O Chanfaina Lab bota a andar cun obradoiro sobre montaxe impartido por Fran X. Rodríguez

0

Pois xa está en marcha o VII Chanfaina Lab, aínda que xa leva semanas de preparativos e traballo constante para ofrecer catro intensos días á procura de historias e filmacións que retraten o noso territorio físico e humano desde múltiples puntos de vista. Esta mañá de xoves, primeiro día do encontro, está desenvolvéndose na Casa da Cultura o obradoiro “De corte a corte”, impartido polo realizador Fran X. Rodríguez, todo un crack da edición e a montaxe que xa participou en anteriores chanfainas e que a primeiros deste ano nos presentou no mesmo lugar a súa curta “Devoradora de nenos”.

Fran está dando as claves do discurso audiovisual poñendo como exemplo secuencias de grandes películas que en moitos casos beben das técnicas sobre as que teorizaron Lev Kuleshov ou Sergei M. Eisenstein, ou daquelas que vimos por primeira vez en películas de Hitchcock, entre outros clásicos.

En definitiva, Fran X. Rodríguez estanos ensinando a contar con imaxes e como unha gravación ben planificada en planos -as palabras- e en secuencias -as frases- é capaz de inspirarnos sensacións e sentimentos que poden cambiar completamente de significado dependendo de como as combinemos na montaxe.

O obradoiro rematará sobre as 15:00h… pero o Chanfaina Lab segue hoxe mesmo, de 19:00 a 20:30h, coa proxección de pezas clásicas do encontro protagonizadas por persoas de San Sadurniño.

O título da sección é “A paisaxe humana de San Sadurniño” e nela veremos “Ocultas na paisaxe” (2017) de Sabela Pernas, “Cruz Piñón” (2015) de Xisela Franco, “A bizcochada” (2016) de Carlos Quirós, “Café bar Santos” (2015) de Sonia Méndez, “Matías” (2016) de Sandra Sánchez, “A Casa” (2018) de Carlos Viana, “Pois iso, que te quero” (2017) de Beatriz del Monte, “Mbemba en Sansa” (2020) de Luís Avilés, “Irmandade” (2019) de Samuel Delgado/Helena Girón e o flashmob “Non teño dono” (2019) de The Sungirls.

E mañá máis, co taller de gravación de sonido “Isto non se arranxa na posprodución” que ofrecerá David Machado (9:00 a 15:00h) e a chegada das cineastas que nos acompañarán durante toda a fin de semana.

Ademais, pola tarde haberá unha recepción na Casa do Concello (18:30h), pouco despois inaugurarase na galería do primeiro andar a mostra “20 anos de O Bosque animado” -contando co seu produtor e codirector, Manolo Gómez- e, deseguido, plantarase na Cortiña a árbore conmemorativa da presente edición.

Sobre as 20:30h terá lugar na Casa da Cultura a Eira de Cineastas onde cada participante se irá presentando con fragmentos da súa produción audiovisual.

O VII Chanfaina Lab está organizado polo Concello de San Sadurniño con apoio da liña de axudas para festivais de artes escénicas e audiovisuais da Deputación da Coruña.

Share.