O Chanfaina Lab mostra unha vintena de receitas exquisitas

0

Sábado de cine en San Sadurniño. Na Casa da Cultura estreábanse as curtametraxes gravadas durante o mes de setembro dentro do encontro audiovisual Chanfaina Lab. Realizadores e realizadoras, xente que protagonizou algunha peza ou axudou na produción e veciñanza curiosa por ver o resultado ateigaron o auditorio a partir das 18.30h. para asistiren a unha sucesión de miradas sobre o territorio. Foron máis de dúas horas con obras máis longas e máis curtas a través das que descubrir múltiples sansadurniños e facetas de quen aquí vivimos. Esoutras caras que só se mostran cando hai unha cámara diante e, detrás dela, alguén que as incita a se mostrar.

Á estrea das curtametraxes asistiron a práctica totalidade dos creadores e creadoras e quen non puido estar enviou unha mensaxe gravada que se pasou xusto antes das proxeccións. Foi o caso do realizador local Fran Bermúdez, de Eloi Domínguez, de Jorge Coira e de Lois Patiño, repartidos todos eles por distintos lugares do mundo desde onde mandaron o saúdo, e tamén as súas pezas. Faltou tamén Lara Bacelo, metida en múltiples proxectos nos últimos meses que lle impediron achegarse a San Sadurniño para presentar “Ítaca”, unha peza que non se estreou o sábado pero que si estará dispoñible máis adiante na rede xunto co resto de curtas.

Quen si estiveron foron Marta Piñeiro, Beatriz del Monte, Claudia Brenlla, Lara e Noa Castro, Carla Andrade, Natalia Porca, Marcos Lourido, Ángeles Huerta, Pablo Millán, Sabela Pernas e a representación autóctona: Bieito Beceiro e Sebas Rodríguez, Patricia Lamas e Miguel Sanjurjo (representantes do colectivo Con Suma Conciencia), Pablo Martínez, Abel Vega e as participantes no obradoiro “Retrata San Sadurniño: son de aquí e miro así”, impartido por Videodinamizarte durante a fin de semana da Chanfaina Lab no mes de setembro. As creacións destas últimas foron as que inauguraron a proxección, precedida da presentación breve de cada curta por parte dos realizadores e realizadoras e dunha tamén breve intervención da responsable municipal de Cultura, Sabela Íñiguez.

A concelleira abriu a “gala do cinema de aquí, de San Sadurniño” cun agradecemento para as persoas “que manteñen acesa durante todo o ano a cociña da Chanfaina”, en especial para a veciñanza “que nos bota un cabo e é partícipe diante e detrás das cámaras”, para os creadores e creadoras “que se achegan a nós para captar os ingredientes e cociñalos” e tamén para Manolo González e Carmen Suárez, como impulsores e dinamizadores do proxecto.

Sabela Íñiguez asegurou que o Chanfaina Lab  “é mestura de xentes en ingualdade de xénero, de estilos e de formatos, pero con algo que os liga, que é San Sadurniño e o apoio ao cinema galego, que non sempre ten o recoñecemento que merece”. Neste sentido a titular da área de Cultura adiantou que, de cara á edición 2017/2018, o encontro incrementará os obradoiros e as proxeccións para consolidalo como “foro onde visibilizar a creación galega”. Por outra banda tamén se ten previsto darlle un carácter internacional que, case con total seguridade, virá dado pola relación transfronteiriza con experiencias sobre cine rural que se desenvolven en Portugal.

Manolo González foi o encargado de ir presentando ás persoas “que tiveron a xentileza e a xenerosidade de facer unha película sobre San Sadurniño” para que comentasen o contido da súa obra e para recibiren cadansúa Lola da Cascarilla, a boneca artesanal feita con plana e barbas de maínzo que foi o agasallo oficial desta edición do Chanfaina Lab.

E despois dos protocolos, cine en estado puro a xeito de patchwork sobre San Sadurniño, a súa paisaxe e a súa xente. Non hai maneira de resumir o pase sen falar de cada peza unha por unha. E é que a única norma non escrita que hai para participar no Chanfaina é a de adquirir o compromiso de reflectir algo do municipio, o que sexa. E, como é lóxico, con tan pouco condicionante pode xurdir de todo.

Si se poden facer agrupacións por coincidencias temáticas ou estilísticas, froito case sempre do azar máis que de algo premeditado e consensuado previamente. Así, da paisaxe encargáronse -cadaquén ao seu xeito- as mulleres responsables de “Retrata San Sadurniño: Son de aquí e miro así”, Pablo Millán coa súa sorprendente recreación dixital “Negra sombra”, Noa e Lara Castro cunha arriscada experiencia visual en vertical titulada “O ollo cobizoso”, Marcos Lourido con “Tempo morto”, Eloi Domínguez Serén con “Soli. Soli”, Jorge Coira e o seu meticuloso exercicio de encadres denominados “Superficial, unha ollada á superficie de San Sadurniño e a unha pequena historia dun suspiro” e, en último caso,  Natalia Porca con “Here”, que a realizadora aproveita para volver mirar ás terras de Igrexafeita onde se atopa unha parte das súas orixes familiares.

Neste grupo, o da paisaxe, mesmo poderiamos incluír o teaser de “Tempo vertical” que Lois Patiño filmou en 2015 en Ferreira e que este sábado se volveu pasar en San Sadurniño á espera de que o director finalice a edición do material gravado en setembro. Incluso entrarían na categoría os “Sentimentos” de Fran Bermúdez ou “O meu traxecto ao colexio”, obra do benxamín do Chanfaina, Pablo Martínez.

Na parte de ficción cómpre destacar o ensaio sobre o terror de Sebastián Rodríguez e Bieito Beceiro titulado “O libro”, o realismo máxico de “Turulele” captado entre as verzas por Claudia Brenlla, o universo lendario cunqueiriano como pretexto para a reivindicación da muller na “Sibila” filmada en súper 8 por Carla Andrade e a desacougante e abraiante “Próxima estación, San Sadurniño” de Ángeles Huerta.

Pero o Chanfaina tamén ofrece historias humanas reais captadas con humor, con amor e con sensibilidade. Boa mostra son “Ocultas na paisaxe”, a interesante reflexión en feminino de Sabela Pernas, o “Deuteronomio 7:11” co que Marta Piñeiro retrata a Gelis de Puentes e as súas circunstancias, e o aplaudido “Pois iso. Que te quero” onde Bea del Monte consegue que catro xeracións de mulleres dunha mesma familia se digan diante da cámara o que nunca antes se dixeran.

Fóra de toda etiqueta quedarían tres das obras proxectadas: “Mañá cocemos”, de Abel Vega, que entraría na categoría dun detallado e coidado videotutorial sobre como facer pan artesán, e as hilarantes “Españolizer-Pro” e “Flipacán”, dous certeiros anuncios publicitarios saídos das mentes efervescentes do colectivo Con Suma Conciencia.

Trala estrea deste sábado, ás pezas aínda lles queda máis vida. A partir do venres irán publicándose semana a semana na canle de youtube de Fálame de San Sadurniño dedicada ao Chanfaina Lab. Ademais, boa parte delas seguramente empecen a circular por festivais e certames para levar este pequeno universo que é San Sadurniño por todo o mundo.

Share.