O Belén despide as festas estivais

0

A parroquia de San Sadurniño vivirá o venres e mailo sábado dúas xornadas de troula coas que se dará por finalizado o calendario de festas estivais no municipio. Será ao pé da capela do Belén, situada no Campo da Feira, e baixo unha carpa que axude a levar mellor as noites frescas que estamos tendo. Juan Manuel García “Cobelo” e Adrián Gil son os funcionarios deste ano e xa levan varios meses traballando para ofrecer unha festa de altura que cadrará o sábado con xornada de reflexión. Ese día -o máis potente dos dous programados- o Belén contará coa orquestra Olympus e co grupo Pasión.

O venres a cousa será máis recollida e familiar, o que non quere dicir que non vaia haber festa a mazo aberta a quen queira pasar por San SadurniñoA comisión organizou unha churrascada a partir das 9 da noite cun prezo único de 20€ na que se servirán á mesa empanada, churrasco, cachelos, chourizos, sobremesa, viño e café. A razón de que fagamos a nova hoxe e non o venres é que as reservas para a churrascada hai que facelas mañá xoves como moi tarde chamando aos teléfonos 620 574 937 e 630 288 080. A parte musical da noite correrá por conta do grupo Mayel.

O sábado o programa festeiro comezará ás 13.00h. cunha misa e a posterior procesión, seguidas ambas da sesión vermú co grupo Pasión. Este compartirá coa orquestra Olympus a responsabilidade de darlle marcha á verbena da noite, que arrancará a iso das 22.30h.

O Belén, punto de visita obrigado
A capela do Belén fundouse o 11 de xullo de 1707 por orde de María Rosa Álvarez de Reinoso, filla dos primeiros marqueses de San Sadurniño e irmá de Pedro Francisco, o segundo marqués, que morrería anos despois sen descendencia e, segundo parece, sen prestarlle moita atención ao señorío que herdara.

Malia que os documentos lle atribúen a fundación a María Rosa, quen sería a verdadeira impulsora da capela foi a súa nai, Francisca Ventura de Andrade, décima señora e primeira marquesa de San Sadurniño, que era quen realmente vivía no pazo e quen administraba os bens herdados polo seu fillo trala morte do seu marido, Pedro Álvarez de Reynoso y Argiz, en 1702.

Como queira que fose, o caso é que a capela naceu vencellada ao marquesado coa encomenda de que a sucesión no título se encargase  de “tenerla en pie y repararla todo lo necesario”. A finalidade do recinto era -e é- abogar polos nacementos e partos venturosos. Trátase dun pequeno edificio cuadrangular de cachotaría situado ao pé do cruce de camiños onde desde tempos inmemoriais se viña celebrando a feira e nun enclave próximo aos castro de San Sadurniño.

A capela é a única de San Sadurniño que se pode visitar durante todos os días do ano. Ten aberta a porta desde pola mañá ata a noitiña e no seu interior garda un retábulo sinxelo e unha talla da virxe co Neno en madeira, obra do creador artístico Carlos García.

O espazo forma parte da Ruta do Patrimonio de carácter circular deseñada polo Concello para dar a coñecer os elementos históricos que existen no núcleo municipal, entre eles o pazo da Marquesa, a igrexa de Santa María a Maior, o claustro do Convento do Rosario e o conxunto formado polo hórreo e a súa fonte. Esta ruta de 2.2 km. pode complementarse cos 3 km de percorrido da Ruta da Natureza que, con saída e chegada no Pazo, percorre o contorno do paseo fluvial e do arboredo de especies autóctonas.

Máis información:
Facebook do Belén 2016
Fálame de San Sadurniño

Share.