ano decidimos chamarlle á estrea “Maratón” porque será iso, unha sesión maratoniana de curtametraxes que estará dividida en bloques. Iso facilitará que o público poida incorporarse á proxección para ver a peza que máis lle interese e tamén fará máis levadeira unha sesión que en si é moi interesante pero que pasará das tres horas de duración, igual que os Óscar”.

Nesta edición combínanse as miradas chegadas de fóra de San Sadurniño cun elevado número de obras feitas na casa. De feito, a metade das curtametraxes están producidas por xente de aquí. Son nomes habituais doutras edicións como o de Fran Bermúdez, Bieito Beceiro, Pablo Martínez, o trío Teh Sungirls, o cuarteto de Teño unha horta…, Iago Lourido, Catalina Rodríguez, Roberto Bouza, Abel Vega ou Ángela Arnosa, aos que este ano se lle unen André Couce, Eloy Arnosa, Ana Lamas e o equipo autodenominado Narahío Media.

Canda elas e eles completan a relación outros nomes amadores e profesionais do audiovisual galego: Anxo Santomil -que presenta peza e tamén a cabeceira do evento-, Fran X. Rodríguez, Antón Rodríguez, Luis Avilés, Ana Martínez, Javier Seoane -outro dos fixos na cita-, Lucía C. Pan, Ana Moreiras, Sara Alonso, Noemí Caneiro, Noelia Uceira, Aldara Pagán, Manolo Abad e María Yáñez.

Trala estrea da Casa da Cultura todas as curtas irán subíndose de venres en venres á canle de youtube de Fálame de San Sadurniño e moitas delas tamén acudirán a distintos certames audiovisuais.

Maratón VI Chanfaina Lab -Sábado 15 de febreiro – Casa da Cultura de San Sadurniño
Programa

18.00h. Presentación e entrega de Lolas Chanfaineiras
18.30h. Parte I

1. Cabeceira Chanfaina Lab 2019 – Anxo Santomil
2. Limiar – Fran X. Rodríguez
3. A Casa soñada – Eloy Arnosa
4. Trae! – Fran Bermúdez
5. Aquilino das Seixas – Antón Rodríguez
6. Reparacións interdimensionais – Bieito Beceiro
7. Mbemba en Sansa – Luis Avilés
8. Con ollos de xigantes – Ana Martínez
9. A Marquesa e o Pazo – Anxo Santomil

19.45h. Descanso
20.00h. Parte II

10. Curmáns – Javier Seoane
11. Monte Xurásico – Roberto Bouza
12. As cousas só son cousas – Lucía C. Pan
13. Xoel e Sancho Yoda – Pablo Martínez
14. Un ninguén máis – Ángela Arnosa
15. A casa de barro e saliva – Abel Vega
16. As aventuras de Marcelino e Clemente – Catalina Rodríguez
17. Casa Torina – Ana Moreiras
18. Cólera – Sara Alonso
19. O roubo da droja II, Camiño da vinganza – Narahío Media
20. ??? – The Sungirls

21.15h. Descanso
21.30h. Parte III

21. Fabricando Soños – André Couce
22. A través do tempo – Noemi Caneiro
23. Decides que o matrimonio… Carmen Bouza, Carmen Couce, Consuelo Picos e Cruz Piñón
24. Tempo – Noelia Uceira
25. Relato vial – Noelia Uceira
26. As landras – Ana Lamas
27. Alí sentíame eterna – Aldara Pagán
28. Cando roxe o formigueiro 2.0 – Iago Lourido
29. Eva – Manolo Abad
30. Apuntamentos para un filme sobre Cantareliña – María Yáñez

Share.