O Castelo de Narahío organiza unha charla-debate sobre os dereitos e loitas das mulleres

0

A asociación veciñal de Naraío fixou para este venres, día 29 de abril, a partir das 20.00h. unha nova xornada dos denominados “Foros da Veiga”, cos que a entidade ofrece sesións informativas e de debate sobre distintos temas de actualidade. Desta vez contarán coa gandeira e sindicalista labrega María Ferreiro, quen falará no local social da asociación dos dereitos e loitas das mulleres.

Ferreiro é responsable da secretaría das mulleres do Sindicato Labrego Galego e abordará, entre outros aspectos, da discriminación por razóns de sexo, das cotizacións e o acceso á seguridade social das mulleres. Asuntos que se tratarán en relación coa lei de titulariedade compartida de explotacións, que pretende promover a igualdade laboral no agro por medio desta fórmula de xestión conxunta.

A lei aprobada en 2011 busca,segundo Medio Rural, darlle visibilidade ás mulleres no traballo que desempeñan e que estas poidan exercer e gozar de todos os dereitos derivados do seu traballo nas explotacións agrícolas “en termos de igualdade con respecto aos homes”, así como favorecer “a asunción de decisións xerenciais e dos riscos e responsabilidades derivados delas”.

Esta terceira edición do Foro da Veiga tamén se ocupará da violencia de xénero, unha lacra social que cada vez sofren mulleres máis novas, que está experimentando novos xeitos de manifestarse por medio da tecnoloxía e que cada vez cobra máis vítimas. Desde O Castelo citan a cifra de 900 mulleres falecidas a mans das súas parellas ou exparellas desde o ano 2003.

O Foro da Veiga desenvólvese os últimos venres de mes e ten como obxectivo favorecer o debate sobre cuestións de actualidade. Para iso, a asociación veciñal convoca persoas expertas nos temas tratados de cara a que acheguen os seus coñecementos. Os dous anteriores ocupáronse do tratado internacional de libre comercio entre os EUA e Europa e da situación actual do sector naval. O próximo, fixado para o derradeiro venres de maio, sentará arredor da mesa a profesionais do xornalismo de cara a radiografiar o papel dos medios de comunicación como creadores de opinión.

As sesións do Foro da Veiga teñen lugar no local social d”O Castelo, situado no campo de fútbol de Naraío, con entrada libre. A actividade forma parte da programación anual da asociación, que conta con finanzamento do Concello de San Sadurniño a través das liñas de axuda para Cultura.

Share.