O Centro Municipal de Empresas comezará a funcionar oficialmente o primeiro de xuño

0

A sala de xuntas do Centro Municipal de Empresas de San Sadurniño acolleu no serán deste xoves o primeiro encontro das 12 empresas que reservaron oficinas nas instalacións. A reunión convocada polo Concello foi unha presentación das persoas e das iniciativas que compartirán este novo espazo de negocios, pero tamén serviu para pór enriba da mesa cuestións do funcionamento diario -horarios de apertura, limpeza dos locais, etc.- que se definirán en breve nun regulamento consensuado coas propias empresas. Malia que a maioría delas xa ocuparon as instalacións e algunhas mesmo están traballando alí desde hai varios días, non será ata o próximo xoves -1 de xuño- cando se dea por iniciada oficialmente a actividade no inmoble.

O alcalde, Secundino García, deulles a benvida ás 12 firmas agradecéndolles, ademais, que apostasen por San Sadurniño para asentar os seus negocios que, tal e como asegurou o rexedor trala xuntanza, “contribuirán a dinamizar a economía do territorio”. García tamén destacou a “variedade” de iniciativas empresariais e o feito de que a maioría delas “sexan actividades que botan a andar co propio centro”. A este respecto o alcalde tamén agarda que o edificio sexa non só un lugar físico, senón tamén un espazo “para compartir ideas e proxectos” que facilite as “condicións ideais” para a creación de sinerxias.

Pola súa banda, o concelleiro responsable de Desenvolvemento territorial, Manolo Varela, cualificou a estrea do centro empresarial como “un ciclo novo” para o edificio que antano foi colexio e, antes diso, en tempos da marquesa, dependencias pacegas. Varela recordou, ademais, que a posta en marcha do espazo “é a culminación da recuperación para uso social de todo o contorno”, un proceso iniciado cos xardíns municipais, continuado despois coa rehabilitación do pazo como casa consistorial e, por último, co acondicionamento do vello edificio anexo para acoller a escola infantil municipal e os locais en alugueiro para empresas.

O CME de San Sadurniño empeza a súa andaina, en efecto, con variedade: unha empresa de asesoría, unha de logopedia, dous despachos de avogacía, unha empresa especializada e drons e servizos de imaxe aérea, dúas empresas de peritaxe agrícola e de leiras, unha firma dedicada ás instalacións e servizos eléctricos, unha de construción, unha operadora loxística de transportes e escavacións, unha empresa de fontanería e unha de comunicación.

Todas elas foron presentándose de unha en unha para explicar de forma resumida as súas respectivas actividades e, de paso, ir familiarizándose cos nomes e caras  que, a partir do 1 de xuño, coincidirán no día a día. Na maioría dos casos houbo parabéns para o Concello por impulsar o centro de empresas e, principalmente, polas vantaxosas condicións económicas dos alugueiros: 5,83€/m², incluíndo no prezo a electricidade, o acceso a internet, a caixa do correo, o uso da sala de xuntas e a limpeza dos espazos comúns. 

Con todos estes servizos, as oficinas máis pequenas -de 8,5 m²- non chegan aos 50€/mes e as dun tamaño medio -entre 11 e 15 m²- non pasan de 90 euros mensuais, “algo que se agradece cando estás empezando”, tal e comentaba unha das persoas que elixiu o centro para poñer en marcha o seu negocio.

O técnico responsable de Desenvolvemento local, Ignacio Fernández, explicou que o centro cumpre co dobre cometido de darlle uso a un equipamento municipal e de suplir a carencia de locais para iniciativas empresariais e de emprendemento. Fernández aclarou que o CME non é un viveiro de empresas pensado para que as iniciativas se poñan en marcha e que despois marchen, senón que se trata dun centro con espazos adxudicados por un periodo de 2 anos renovables. “Se estades contentos aquí gustaríanos que seguisedes despois dese tempo”, dixo o técnico, quen destacou que, en moitas ocasións, “son máis importantes este tipo de infraestruturas que as axudas e subvencións”.

Fernández louvou, por último, a situación do Centro Municipal de Empresas por varias razóns: por estar ben comunicado -Ferrol e Narón están a 10 minutos escasos-, por ter o Concello a un paso -e tamén a escola infantil municipal-, por existir unha entidade bancaria nas proximidades e por ter a tiro de pedra a oficina de Correos que, de feito, se trasladará ao propio edificio o día 1º de xullo.

Inicio da actividade
Na xuntanza entre as empresas e o Concello tamén se falou de como vai ser o funcionamento diario do centro. A intención municipal é a de consensuar aqueles aspectos  non recollidos no regulamento xeral de funcionamento, que atende principalmente á definición dos servizos, dos espazos e das condicións de adxudicación e disfrute dos mesmos.

Porén, nese marco xeral non se di nada, por exemplo, sobre a posibilidade de compartir servizos de reprografía; sobre quen se encargará de abrir e pechar o centro; se cadaquén fará a limpeza da súa propia oficina ou se, en vez diso, se opta por contratar a escote unha empresa que as limpe todas; sobre a posibilidade de poñer unha máquina do café e outra de auga; a decisión sobre de que maneira se poden identificar as empresas para que se saiba desde fóra que servizos ofertan sen interferir na estética do conxunto arquitectónico, etc.

Temas que se foron anotando e para os que o Concello formulará unha proposta nos próximos días de cara a atopar solucións satisfactorias para ámbalas partes. Ademais, desde Desenvolvemento local tamén se informou de que a web municipal contará cun espazo específico para o Centro Municipal de Empresas e adiantouse o compromiso de publicar un boletín Novas especial a xeito de directorio con información de todas elas e dos servizos que ofrecen.

Share.