O Chanfaina Lab busca a implicación veciñal para a súa terceira edición

0

O Chanfaina Lab volverá ser durante do 1 ao 4 setembro o principal referente da creación audiovisual galega. Por terceiro ano daranse cita en San Sadurniño realizadores e realizadoras cun único obxectivo: retratar a esencia do territorio con total liberdade temática e estilística. Porén, un dos principais alicientes do encontro é a participación activa da veciñanza, que pode sumarse a el con pezas propias ou botándolle un cabo a quen vén de fóra coa produción, propoñéndolle historias ou guiándoo por este pequeno universo que é San Sadurniño. Por iso, calquera persoa que queira participar no proxecto pode ir apuntándose xa chamando ao 616 016 793 ou enviándolle un correo a chanfainalab@gmail.com.

O programa do encontro audiovisual está practicamente pechado e nesta ocasión presenta varias novidades. A máis destacada é que se amplía a súa duración, xa que o Chanfaina comezará o xoves 1 de setembro e prolongarase até o domingo 4.

O eixo principal continuará sendo o da gravación en tempo récord de pequenas pezas ao respecto de San Sadurniño -a paisaxe, a xente, a historia, etc.-, aínda que nesta ocasión tamén se introducen na planificación varios obradoiros formativos e de debate. Malia non desvelalos por agora, desde a organización aseguran que o evento contará con nomes reputados do audiovisual galego tanto na impartición dos obradoiros como no apartado de filmación de curtametraxes sobre o territorio.

O Chanfaina Lab está aberto a todas as persoas que queiran participar gravando unha peza ou implicándose de calquera maneira nas microproducións que se poñan en marcha durante a fin de semana: colaborando na localización de escenarios, axudando nas tarefas de produción e gravación ou incluso poñéndose diante da cámara como protagonistas das historias que xurdan.

Para sumarse ao proxecto non fai falla experiencia previa nin tampouco hai límite de idade. Quen se anime só ten que enviar un correo a chanfainalab@gmail.com, chamar ao 616 016 793 ou contactar coa asociación veciñal da súa parroquia. Algunhas delas, como a confraría do San Pipote de Bardaos ou Adiante de Igrexafeita, xa confirmaron a súa colaboración co Chanfaina e desde o departamento de Cultura agárdase que nos próximos días se integren máis entidades do municipio.

Share.