O boletín Novas regresa ás casas con información sobre a volta á “normalidade”

0

Tras case un trimestre sen imprimirse -posto que a distribución postal estivo limitada-, o boletín informativo Novas volverá a partir do luns aos domicilios. Nel abórdanse distintas cuestións relacionadas coa COVID-19 e, principalmente, unha aproximación a como se irá retomando a actividade nos distintos servizos e programas municipais durante o que queda de Fase 2, en toda a Fase 3 e tamén despois, cara a finais de xuño, cando comece a denominada “nova normalidade”. Un dos aspectos aos que máis cómpre atender é o relativo aos servizos de conciliación. De momento non hai data para a reapertura da EIM A Rolada, posto que a Xunta de Galicia aínda non trasladou os protocolos preventivos que se deberán seguir no centro. En canto aos programas específicos para o verán, o Concello estuda poñer en marcha opcións adaptadas ás actuais circunstancias, como un servizo de canguraxe para familias que non teñan maneira de compatibilizar familia e traballo ou actividades socioeducativas con aforo reducido. En calquera caso, antes de que boten a andar cómpre saber cantas familias precisarían este tipo de apoio e por iso se lles pide ás nais e pais que envíen un correo indicando cales son as súas necesidades concretas a veronica.rodriguez@sansadurnino.gal ou que contacten directamente co departamento de Igualdade no 981 490 027 ext. 1.

No momento actual, atendendo á situación provocada polo impacto da COVID-19, desde a área de Igualdade “mantense o compromiso de continuar apoiando a conciliación, pero propoñendo de maneira excepcional para este momento novas alternativas que atendan as necesidades das familias e o cumprimento das medidas de prevención. Cremos que neste momento é máis importante que nunca axudarlles ás nais e pais”, apunta a concelleira da área, Ana B. Breixo.  A responsable municipal insiste no carácter de “excepcional”, posto que os programas que se poñan en marcha serán temporais e non substituirán as fórmulas que se viñan ofrecendo nos últimos anos a pesar de que neste 2020 houbese que suspendelas.

Neste sentido valórase poñer a disposición das familias, por un lado, outros servizos de conciliación máis personalizados en función das demandas existentes, que serán estudadas polos servizos técnicos municipais, e por outro, un abano de actuacións de carácter socioeducativo cun aforo reducido e cunha periodicidade máis puntual.

Así, Igualdade xa ten estruturada unha fórmula de atención a domicilio mediante unha bolsa de horas dun servizo de canguro para as familias destinatarias e, por outro lado, prevé desenvolver actividades socioeducativas de conciliación en grupos reducidos. Medidas pensadas para suplir os programas estivais, pero que poderían estenderse máis tempo se a situación sanitaria así o esixe. “Fai falla dispor dun marco flexible que se adapte ao que poida vir. Estamos nunha situación nova e incerta en que non se pode predicir o que vai pasar dentro de dous ou tres meses, por iso é tan importante ter definido un procedemento para agora, o momento máis urxente, pero tamén para máis adiante se for necesario”, explica Verónica Rodríguez, técnica do departamento.

Porén, a estes servizos “alternativos e puntuais”  só poderán acceder as familias que acrediten que os dous membros -ou o membro, se é monoparental- están traballando e que non teñen outra opción da que botar man para conciliar. Por iso se pide que, ademais de cumprir este requisito, as familias lle comuniquen o seu caso á área de Igualdade o antes posible, xunto coas necesidades de conciliación que teñen neste momento e as que prevén ter nos próximos meses.  Esa comunicación debe facerse enviando un correo a veronica.rodriguez@sansadurnino.gal ou chamando ao 981 490 027 extensión 1. En base a estas solicitudes marcaranse os prezos, a data de inicio e tamén as horas de atención ofertadas en cada caso.

A Xunta aínda non se pronunciou sobre a apertura da EIM A Rolada
A Escola Infantil Municipal A Rolada podería reanudar a súa actividade desde o 26 de maio para aquelas familias que xustifiquen necesidades de conciliación laboral. Porén, a día de hoxe a Consellaría de Política Social da Xunta de Galicia aínda non enviou instrucións ao respecto nin tampouco os protocolos de prevención que se deberán adoptar para garantir a seguridade tanto das crianzas como das mestras. 

Nesta situación o Concello non pode abrir o centro, a pesar de que hai polo menos dez familias que cumpren o requisito de non ter outra maneira de conciliar e que precisan con urxencia a reactivación do servizo ou unha solución alternativa. Á espera dun pronunciamento da Consellaría de Política Social -como administración competente na materia-, o departamento de Igualdade ten aberta unha canle de comunicación permanente para trasladarlles ás nais e pais os cambios que se poidan producir.

Por outra banda cómpre recordar que este domingo finaliza o período de solicitude de prazas de nova incorporación, que se pode tramitar a través da Sede Electrónica municipal.

Varios programas e instalacións adáptanse ás novas circunstancias
O boletín municipal Novas tamén informa sobre como se vai retomar “paseniñamente” a actividade municipal.  Na Casa do Concello e noutras instalacións xa se adoptaron as medidas recomendadas polas autoridades sanitarias -instalación de mamparas, marcas no chan, dispensadores de xel hidroalcólico, regulación da circulación no edificio, etc.- e, ademais, séguese insistindo na importancia do lavado frecuente de mans, do distanciamento social de polo menos 2 metros e da hixiene respiratoria, como principais maneiras para previr contaxios.

Deste xeito, as oficinas da Casa do Concello atenderán as demandas da veciñanza preferentemente por vía telefónica -981 490 027- e a cita previa será, mentres non se normalice a situación, a maneira prioritaria de atención no Rexistro xeral do Concello e o resto de servizos situados na Casa do Concello: urbanismo, contabilidade ou desenvolvemento local. As persoas que necesiten consultar algún asunto ou realizar algún trámite con estes servizos deberán concertar antes día e hora para pasar polas oficinas municipais. Cómpre recordar que os prazos administrativos suspendidos ou interrompidos polo Estado de Alarma volverán reanudarse o 1 de xuño.

Xunto coas oficinas municipais, outros servizos que viña prestando o Concello tamén tiveron que adaptarse ás novas circunstancias sanitarias para poderen reanudar a súa actividade. Por agora seguen pechadas ou con acceso restrinxido as instalacións culturais e os locais sociais de titulariedade municipal, de maneira que moitas propostas se desenvolverán, de momento, ao aire libre e garantindo o distanciamento social.

  • A Biblioteca municipal volverá á súa actividade presencial dende o día 1 de xuño, en horario de 16.30 a 21.00h. A sala de lectura terá un aforo limitado a só dúas persoas á vez e xa se reactivou o servizo de préstamo de libros, aínda que, unha vez usados, os volumes deben permanecer en corentena. Polo momento non se poden consultar as coleccións de libre acceso que hai nos andeis.
  • Por outra banda, o Ximnasio municipal permanecerá pechado, pero as persoas que queiran realizar actividade fisica poderán poñerse en contacto co técnico deportivo chamando ao teléfono 647 491 371. Os exercicios desenvolveranse en grupos -mantendo a separación- e ao aire libre. Esa será tamén a fórmula elixida para retomar as clases de ximnasia de mantemento que se ofrecen nas parroquias.
  • A Concellaría de Cultura tamén contactou co profesorado das escolas de gaita, pandeireta e de cantos de taberna para que sondeasen a posibilidade de recuperar durante os meses de verán o tempo perdido por mor do confinamento. Estas actividades desenvolveríanse tamén ao aire libre e respectando o distanciamento social. De feito, o grupo de cantos de taberna xa fixo o seu primeiro ensaio presencial onte á tarde nos xardíns municipais. Os obradoiros de memoria recuperaranse, se a situación o permite, no outono, aínda que hai programadas algunhas actividades para este mes de xuño.
  • Os locais de titulariedade municipal Casa da Xuventude, Casa da Cultura e os xestionados por entidades sen ánimo de lucro permanecerán pechados agás para actividades co límite de aforo sinalado para a Fase 2 -máximo un terzo da súa capacidade e gardando a distancia de 2 metros- e o que se indique para a Fase 3 -previsiblemente a partir do 8 de xuño-, que eleva o aforo máximo á metade do local coa obriga de respectar a distancia de seguridade. No caso do auditorio da Casa da Cultura o aforo máximo na fase actual é de 20 persoas. Este serán celebrarase alí unha charla organizada pola asociación gandeira Prolega que a entidade programou con reserva previa e, de ser necesario, se dividirá en quendas programando novas convocatorias nos próximos días para cumprir coa normativa sanitaria.
  • As actividades organizadas por entidades veciñais ou sociais en recintos de titulariedade municipal deberán contar con autorización previa por parte do Concello. A área de Desenvolvemento local retomará ao longo de xuño varios cursos que quedaron interrompidos, dos que se informará a través da web municipal e das redes sociais proximamente.
  • A aula da Rede Cemit continúa organizando actividades en liña pero non presenciais.
  • piscina muncipal seguramente retrasará a súa apertura até o mes de xullo con aforo limitado.

 

Share.