O autobús das doazóns estará o venres e mailo sábado en San Sadurniño

0

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue de Galicia (ADOS), achegou solicitude para instalar unha das súas unidades móbiles na praza do antigo Concello, onde permanecerá este venres 22 de maio entre as 16 e as 21.00h. e o sábado desde as 10.00 até as 15.00h. A sanidade galega segue precisando das doazóns sanguíneas para soster as transfusións que se fan a diario, tamén nestes tempos de pandemia. Por iso se volve apelar á solidariedade da veciñanza facendo un pequeno xesto rápido e indoloro que axuda a salvar moitas vidas. Desde a ADOS informan, ademais, de que as doazóns son totalmente seguras, posto que se utiliza material dun só uso e adóptanse medidas hixiénicas e preventivas para evitar contaxios da COVID-19.

Os autobuses do centro de transfusións non pararon durante os últimos dous meses, aínda que agora, por mor do coronavirus, tiveron que establecer protocolos moi estrictos para para garantir a saúde do seu persoal e das persoas que acoden doar.

Desde a axencia recórdase que as unidades móbiles son espazos seguros. Neles cúmprense todos os requisitos normativos de seguridade sanitaria, fáiselle unha revisión previa a todas as persoas doadoras, emprégase material esterilizado dun só uso e o persoal que atende as extraccións vai debidamente equipado para protexerse e protexer.

Ademais tamén se lle pide ás persoas que acudan doar que, previamente, adopten todas as prevencións xerais: lavar as mans con frecuencia, non tocar ollos, nariz e boca, esbirrar contra o interior do cóbado ou contra un pano desbotable, gardar a distancia de alomenos dous metros mentres se agarda a vez para subir ao autobús, e, moi importante, non se debe ir doar se se tivo algún síntoma -tose, febre, dificultade para respirar- ou se se tivo contacto con persoas diagnosticadas de COVID-19.

A unidade móbil do centro de transfusións permanecerá na praza do antigo Concello o venres pola tarde e o sábado pola mañá. Non é obrigatorio pero si recomendable chamar ao 900 100 828 para pedir cita previa. Nese teléfono tamén nos facilitarán información sobre o procedemento da doazón e solventarannos calquera dúbida que poidamos ter ao respecto.

Poden doar sangue as persoas sás cun peso superior aos 50 quilos e maiores de idade. Débese agardar alomenos 2 horas despois de xantar. Se se vai pola mañá cómpre almorzar antes. Tamén hai que levar tarxeta de doazón -se se ten-, o DNI ou calquera documento acreditativo da identidade e informar ao persoal da unidade móbil sobre calquera medicamento que se estea tomando.

 

Share.