O Centro de Saúde de San Sadurniño recupera o servizo permanente de pediatría

0

Xusto dous anos despois de quedar sen pediatra, o Centro de Saúde de San Sadurniño restablece o servizo con carácter permanente para atender a rapazada tanto deste municipio como dos de Moeche, Cerdido e As Somozas. Hai tan só uns días incorporouse ao cadro de persoal unha nova facultativa que pasará consulta os cinco días da semana. Así llo comunicou este mediodía a Xerencia da Área Sanitaria ao Concello, a pesar de que a noticia xa circulaba desde onte a través das redes sociais e entre os grupos de pais e nais que promoveron distintas mobilizacións e campañas reivindicativas desde xaneiro de 2019 con apoio dos concellos. Porén, desde a xerencia precisan que, debido á actual situación sanitaria, polo de agora non se vai recuperar a itinerancia polo resto de centros médicos, de maneira que as familias de Moeche, Cerdido e As Somozas deberán continuar achegándose a San Sadurniño para as consultas e revisións das súas crianzas.

A decisión de manter o servizo de pediatría centralizado no noso Centro de Saúde obedece a “razóns preventivas”, segundo lle trasladou ao alcalde o xerente da Área Sanitaria de Ferrol, Ángel Facio. Secundino García explicou que na conversa telefónica mantida este mediodía, desde a xerencia se lle comentou que “non era conveniente nas actuais circunstancias que o persoal médico se movese polos distintos centros”.

Resumindo a comunicación con Facio, o rexedor explica que a medida “será temporal mentres dure a crise sanitaria” e que o SERGAS tería intención de retomar as consultas itinerantes “no momento en que a situación ofreza máis garantías de seguridade”.

Dous anos de espera e de mobilizacións
A recuperación da atención pediátrica especializada en San Sadurniño prodúcese xusto dous anos despois de quedar interrompida pola marcha a outro destino da anterior facultativa.

Durante este tempo o SERGAS cubriu o servizo rotando persoal procedente doutros centros médicos e reducindo a tres os días de atención, ademais de suprimir a itinerancia.

Desde o primeiro momento houbo unha grande contestación social ante o que se considerou unha falla de previsión da Xunta de Galicia na cobertura de prazas. As alcaldías de San Sadurniño, Moeche e Cerdido reuníronse coa Xerencia comarcal do SERGAS na busca dunha solución, as familias mobilizáronse para recoller sinaturas, acudiuse a manifestacións e mesmo houbo plenos monográficos nos concellos de Cerdido, Moeche e San Sadurniño reclamando o restablecemento do servizo.

Share.