O Chanfaina Lab fai unha paréntese ata febreiro logo dunha fin de semana de intenso traballo

0

A vintena de creadores e creadoras participantes no Chanfaina Lab 17/18 despediron na tarde deste domingo unha edición que promete ofrecer variadas e sorprendentes visións de San Sadurniño. Durante a fin de semana todos e todas percorreron o territorio na procura de historias que contar, quer sobre a paisaxe, quer sobre quen vivimos nela ou incluso sobre esa relación entre a contorna e o ser humano que tenta amoldarse e amoldala. Ese foi, precisamente, un dos temas que se tratou na sesión de clausura a través dun cinefórum moderado por Óliver Laxe. Proxectáronse o filme xaponés “A illa núa” e a peza “O Pozo de Lamas”, de Abel Vega, a quen Laxe asegurou profesarlle admiración “polo amor co que filma” a paisaxe de Igrexafeita. Vega é un dos principais contribuidores fílmicos da web Fálame de San Sadurniño e un veterano do Chanfaina Lab. Este ano volverá presentar peza, aínda que para vela haberá que agardar -igual que no caso do resto-  a mediados do mes de febreiro.

Aínda que a charla de Óliver Laxe se anunciou como unha clase maxistral, finalmente foi un encontro a peito descuberto e corazón aberto para falar da conexión coa terra, de como esta nos esculpe e de como, indirectamente, condiciona as relacións humanas, especialmente as familiares.

O director introduciu o tema proxectando varios anacos da longametraxe “A illa núa”, dirixida en 1960 por Kaneto Shindô. A cinta narra a vida dunha familia que habita un illote sen auga doce onde cousas tan cotiás como cultivar a terra, beber, ir á escola… supoñen un inmenso esforzo e un reto vital. A película bota man da sinxeleza estética e dun ritmo de montaxe lento co obxectivo de que se reflicta “un ritmo humano, non industrial”, tal e como suxeriu Laxe. Para el, a historia de “A illa núa” describe como a natureza conforma os caracteres impoñendo unha “soberana sumisión” contra a que non valen rebelións, só vale adaptarse a ela.

O filme -que levou varios premios internacionais- ten como  banda sonora o ambiente e a música, non hai diálogos, e os únicos sinais humanos que se escoitan son os berros de dor pola perda dun fillo ou os da xenreira desesperada  por non poder cambiar o destino.

Óliver Laxe resultou premiado dúas veces en Cannes

Óliver Laxe resultou premiado dúas veces en Cannes

A illa preséntase como un espazo de incrible fermosura onde liberdade e escravitude aparecen mesturadas de forma indisoluble. Conceptos ambos que, segundo Laxe, non son exclusivos do Xapón plasmado na película, senón que se atopan en calquera cultura, en calquera parte do mundo, incluída Galicia. De feito, Carmen Couce e Carmen Bouza -dúas das youtubeiras de Fálame de San Sadurniño-, e o realizador amador Abel Vega sentíronse identificados coa película de Shindô e coas penurias retratadas que, segundo eles, tamén se viviron aquí noutro tempo non demasiado lonxano e ás veces amplificadas por pais ausentes e situacións familiares críticas.

O director nado en París de pais galegos tamén participou no debate falando dos avós e das súas raíces

Óliver Laxe propuxo un cinefórum para falar de como a paisaxe modela ao ser humano

Óliver Laxe propuxo un cinefórum para falar de como a paisaxe modela ao ser humano

familiares nos Ancares lugueses describindo situacións parellas á do filme xaponés e ás vivencias relatadas polas youtubeiras locais e Abel Vega, protagonista da última parte da sesión.  De todas as pezas que ten publicado Abel en Fálame de San Sadurniño, Laxe quedou coa que describe o paseo ata o Pozo de Lamas, en Igrexafeita. É un relato no que Vega avanza pola paisaxe mentres vai falando, sen guión previo e sen artificios: en conexión directa co contorno, formando parte del pero sen apaixoamentos innecesarios.

Un traballo, en definitiva,  que “describe praceres e vivencias de forma inocente e fascinante”, tal e como dixo Óliver Laxe, quen louvou o xeito de contar de Vega ademais de expresarlle a súa admiración polo “amor” co que filma as súas curtas, case todas centradas no patrimonio e na natureza da súa parroquia.

O cinefórum proposto polo director de “Todos vós sodes capitáns” e “Mimosas” -ambas premiadas en Cannes- foi unha das propostas de debate desta edición, que tamén contou coa presenza o sábado á tarde do realizador Carlos Viana moderando un faladoiro sobre cinema rural portugués apoiado nas proxeccións de “Hoje não é onte”, “María sem pecado”, “Agua fría” e “Cidade Pequena”.

Abel Vega, albanel xubilado que xa leva publicados varios vídeos sobre etnografía e paisaxe de Igrexafeita

Abel Vega, albanel xubilado que xa leva publicados varios vídeos sobre etnografía e paisaxe de Igrexafeita

Porén, o Chanfaina Lab non remata aquí. Aínda haberá algúns realizadores e realizadoras que andarán polo territorio algún día máis para levar todo o material visual que necesitan. Incluso haberá quen volva máis adiante para dispor de luces e paisaxes distintas coas que enriquecer a súa produción final. O encontro audiovisual promete dar, coma sempre, pezas moi distintas que poderemos ver a mediados de febreiro. Podemos agardar de todo, aínda que si se nota que, con cada edición, vai medrando o interese dos creadores e creadoras asistentes por relatar historias humanas máis que contemplacións da paisaxe.

O Chanfaina Lab é unha iniciativa organizada polo Concello de San Sadurniño con colaboración da Deputación da Coruña. Trala estrea dos filmes aló por febreiro, todos eles irán subíndose semana a semana á web de Fálame de San Sadurniño. Ademais, tal e como lembrou na clausura o coordinador e impulsor da iniciativa -o profesor Manolo González- “todas as películas son dos seus autores e autoras e poden presentalas a festivais e certames”, co que a experiencia creativa cobra o valor engadido da proxección de San Sadurniño noutras partes de Galicia, do Estado e incluso do mundo.

 

Share.