O Carné Xove pode activarse desde hoxe por vía electrónica

0

A Xunta de Galicia activou hai escasos minutos un formulario na rede para que todas aquelas mozas e mozos que recibisen ou vaian recibir o Carné Xove por primeira vez poidan activalo sen ter que moverse da casa. A web Xuventude.net informou esta mañá da novidade ante o elevado número de solicitudes de activación presencial, que saturou as citas nas oficinas onde se pode facer o trámite. A nova opción telemática, en principio, debería estar operativa desde as 12.00h. deste luns. Porén, o servizo está sufrindo interrupcións técnicas que dificultan o trámite e que, porén, deberían estar solucionadas ao longo da xornada ou dos próximos días. Por outra banda, desde a Dirección Xeral de Xuventude lembran que a activación poderá seguir facéndose en persoa  en calquera dos 36 puntos  presenciais que existen en Galicia.

Outra das novidades recentes do Carné Xove é que a Xunta llo está enviando de oficio a toda a mocidade que estea na franxa de idade comprendida entre os 12 e os 30 anos (arredor de 400.000 galegas e galegos), de modo que non fará falla solicitalo (aínda que si activalo despois de recibilo) nin tampouco aboar taxas pola súa emisión.

Ademais, segundo anunciou Xuventude, tamén se porá en marcha unha nova app móbil asociada a esta tarxeta, coa que se pode acceder a descontos no comercio adherido e tamén a outros servizos máis vantaxosos para a xente nova, tanto dentro como fóra de Galicia, posto que o Carné Xove é de ámbito europeo.

Se a activación se fai a través da rede, os novos usuarios que recibisen o carné xove no seu domicilio deberán cubrir un formulario cos seus datos. No paso duns días recibirán o código de identificación EYCA (European Youth Card) no correo electrónico de referencia. Unha vez recibido, deberase anotar o código manualmente na tarxeta, en concreto, no apartado número de carné.

Aquelas persoas mozas que con anterioridade ao envío xa tiveran o carné, simplemente recibirán un novo coa imaxe actualizada da tarxeta e, sen necesidade de facer máis nada, xa estará listo para utilizar. Como dicimos, quen non tivesen Carné Xove e o recibisen ou reciban agora por primeira vez deberán activalo, ben nalgún dos 36 puntos habilitados en toda a Comunidade ou ben por vía electrónica.

Enlace ao formulario para activación electrónica

Share.