O Chanfaina Lab despídese ata febreiro

0

Acabou o VII Chanfaina lab, polo menos a metade do VII Chanfaina lab. Onte á tardiña, coas proxeccións da sección “O ronsel do chanfaina”, púxoselle o ramo a catro días de intensa actividade creativa que arrancou o xoves e máis o venres cos obradoiros impartidos por Fran X. Rodríguez e David Machado, aínda que o traballo de produción das curtas que poderemos ver en febreiro -a outra metade desta sétima edición e inicio oficial da oitava- estivo concentrado no sábado e domingo. Máis dunha vintena de persoas entre propias e “venideras” percorreron nesas dúas xornadas centos de quilómetros para tentar plasmar os seus proxectos tal e como os tiñan planeados, ou ben modulándoos para axeitalos á nosa realidade. Nalgúns casos mesmo desbotándoos por completo para enfocar as súas narracións nas estampas e historias que foron atopando polo camiño.

O seu periplo sadurniñés comezou o venres á tardiña na recepción ofrecida na Casa do Concello, onde o alcalde, Secundino García, e o promotor do encontro, Manolo González, lles deron a benvida a todas e todos os participantes no Chanfaina deste ano. González contextualizou o territorio e deixou no aire algunhas ideas sobre escenarios e posibles historias co ánimo de darlles un punto de partida a aquelas realizadoras e realizadores que chegasen sen proxecto máis ou menos pensado.

Pola súa banda, Secundino García volveulle agradecer a González e a Carmen Suárez que teimasen en poñer en marcha este proxecto en San Sadurniño, “unha idea marabillosa” que, segundo dixo, “reflicte San Sadurniño desde moitos puntos de vista” e que lle permitiu ao Concello “poñer o seu gran de area na aposta polo audiovisual galego”. García destacou, ademais, que o Chanfaina axudou a que xente de distintas idades do municipio “empezase a gravar as súas curtas” e que, a raíz del, “houbo xente nova que optou por meterse no tema audiovisual”.

A presentación celebrada no salón de plenos deulle paso de alí a poucos minutos á inauguración da mostra “20 anos de O bosque animado”, primeiro filme europeo de animación 3D e un auténtico fito tecnolóxico e cinematográfico para Galicia. O seu codirector e produtor, Manolo Gómez, acudiu á inauguración e fixo de guía excepcional pola exposición que reflicte a xestación e posterior vida da criatura estreada en 2001 pero cuxa andaina internacional comezou en 2002.

Ese ano, o filme baseado na obra homónima de Wenceslao Fernández Flórez foi a primeira película de animación desta banda do Atlántico preseleccionada para os premios Óscar e percorreu con grande éxito moitos países  “cando o único que se vía naquel momento fóra de España era Almodóvar”.

Unha película  “feita por rapaces da Coruña, fillos de traballadores que non tivemos ocasión de completar os nosos estudos universitarios porque nos metemos neste proxecto”, explicou Manolo Gómez. De feito, para o produtor e creador da empresa Dygra -que atesoura dous Goyas por esta película e por “O soño dunha noite de San Xoán”, tamén de animación 3D- o grande valor desta obra pioneira reside, precisamente, en que “se fixese desde Galicia, tratando de Galicia e con personaxes que manteñen a súa esencia galega”.

Neste sentido, Gómez reivindicou o noso potencial como país -“os galegos non somos menos que ninguén”, dixo- suxerindo que queda moito campo por explorar no ámbito cinematográfico “contando historias con identidade propia pero que sexan comprensibles fóra, como fixo Wenceslao Fernández Flórez no ano 47” e tamén noutras actividades punteiras, a pesar de que o talento e a iniciativa non sempre reciban o necesario apoio institucional e económico que si existe noutros países.

Unha abeleira conmemorativa
Logo de inaugurar oficialmente a exposición -que pode visitarse até o 30 de setembro na galería municipal en horario de 8:30 a 14:30h de luns a venres- o grupo de chanfaineiras e chanfaineiros 2022 baixou até o arboreto da Cortiña para plantar a árbore conmemorativa da presente edición -unha abeleira- que será a última que se poña na terra, xa que en anos sucesivos dedicaráselle ao Chanfaina Lab algún dos outros exemplares que xa medran á beira do Xubia.

A xornada do venres, dedicada case por enteiro a unha primeira toma de contacto co territorio e a fomentar o coñecemento entre participantes, rematou na Casa da Cultura coa “Eira de cineastas”. Nesta sección cada creadora e creador presentou algunha peza ou fragmentos de obras anteriores, co obxectivo de mostrar o estilo narrativo e os contidos predilectos de cadaquén, que na maior parte dos casos van replicarse nas pezas que se han de preparar para este Chanfaina Lab.

Durante o sábado e do domingo -sobre todo o sábado- os distintos equipos estiveron ben atarefados levando a cabo os seus proxectos. Polo que se puido ver e polo que as autoras e autores comentaban, as estreas de febreiro volverán ter un pouco de todo: ficción, humor, thriller, documental, experimental, poesía visual, contemplación das paisaxes físicas e humanas de San Sadurniño, etc.

Curtas sen relación entre si a non ser polo contexto espazo temporal da rodaxe, pero que todas xuntas compoñen algo parecido á chanfaina, ese embutido tradicional da nosa zona que xunta múltiples ingredientes humildes dos que sae unha sinfonía de sabores e matices tan delicados como mantedores.

Despedida até febreiro
A chanfaina foi precisamente un dos pratos que se puido degustar no xantar de despedida de onte domingo.  Na sobremesa, o armadanzas do encontro audiovisual, Manolo González reiterou os agradecementos ás persoas participantes e colaboradoras, ademais de avanzar a data aproximada das estreas “para algún día próximo ao 15 de febreiro, aínda non está decidido”.

O avance foi un recordatorio explícito do prazo dado para que as creadoras e creadores teñan listas as súas pezas e para que conten con volver daquela a San Sadurniño para presentalas. González tamén lles recordou que as curtas producidas no Chanfaina “son vosas, podedes levalas a festivais e onde queirades, nós só vos pedimos que nolas deixedes publicar cada semana despois da estrea na nosa canle de youtube”. O impulsor do Chanfaina Lab tamén pediu que nas montaxes se utilizasen músicas libres de dereitos ou contando coas correspondentes licenzas “para evitar problemas na canle” e mesmo convidou ás realizadoras e realizadores a empregar como banda sonora melodías de grupos locais como Saraibas, Balakandra ou Sanford Music Factory, ofrecéndose persoalmente a mediar na obtención das autorizacións de reprodución necesarias.

Ademais de González, na despedida tamén interviu o responsable de redes sociais do Chanfaina Lab, o “lobeirés” Fran Bermúdez, responsable da canle en youtube A Lobeira Today, e as súas redes irmás en Twitch, Twitter e Instagram, que xuntan case 5.500 “followers” desde este lugar de Santa Mariña do Monte e que manteñen unha actividade incesante practicamente todos os días.

Bermúdez ocupouse da xestión das redes do Chanfaina Lab -“por fin temos redes sociais”, dixo Manolo González na presentación do venres- e, ademais de anunciar que tamén presentaría peza en febreiro, ameazou con seguir “dándolle a brasa” aos creadores e creadoras participantes nos próximos meses, mantendo conversas con eles e elas que publicará nas distintas canles, coas que poderemos afondar máis nos seus respectivos universos creativos e coñecer como lles están quedando as curtametraxes.

Na clausura oficiosa do Chanfaina Lab tamén falou a concelleira Araceli Bellas, en quen Secundino García delegou este ano a responsabilidade organizativa. Na súa estrea como chanfaineira, Bellas mostrouse sorprendida “polo ambiente que se vive” durante o evento e polo feito de que dentro del se produza “un encontro interxeracional” de persoas de distintas idades e niveis de coñecemento sobre o audiovisual. A titular da área de Igualdade tamén se pronunciou ao respecto das pezas proxectadas na Eira de Cineastas, como por exemplo o fragmento de “María Casares, a muller que viviu mil vidas”, de Xavier Villaverde, e outras que se pasaron o venres, que poñen as mulleres, “grandes olvidadas da historia”, no lugar que lles corresponde.

Bellas tamén se referiu á alta participación feminina neste e en anteriores chanfainas. De feito, das case 50 persoas que mobilizou ou mobilizará este Chanfaina Lab -houbo participantes que gravarán as súas pezas por libre nos próximos meses- unha ampla maioría son mulleres, entre elas Consuelo Picos, Carmen Bouza, Carmen Couce e Cruz Piñón. Esta última -actriz nas curtas de Ariadna Silva e de Xavier Villaverde- dixo estar “feliz, feliz, feliz” por participar no Chanfaina Lab e por encontrarse “con tanta xente e coñecer tantos amigos”.

Pola súa banda, o concelleiro de Desenvolvemento local Manolo Varela -colaborador na loxística e tamén actor no thriller que prepara o grupo NaraíoMedia- destacou que o movemento creativo de San Sadurniño se estea “contaxiando a xente nova e menos nova”. Varela agradeceu o traballo de Manolo González e Carmen Suárez, así como o do resto de persoas implicadas, e desexou que as realizadoras e realizadoras “o pasasen ben” descubrindo San Sadurniño durante a filmación das pezas que poderemos ver aló polo mes de febreiro.

O VII Chanfaina Lab está organizado polo Concello de San Sadurniño con apoio da liña de axudas para festivais de artes escénicas e audiovisuais da Deputación da Coruña.

 

Share.