O Camiño Arriba honra ao San Estevo esta fin de semana

0

San Estevo é, segundo a tradición cristiá, o primeiro mártir da Igrexa. O seu día é o 26 de decembro e a primeiros de agosto -o día 3- é cando se conmemora o achádego do seu corpo nos arrabaldos de Xerusalén en tempos do emperador Honorio (s. V ). Quizais sexa esta última data a que se celebra no Camiño Arriba. Ou quizais sexa a do 26 de decembro trasladada ao verán por aquilo de que os días son máis longos e con mellor tempo. Quen sabe, ao mellor este San Estevo é resultado da asimilación católica de ritos anteriores relacionados coas colleitas da més. Menos rollo e ao caso: esta fin de semana hai festa no Camiño Arriba.

O programa arranca o sábado  pola mañá coas tradicionais dianas e alboradas a base de foguetes. A misa está posta para as 13.00h. na capela do santo -situada nas entremedias do Freixo e Portolamas- que é peculiar polo seu cruceiro de toelo, posto que está tan pegado á edificación que é imposible velo pola parte traseira. O cruceiro data de 1931 e é dos máis modernos de todos cantos se contan en San Sadurniño, un dos concellos da volta con máis símbolos deste tipo e case na súa totalidade de pedra de Moeche.

Pero volvamos ao obxecto da información, a festa. A sesión vermú do sábado estará animada pola orquestra Alcázar. Repetirá pola noite na compaña de Caramelo dentro da verbena que comezará sobre as 22.30h. Para o domingo repítense os toques de diana a primeira hora da mañá e a misa adiántase ás 12.00h.

Tan pronto como remate a liturxia comezará a función -sinónimo de sesión vermú- que, segundo se anuncia no cartel da festa, se alongará ata ben entrada a tarde coa orquestra Bohemia. Pola noite non haberá música.

Por se alguén anda pendente do tempo, que non rabee, Meteogalicia di que non vai chover. E se chovese, que non rabee tampouco, a comisión puxo carpa.

Share.