O bo tempo acompañou o primeiro mercado do verán

0

San Sadurniño viviu este domingo un novo día de mercado local, o primeiro do verán e, ademais, acompañado dunha ruta ciclista na que participaron máis de 70 deportistas de todas as idades. Foi unha mañá de tempo soleado e non demasiado caloroso que animou a pedalear e tamén a facer algunhas compras nun xardín municipal ben aprovisionado de todo en canto a produto da terra e, máis que nada, de artesanía, ferraganchos e roupa.

O mercado desenvolveuse cunha boa afluencia de público e cuns 60 postos presentes, entre os que destacou a presenza de artesanía e segunda man, aínda que tamén houbo venda de produto elaborado e fresco, principalmente horta: tomates, cebolas, cogombros, cabaciños, leituga, cereixas e feixóns verdes… e ofertas tan interesantes como a de levar dous quilos de froita por dous euros botando na bolsa as variedades que quixesemos, como mirabeis, mazás, ameixas, etc.

En canto a alimento o que mellor saída tiveron foron as cereixas e os amorodos, aínda que tamén houbo quen aproveitou para levar queixos, marmeladas e embutidos. Máis da metade do espazo estivo ocupado por artesanía e postos de segunda man que habitualmente traen ata San Sadurniño unha chea de curiosidades entre as que, ás veces, aparece algún tesouro (un disco difícil de atopar, algún adorno vintage para a casa, xoguetes dos 80 e 90…). Nesta ocasión si se notou unha maior presenza de expositores de roupa, tanto nova como usada, con prezos a partir de un euro.

A diferenza doutras citas no xardín municipal, na deste primeiro mercado do verán puidemos asistir a varias charlas organizadas pola asociación ConcienciArte. Foron catro concentradas nunha hora. A primeira delas sobre as enerxías libres e o funcionamento dos controvertidos motores Bedini, a segunda sobre a necesidade de frearmos o ritmo -e o sistema- de crecemento actual se queremos salvar o planeta, a terceira ao respecto da cooperación en espazos rurais e, a última das charlas, sobre os obxectivos que persegue esta asociación asentada na antiga escola de Silvalonga.

A entidade ten programadas varias actividades para o verán. Este sábado organizan un obradoiro de recollida e identificación de plantas coas que elaborar preparados para protexer das pragas os cultivos ou os xardíns. Para o día 15 de xullo puxeron un obrador de pan no que se poderán aprender distintos tipos de panificacións. Para inscribirse ou informarse hai que chamar ao 650 651  436.

Éxito da ruta ciclista

Na ruta ciclista participaron máis de 70 persoas

Na ruta ciclista participaron máis de 70 persoas

Na mañá deste domingo tamén tivemos a tradicional ruta ciclista para toda a familia na que se adoita dar unha volta polas cercanías de San Sadurniño percorrendo pistas sen demasiado desnivel e a un ritmo máis de paseo que de carreira.

Este ano houbo 72 participantes de todas as idades, que fixeron un circuíto de 13 quilómetros tendo como punto de saída o colexio público. A ruta comezou pouco despois das 11 da mañá encamiñándose á Agra, desde alí á estrada de Pedroso e finalmente cara á capela da O, onde se fixo un pequeno descanso de avituallamento. Logo retomouse a marcha seguindo as pistas da parcelaria para volver á estrada de Pedroso con destino a San Sadurniño.

A marcha ciclista percorreu un tramo do paseo fluvial e bordeou os xardíns municipais antes de regresar ao patio do CPI cerca das 13.00h.

Share.