O Chanfaina Lab continúa descubrindo talento local

0

Un dos pés que sustentan o proxecto audiovisual Chanfaina Lab é o de que a xente de San Sadurniño sexa partícipe da iniciativa por calquera vía: sendo protagonista das pezas, axudando na produción, guiando polo territorio a quen chega de fóra cámara en man… pero tamén como xeradora de contido. Parte da sorpresa desta edición foi, precisamente, a achega da xente de aquí con pezas dunha fantástica calidade e cun xeito de mirar desde dentro reservado á sensibilidade de quen se ergue todos os días en San Sadurniño. Un algo de chovinismo -tomando só o que poida ter de bo a palabra- que se materializou nas curtas de Abel Vega, na de Sabela Íñiguez e Ary López, na da troupe de Con Suma Conciencia e na de Fran Bermúdez, que esta semana chega á grande pantalla virtual con “Quixera”.

Ferrolán de nacemento e da Lobeira de adopción, Bermúdez tece con técnicas visuais distintas e grande sinxeleza unha curtametraxe que é, ao mesmo tempo, unha declaración a peito aberto de aspiracións e desexos e unha oda ao territorio que elixiu para vivir.

En Fálame faise unha aproximación a Francisco Bermúdez  como músico esporádico, debuxante afeccionado de cómics, compositor, gravador e montador de vídeo vocacional. Fascinado por viaxar, ingresou na Armada onde chegou a cumprir o seu soño de ver mundo, posto que visitou 40 países e 86 cidades. Casou e veu vivir ao lugar de A Lobeira, na Parroquia de Santa Mariña do Monte. Alí comezou a escrita dun blog persoal de referencia en San Sadurniño “Vivo na Lobeira”. Rexistrou en vídeo a vida a bordo dun barco, así como varias pezas en time-lapse do paso do buque polo canal de Panamá. Unha aprendizaxe vital e técnica que, pinga a pinga, se destila en “Quixera”.

A inspiración da súa peza para Chanfaina´Lab, agromou da inquedanza persoal de Fran, tal como conta na entrada do seu blog titulada  “Pois estache boa a chanfaina”: “O punto de partida era facer timelapses coas bonecas das “Lolas da Cascarilla” nos lugares mais fermosos e representativos do Concello; mais logo fun topando moitos problemas técnicos porque as bonecas eran de millo e non se prestaban para animación. Ao final funme decatando por unha morea de cousas, onde metín todo o que eu quixera contar e así saíume esta peza moi persoal, como unha amalgama de ideas e sensacións que reflicten todo o que tiña dentro de min. Para min foi unha experiencia inolvidable”.

En “Quixera” asistimos ao nacemento dun cineasta con mirada propia e que sen dúbida aínda ten moitas historias que contarnos. Fran Bermúdez é un creador polifacético que está a procurar o seu camiño entre a escrita, o audiovisual, o debuxo e a música. Con esta peza está convencido de que os veciños e veciñas de San Sadurniño “coñeceranme un pouco mellor” e permitiralle medrar como cineasta. Un gran punto de partida para un creador que tenta desvelar coa súa mirada o devir da comunidade na que se asentou por elección. A Chanfaina Lab e a veciñanza da Lobeira tamén “quixeran” máis filmes de Fran Bermúdez.

Share.