O bo tempo propicia o arranque das obras de reparación en varias vías municipais

0

Desde a semana pasada a maquinaria ten tomadas varias pistas do concello para levar adiante as obras de reparación de estradas incluídas no Plan de Obras e Servizos da Deputación e no Plan Marco de mellora de camiños municipais do AGADER. Canda elas tamén se iniciaron os traballos de construción dunha senda peonil no lugar das Loibas, en Bardaos, froito dun convenio de 112.000 euros asinado en abril co organismo provincial e que, ademais, tamén prevé o aglomerado de quilómetro e medio do principal eixo de comunicación desta parroquia. Concretamente o tramo que une a estrada de Ortigueira co cruce da Bañoca. Nestes momentos tamén se iniciou o aglomerado da pista da depuradora, sufragado cunha axuda da Xunta, e só quedarían por comezar as obras correspondentes ao PAS, outro programa provincial no que San Sadurniño incluiu a construción dunha senda peonil en Naraío, o adecentamento do contorno da piscina, unha urbanización parcial no lugar da Agra de Abaixo e a ampliación do abastecemento de augas ao lugar do Cochón.

O “Plan marco: mellora de camiños municipais de acceso a explotacións agrarias 2016” é unha convocatoria da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural que se financia principalmente con fondos europeos do FEADER.  A contía que lle correspondeu a San Sadurniño ascende a 85.228 euros máis o ive correspondente -que deberá asumir o Concello- e con ela estanse reparando xa  5,2 quilómetros de vías municipais. Así, en Naraío trabállase nas pistas A Fraguela-Vilarxá e A Fraguela-As Nabeiras , en Lamas repararase o camiño Penacastrelo-O Vilar, e no Camiño Arriba tocaralle á pista desde Vilela ata O Freixo. En Bardaos hai tres actuacións: O Castro-A Bañoca, As Loibas-O Carbeiral e As Loibas-Fonte do Coto, que xuntan uns dous quilómetros de pistas. No caso de Santa Mariña repararase con cargo a este programa a pista da Pena.

Á hora de elixir as pistas, o Concello buscou cumprir os requisitos do programa do AGADER, manter o equilibrio territorial  das actuacións e darlle resposta a peticións xurdidas nas asembleas dos orzamentos participativos. Cómpre ter en conta, ademais, que nesta anualidade tamén se comprometeron intervencións noutras vías con cargo a outras convocatorias, como o POS  ou o PAS provinciais, dotados respectivamente con 204.000 e 278.000 euros.

A reparacións da rede viaria e a sendas peonís irán parar algo máis de 433.000 euros a través de 14 obras distribuídas polas sete parroquias do municipio. O investimento total sufragado con convenios e programas doutras administracións superará os 600.000 euros, englobando neles as melloras nas estradas e outras obras públicas como o acondicionamento do contorno da área deportiva de Currás, a urbanización da Agra, o saneamento no Cochón, unha senda peonil en Naraío e pavimentos novos para as pistas de Pontellas a Soutocalvo, de Prospes a Penacastrelo, Os Pantís-Pramado, e outras reparacións menores . Obras estas últimas que aínda non se iniciaron e que se incluíron no Plan de Acción Social da Deputación.

As que si se iniciaron foron as correspondentes ao POS e as referidas a un convenio suscrito entre o Concello e a Deputación para mellorar a seguridade do tráfico rodado e de viandantes en Bardaos. No primeiro caso, o do Plan de Obras e Servizos, tamén se están executando -ou farano nestes días- as pistas entre Regueiro Cavado e A Ribeira, da Penavidreira a Piñeiros, a que une o Chao do Pío con Racamonde de Abaixo, a pista dos Miguelares, o camiño do Albeiro, a pista Moimentos- A Golpilleira e o camiño do Laranxol, que une o núcleo do Outeiro coa área recreativa de Corrás.

No tocante ao convenio provincial, cifrado en 112.500 euros -inve incluído-, o proxecto contempla dúas actuacións: dunha banda a execución de 600 metros de beiravías no núcleo das Loibas e, doutra, o aglomerado de case quilómetro e medio de pista que vai desde a AC-862 ata o lugar da Bañoca. Deste xeito completarase  co mesmo firme o eixo de unión da estrada de Ortigueira coa DP-4905  que discorre polo medio da parroquia ata chegar á Cruz da Raíña. O aglomerado iniciarase en breve, pero a senda peonil -con tramos a cada lado da estrada ao seu paso polas Loibas- seguramente quede lista a mediados da semana que vén.

Por último, dentro deste repaso ás obras viarias, quedaba por comentar que esta mesma semana tamén comezaron os traballos de aglomerado da pista que vai desde a estrada de Pedroso ata a AC-862 pasando ao carón da EDAR municipal e por riba do río Xubia. É case medio quilómetro de vía que recolle a xeito de atallo boa parte do tráfico que vén da Portela, Silvalonga e Santa Mariña para coller a autovía Ferrol-Vilalba en Cornide. O proxecto, cifrado en 15.700 euros, conta cunha axuda da Consellería da Presidencia de 12.500 euros, o 80% do custe.

Share.