O Biscordel bota os últimos “fueghos” do verán

0

Á volta duns días entraremos no outono, aínda que o tempo caloroso das últimas xornadas pareza dicir o contrario. O verán vai a menos e con el tamén as festas patronais que adoitan concentrarse nos meses de xullo, agosto e, en menor medida, setembro. Tralo multitudinaria Santa María -San Pipote- da semana pasada en Bardaos, este sábado e máis este domingo tócalle a Igrexafeita honrar á súa patroa  como merece: con gaitas, misa, procesión, función e verbena os dous días. O Biscordel será a última festexada do verán, a derradeira oportunidade de escoitar  o”fuegho” estival. Porén, aínda quedan algunhas citas máis para as próximas semanas: concentración de coches clásicos en Naraío e unha grande churrascada en Santa Mariña do Monte.  

En Igrexafeita está todo listo para o Biscordel. As casas preparadas, a igrexa empatenada, os ingredientes do menú agardando impacientes para entrar na pota ou no forno e o campo da festa xa preinstalado para acoller a parte musical da celebración. Alí, moi pretiño do toldo, a comisión mesmo retirou onte un niño de velutina situado nun loureiro. Non vaia ser que ás avespas asiáticas lles dea por facer coma ás de aquí, por meterse nos vasos de vermú ou nos botes de zume. Ou peor aínda, que decidan rebelarse contra a estourería da función expulsando do seu territorio a veciñanza e xente convidada á patroa.

En calquera caso, que ninguén tema: o campo da festa está xa libre do perigo das velutinas, rozado, segado con mimo e cuberto cunha grande carpa, elemento innecesario porque non vai chover pero si de grande axuda para aliviar os efectos do recío nocturno sobre os lombos quentes polo baile.

A festa comezará ben cedo coas alboradas dos Berros do Castro. O grupo tradicional ten no Biscordel un dos seus feudos musicais. As comisións cambian, muda a paisaxe, imos indo máis ao vello… pero a igrexa, os santos e santas, o crego, a concorrida procesión e os Berros son elementos case inmutables. A formación comezará a percorrer a parroquia ben cedo e, seguramente, seguindo a ruta habitual de subir a Solposto, andar o cordal do Forgoselo e despois ir vindo cara ao Castro, o Cando, o Couce, a Pena da Meda, Bouzamaior, Amido, o Outeiro, A Fraguela, A Ribeira, O Vilar, o Camiño Grande…. Igrexafeita non é unha parroquia de moita extensión, pero si dá que andar se hai que ir parando en cada sitio botarlle unha peza. Por iso, consonte a tradición, posiblemente queden lugares para percorrer pola tarde, tralo parón da función.

O sábado haberá misa a partir das 13.30h. seguida dunha sesión vermú animada pola orquestra Versalles, quen repetirá na verbena da noite acompañada de Costa Oeste.

O esquema repetirase o domingo -xa sen pasacorredoiras tradicional- comezando coa honra de mediodía á Virxe do Biscordel que, de haber xente abonda -haina sempre-, sairá en procesión na compaña do Neno, do Santiago Matamouros e da imaxe de Nosa Señora que, ao igual que a figura principal, representa á Virxe María.

O remate da misa enganchará coa sesión de “fuegho” onde se adoita queimar unha cantidade de pólvora directamente proporcional ao saldo económico da festa, coma toda a vida. A tradición manda que a comisión faga unha previsión económica aproximada para organizar a patroa cunha partida para foguetes e morteiros  e, se hai superávit, o habitual é darlle máis corpus pirotécnico á festa do último día, algo que case sempre se decide a véspera, despois de certificar o cobro de todas as achegas veciñais prometidas.

Para o último día de Biscordel convidouse á orquestra Alaska, quen fará pase na sesión vermú e tamén na verbena.

En outubro, churrascada en Santa Mariña
Que nós saibamos, o Biscordel é a última festa patronal do verán. Este ano non hai o Belén de finais de setembro e temos que irnos xa ao mes que vén para atoparmos a próxima cita trouleira. Será en Santa Mariña do Monte o sábado 6 de outubro coa celebración ao pé do local social dunha grande churrascada con sesión vermú e festexada nocturna animada polo grupo Alma Latina.

Quen queira ir botar un baile pode facelo, pero se alguén desexa degustar o menú deberá inscribirse antes do 2 de outubro chamando ao 630 811 062 ou 699 374 094.

VIII Concentración de clásicos de Naraío dentro dunha semana
Antes da cita en Santa Mariña temos outra en Naraío o 22 de setembro que combina parte festiva e xoias automobilísticas. O lugar da Fontela acollerá ese sábado a VIII Concentración de vehículos clásicos de Naraío que organiza o Autoclub Clásicos Narón en homenaxe a Juan Soto Ferreira, veciño do lugar e grande amante de todo o relacionado co mundo do motor e das motos e coches antigos.

O comezo do evento está previsto para as 10.30h. cunha xuntanza de todos os vehículos participantes, que sairán en ruta ás 12.00h. con destino ao castelo de Moeche. Alí visitarase a fortaleza e, á saída, serviranse uns petiscos antes de regresar a Naraío.

A partir das 14.30h. haberá sesión vermú coa solista Cris López e a iso das 15.00h. servirase un xantar a base de empanada, paella, xamón cocido, cachelos, sobremesa, viño e café por un prezo de 22€ por persoa. É necesario reservar chamando aos teléfonos 627 468 411 ou 664 215 573. Ofrecen máis información sobre o evento tanto neses números como no correo clubclasicosnaron@hotmail.com.

Share.