O autobús do proxecto RedMay revisará a saúde de persoas maiores durante toda a semana que vén

0

RedMay son as siglas do proxecto Rede de apoio e mantemento comunitario de persoas maiores nas zonas rurais mediante a tecnoloxía e a innovación, que se desenvolve no marco do programa europeo Interreg V A España-Portugal encabezado pola Consellería de Política Social, a Universidade de Vigo e a Cámara municipal de Braga. Dentro das accións previstas está a achega de servizos asistenciais por medio de unidades móbiles onde se farán revisións de saúde gratuítas. Un autobús do proxecto permanecerá na praza do antigo Concello de San Sadurniño entre o luns 10 e o venres 14 de xuño ofrecendo servizos ópticos, de podoloxía e de prevención do Alzhéimer. Para reservar cita hai que chamar ao 604 020 001.

Destas consultas gratuítas poderán beneficiarse as persoas maiores de 55 anos, que atoparán na unidade móbil unha atención especializada para a revisión e graduación da vista, pero tamén para a prevención, diagnóstico e tratamento das principais patoloxías dos pés, como a eliminación de durezas ou o control das uñas.

Porén, se cadra o máis interesante é o terceiro servizo que estará dispoñible no autobús, centrado na detección do Alzhéimer e outras enfermidades neurodexenerativas. Esquecementos habituais, o recordo de cousas do pasado pero non do que se fixo hai tan só uns minutos, non recoñecer lugares habituais ou non lembrar nomes de persoas próximas son só algúns indicadores que nos deben facer sospeitar que algo non vai ben.

Por iso o mellor é contar cun diagnóstico sobre que ocorre en realidade, xa que pode ser algo  propio da idade, pero tamén pode ser o arranque dun proceso de deterioramento cognitivo que cómpre tratar de forma axeitada. Neste sentido, a unidade móbil do programa RedMay conta con profesionais que farán probas de valoración cognitiva e proporannos exercicios e fichas de estimulación, orientadas tanto a unha detección precoz do Alzhéimer como a manter o cerebro en forma.

O autobús  estará en San Sadurniño desde o luns 10 ata o venres 14 atendendo 6 horas diarias divididas entre a mañá e a tarde. É imprescindible solicitar cita no 604 020 001. Trátase dun servizo totalmente gratuíto e, ademais, a unidade móbil conta con plataforma para o acceso de persoas con mobilidade reducida.

O programa RedMay botou a andar o pasado 27 de maio e San Sadurniño é un dos vinte municipios galegos -5 por provincia- que se beneficiarán desta iniciativa encadrada no programa transfronteirizo Interreg V A España-Portugal.

Campaña de doazón de sangue
Por outra banda, e sen saírmos do tema da saúde, lembramos que este venres 7 tamén estará en San Sadurniño o autobús da ADOS para facer extraccións de sangue. As persoas voluntarias poderán doar entre as 15.30 e as 21.00h. A unidade móbil asentará na praza do antigo Concello.A Sanidade Pública galega precisa unhas 500 doazóns de sangue diarias. A doazón é un acto seguro, sinxelo, cómodo e necesario para solucionar os problemas de saúde de moitas persoas e mesmo salvarlles a vida. Os hospitais precisan sangue todos os días para soster unha media diaria de 500 intervencións cirúrxicas, arredor de 2.700 urxencias e, tamén como promedio, uns tres trasplantes de órganos ou tecidos.
Os homes poden doar un máximo de 4 veces ao ano e as mulleres 3, deixando pasar entre cada doazón un mínimo de 2 meses. Os requisitos principais son o de ter unha saúde normal, pesar máis de 50 quilos e ter unha idade comprendida entre 18 e 65 anos. Tamén se pon como condición non doar ata dúas horas despois de xantar e, obrigatoriamente, levar o DNI.

Share.