O amor non é sinónimo de control

0

25 de novembro, Día Internacional da eliminación da violencia contra da Muller. Unha data marcada no calendario en que se multiplican os actos reivindicativos dunha sociedade máis igualitaria e libre de todas as violencias que sofren as mulleres e as nenas en todo o mundo. E dicimos violencias porque non hai unha única violencia, senón moitas e todas relacionadas. Adóitase identificar sempre co maltrato físico, pero… ¿acaso o maltrato verbal non é violencia?, ¿acaso non é violencia tamén a chantaxe emocional?, ¿como se chama logo cando unha muller é anulada dentro e fóra do fogar por un home?, ¿que cualificativo se lle pode aplicar a unha relación de parella onde el domina e controla todo o que fai ela?. Son preguntas retóricas que veñen describir un problema que non entende nin de estratos sociais nin de idades e que, de feito, cada vez se deixa notar máis entre a xente nova. De aí que este ano o Concello estea cargando boa parte da programación do 25-N en traballar coa rapazada. Este mediodía o alumnado da ESO do colexio público asistiu a unha charla na que se insistiu moito en que amor e control son conceptos que non deben ir xuntos.

A sesión correu a cargo de Natalia Vázquez, membro da Asociación Pola Igualdade e a Coeducación (APICO), quen abriu a charla facendo unha breve introdución aos desequilibrios de xénero que aínda se producen na sociedade en canto a roles e responsabilidade no fogar. Estereotipos alimentados moitas veces pola publicidade -sempre somos as mulleres quen anunciamos lavalouzas e deterxentes- e baseados no histórico patriarcado sociocultural que, pouco a pouco, tenta racharse a base de educación e concienciación.

Un dos obxectivos principais do encontro coa mocidade foi o de falar do amor. Mellor dito, da concepción equivocada do amor que tamén se nos vende a través dos medios, da música, do cine, etc, e que atopa na adolescencia e a súa fervenza hormonal un caldo de cultivo idóneo para o xermolo de condutas violentas, entendendo violencia como esa relación que faciamos na intro da nova, que poden chegar ou non á agresión física.

Vázquez faloulles aos mozos e mozas dese “amor romántico” que se escenifica en filmes como os da serie “Crepúsculo”, onde as relacións se reflicten como a entrega absoluta, concibidas como algo case tráxico, en vez de ofrecer un punto de vista baseado no entendemento, a confianza e o respecto mutuo entre dúas persoas. Certo é que este exemplo é unha caricatura do que ocorre na vida real. No día a día hai as cousas son de verdade e a esas idades é doado que o amor romántico, idealizado e de fantasía, derive nun “amor tóxico” ou, máis ben, nunha “relación tóxica” presidida polo dominio e o control.

E se falamos de control hai que falar do uso das novas tecnoloxías, sobre todo dos móbiles, do whatsapp e das redes sociais. Novos xeitos de comunicación que tamén son novas ferramentas de vixilancia. Velaí dúas situacións ficticias que ben poderían ser reais:

A: Cal é a túa clave do móbil?
B: Non cha digo. ¿Para que queres ver o que teño no teléfono?
A: ¿Que pasa, tes algo que ocultarme?

ou estoutra;

A: Quen era o tipo que estaba ao teu lado na foto de Instagram?
B: Un amigo da pandilla
A: De onde é? E por que mirabas para el en vez de mirar para a cámara?
B: Eu que sei, cadraríalle
A: Xa, xa… cadraríalle… Pois espero que non vos cadre de saír en máis fotos xuntos… e como o vexa por aí voulle cadrar eu a el a cara

Na charla impartida por APICO explicouse por activa e por pasiva que amor non é sinónimo de control e deuse a entender que, se ben as novas tecnoloxías son ferramentas utilizadas en ocasións para o dominio, pola mesma razón son tamén unha alarma que nos faga abrir os ollos sobre a realidade da relación na que estamos e que, se cadra, non é a que máis nos convén.

Antes de rematar a charla, a rapazada expresou nun mural distintas mensaxes relacionadas coa igualdade entre homes e mulleres, entre mulleres e homes e sobre os contidos tratados. Nós quedamos con unha: “Se te controla non o permitas, iso non é amor”

Sábado, día dos actos centrais do 25N
A maioría das actividades co gallo do Día Internacional da eliminación da violencia contra da Muller concentraranse na xornada deste sábado. A partir das 11.00h. a Casa da Cultura acollerá o Encontro de autoprotección contra a violencia de xénero, co obxectivo  de que as mulleres participantes poidan adquirir as destrezas e as habilidades necesarias para xestionar positivamente situacións de risco e ter unha percepción de maior seguridade persoal se se chegan a producir. A actividade prolongarase despois das 14.00h. cunha xuntanza de convivencia das mulleres asistentes ao obradoiro.

Pola tarde, a partir  das 16.30h., comezará na Casa da Mocidade a mesa A violencia de xénero na adolescencia, na que intervirán a educadora social Noelia Darriba, a psicóloga Paula Baldomir e o axente da Garda Civil e formador especializado en violencia de xénero Fernando Villar, coa moderación de Alejandro Gómez, mestre na materia da escola do Sindicato Unificado de Policía. A sesión, aberta á participación do público, abordará o crecemento dos casos de violencia machista entre a mocidade, que agora adopta novos xeitos de se manifestar por medio das redes sociais e da proliferación de dispositivos móbiles, utilizados en moitos casos como ferramenta de control dentro da parella. A palestra contará, ademais, coa lectura de dous poemas en boca da súa propia autora, a actriz e poeta Silvia Romaus.

Ao remate da charla entregaranse na Casa da Cultura os premios do III Certame galego das Artes pola igualdade de xénero. Un acto que comezará ás 18.30h. e no que participará como convidada a realizadora Xisela Franco como homenaxeada deste ano. O certame vencella a creación artística coa difusión dunha mensaxe a prol da igualdade real entre mulleres e homes e, ademais, destaca o labor de figuras femininas que son un referente en campos como a música, a literatura ou, neste caso, o audiovisual. A proposta de 2016 elixiu á cineasta, documentarista e docente Xisela Franco. Licenciada en Comunicación Audiovisual e Humanidades, Franco ten unha longa traxectoria tanto na experimentación visual como na produción de obras para cine e televisión. Entre elas destaca a curta “Cruz Piñón”, gravada dentro do primeiro Chanfaina Lab e premiada no Curtocircuito 2015.

No transcurso do acto tamén se lerá a declaración institucional consensuada esta mesma semana polos tres grupos políticos con representación municipal.

Share.